Simetría
From Wikipedia, the free encyclopedia
O termo simetría (do grego συμμετρία symmetría "medida conxunta"[1]) ten xeralmente dous significados. O primeiro fai referencia a un concepto impreciso de harmonía ou estética que resulta agradábel e pracenteiro aos sentidos Así o escultor grego Policleto, nun libro seu sobre as proporcións, ligaba a simetría coa beleza. O segundo significado é máis preciso e está relacionado con certas propiedades xeométricas que denotan patróns de autosimilitude ou de repetición que posúen algúns corpos, como ocorre, por exemplo, na simetría bilateral[2].
Aínda que ambos significados son distinguíbeis nalgúns contextos, na maioría das ocasións aparecen intimamente ligados.
O concepto de simetría aparece en infinidade de situacións. Así, pode ser observada:
- con respecto ao paso do tempo;
- como unha relación espacial;
- en transformacións xeométricas como homotecias, reflexións e rotacións;
- a través doutras clases de transformacións funcionais como, por exemplo, na repetición regular dun patrón no pavimento, en transformacións complexas de ecuacións, ou na maneira en que se executa unha peza musical.
- como unha característica de obxectos abstractos[3], de teorías científicas, da linguaxe, da música e, mesmo, do coñecemento en si[4].
O contrario da simetría é a asimetría.