Santa Compaña
na mitoloxía galega, procesión de mortos ou ánimas en pena / From Wikipedia, the free encyclopedia
A Santa Compaña é unha procesión de mortos ou ánimas en pena que percorren os camiños dunha parroquia. Trátase dun tema do folclore galego. O tema das procesións de mortos e/ou de ánimas é propio da literatura e das tradicións culturais da Europa occidental dende a Idade Media. A zona xeográfica "galega" na que a Santa Compaña influíu máis notoriamente considérase que é o territorio correspondente á antiga Gallaecia, incluíndo o norte de Portugal e Asturias[1], xa que esta zona posúe características que a identifican como unha comunidade, reflectidas nos seus contos e na súa literatura e testemuñas do fenómeno.
A crenza na Santa Compaña, analizada por Vicente Risco como unha tradición cristiá de poucas pegadas anteriores, está rexistrada por outras fontes anteriores vinculada a tradicións europeas de raigame diferente, integrada máis ou menos ao cristianismo. Recollendo isto por exemplo Martín Sarmiento despois da súa viaxe a Galicia como elemento da antiga cultura aínda vixente. Logo, nos séculos seguintes, atópase en dicionarios, almanaques e na literatura, con máis ou menos consideración da súa función na cultura tradicional galega. Ramón María del Valle-Inclán deulle o toque máis poético. Está tamén estudada dende finais do século XX coma un elemento da antropoloxía cultural galega.
Na súa función de mito, a disgregación da crenza ilustra a desestruturación e a desintegración das partes constituíntes da antiga sociedade galega, é dicir, a desaparición dun estilo de vida tradicional anterior que se constrúe dende a urbanización e a industrialización modernas. Polo tanto a cultura popular de finais do século XX e comezos do XXI considera a Santa Compaña como unha das lendas da mitoloxía popular galega máis arraigada no medio rural[2].