Problema das pontes de Königsberg
From Wikipedia, the free encyclopedia
O problema das pontes de Königsberg, tamén chamado máis especificamente problema das sete pontes de Königsberg, é un soado problema matemático, resolto por Leonhard Euler en 1736 e cuxa resolución deu orixe á teoría de grafos.[1] O seu nome débese a Königsberg, a cidade de Prusia Oriental e logo de Alemaña que en 1945 se converteu na cidade rusa de Kaliningrado.
Esta cidade está atravesada polo río Pregel (en ruso Pregolya) que se bifurca para rodear cos seus brazos a illa Kneiphof,[2] dividindo o terreo en catro rexións distintas, que entón estaban unidas mediante sete pontes chamadas Ponte do ferreiro, Ponte conectora, Ponte verde, Ponte do mercado, Ponte de madeira, Ponte alta e Ponte do mel.[3] O problema foi formulado no século XVIII e consistía en atopar un percorrido para cruzar a pé toda a cidade, pasando só unha vez por cada unha das pontes, e regresando ao mesmo punto de inicio.[4]