Showtime (baloncesto)
From Wikipedia, the free encyclopedia
En baloncesto, o Showtime (tempo de espectáculo) foi unha época na historia do equipo de Los Angeles Lakers xogando na National Basketball Association (NBA) entre 1979 e 1990,[1] cando puxo en práctica un espectacular sistema baseado no estilo de xogo run and gun (correr e tirar). Liderado polos carismáticos xogadores Magic Johnson como pasador e Kareem Abdul-Jabbar como anotador, o seu xogo baseouse no contraataque e gañou cinco campionatos da NBA.[2]
Cinco dos integrantes do equipo: Johnson, Abdul-Jabbar, Jamaal Wilkes, Bob McAdoo e James Worthy, foron incluídos no Basketball Hall of Fame como recoñecemento á súa contribución ao mundo do baloncesto,[3] e o club retirou ademais como homenaxe os números das camisolas de Johnson (#32), Abdul-Jabbar (#33), Worthy (#42) e Wilkes (#52).[4][5] A súa formación da tempada 1986-87 foi incluída pola liga en 1996 entre os dez mellores equipos da historia da NBA.[6]
O propietario dos Lakers na época, Jerry Buss, mercou o equipo en 1979, e dende un principio procurou o entretemento nos seus partidos.[7] Insistiu en que os Lakers adoptasen un estilo de ritmo rápido, creou un grupo de cheerleaders para o equipo (as Laker Girls) e unha banda en vivo para os seus partidos como locais en The Forum de Inglewood.[8]
O Showtime converteuse nun fenómeno deportivo e provocou que diversas celebridades de Hollywood se afeccionasen o equipo e fosen espectadoras asiduas dos seus encontros.[8]