Secreción
proceso de elaborar, liberar e expulsar substancias químicas por parte dunha célula ou glándula / From Wikipedia, the free encyclopedia
A secreción é o proceso de elaborar, liberar e expulsar substancias químicas por parte dunha célula ou glándula. Tamén se chama secreción á substancia liberada. O acto de verter a secreción chámase segregar (non secretar)[1]. A diferenza da excreción, a substancia debe ter unha certa función, en lugar de ser un produto residual a eliminar (como a urina na excreción). O mecanismo clásico de secreción celular é por medio de portais secretores da membrana plasmática da célula chamados porosomas[2]. Os porosomas son estruturas lipoproteicas permanentes con forma de copa situadas na membrana plasmática, nas que as vesículas secretoras se unen e fusionan transitoriamente para liberar o seu contido de produtos intracelulares fóra da célula. Nos eucariotas a forma máis común ou clásica de secreción é a exocitose, mais hai tamén outros mecanismos non clásicos.
A secreción nas especies bacterianas é o transporte ou translocación de moléculas efectoras, como por exemplo: proteínas, encimas ou toxinas (como a toxina colérica en bacterias patóxenas como Vibrio cholerae) desde o interior da bacteria (citoplasma ou citosol) ao exterior da célula. A secreción é un mecanismo moi importante no funcionamento e actuación bacterianos no medio natural que as rodea para así adaptarse e sobrevivir.