Salto de lonxitude
proba de atletismo / From Wikipedia, the free encyclopedia
O salto de lonxitude é unha proba do actual atletismo consistente en percorrer a máxima distancia posible no plano horizontal a partir dun salto tras unha carreira. A carreira previa debe realizarse dentro dunha área existente para iso, que finaliza nunha táboa de batida que indica o punto límite para realizar o impulso. A caída ten lugar sobre un foso de area. A distancia do salto mídese desde a táboa de batida ata a marca máis atrasada sobre a area feita por calquera parte do corpo do atleta, e consta de catro partes: carreira, impulso, voo e caída.
Os competidores realizan tres saltos cada un e os oito mellores pasan á seguinte rolda doutros tres saltos. Sempre se ten en conta o salto máis longo. En caso de empate gañará, entre os dous atletas, o que realice o segundo salto máis longo.
É proba olímpica na categoría masculina desde a súa primeira edición celebrada en Atenas en 1896. A categoría feminina da proba debutou nos Xogos celebrados en Londres en 1948. Porén esta proba xa se realizaba nos Xogos Olímpicos da Antigüidade, polo menos desde o ano 708 aC incluída dentro da proba do péntatlon.