neurocientífica galega From Wikipedia, the free encyclopedia
Sonia Villapol Salgado, nada en Bretoña (A Pastoriza) o 8 de maio de 1977, é unha neurocientífica galega. Traballa no Texas Medical Center de Houston, onde é investigadora principal e profesora no Center for Neuroregeneration no Methodist Hospital Research, nos Estados Unidos de América.[1][2]
(2022) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 8 de maio de 1977 (47 anos) Bretoña, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela Universidade Autónoma de Barcelona |
Actividade | |
Ocupación | neuróloga , investigadora |
Lingua | Lingua castelá, lingua inglesa e lingua galega |
Familia | |
Pai | Fernando Villapol |
Filla do escultor Fernando Villapol Parapar[3] e María Antonia Salgado, estudou na Universidade de Santiago de Compostela, acadando a licenciatura en Bioloxía con especialidade en Bioloxía molecular e Biotecnoloxía en 2003. Posteriormente trasladouse a Barcelona onde realizou un máster en Neurociencia e comezou os estudos de doutoramento no departamento de Bioloxía Celular, Fisioloxía e Inmuloxía da Universidade Autónoma de Barcelona. No ano 2007, defendeu a súa tese que trataba sobre os mecanismos da morte celular que ocorren no cerebro, obtendo unha cualificación de sobresaínte cum laude[4].
Tras esta experiencia estableceuse en Francia entre os anos 2007 e 2010, onde traballou como investigadora post-doc no Centre National de la Recherche Scientifique (CNRS) na Universidade Pierre et Marie Curie e no INSERM en París. Tras esta etapa continuou a súa carreira nos Estados Unidos colaborando co Instituto Nacional da Saúde (NIH) e co Centro de Neurociencias e Medicina Rexenerativa[5].
En 2014 comezou a traballar na Universidade de Georgetown coma profesora asistente no departamento de Neurociencia. O ano seguinte, as prestixiosas revistas American Journal of Pathology (dos Estados Unidos) e Brain (editada en Oxford), publicaron en outubro e novembro respectivamente un seu traballo no que demostraba que un dano cerebral podía derivar nunha doenza hepática.[6]
Sonia Villapol forma parte do Equipo de Investigación Internacional de covid-19, coordinando un equipo internacional de neurocientíficos que analiza como afecta o coronavirus ao cerebro e ao sistema nervioso e os seus efectos a longo termo.[7][8]
Publicou máis de setenta artigos científicos e a súa investigación céntrase no estudo da inflamación e da dexeneración do cerebro, na enfermidade de alzhéimer, na microbiota ou nos efectos da Covid.[9]
En xuño de 2022, no Paseo dos Soños de Vilalba dedicóuselle o décimo Hectómetro Literario, por iniciativa da Asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María.[10] Con motivo da homenaxe ela declarou o seu compromiso co galego:
"Falar en galego a conciencia, e ás veces contracorrente, é un dos maiores praceres que existen. Escribilo e empregalo coma ferramenta, é a culminación. Levo facéndoo toda a vida".[11]
Ten colaborado coa revista Grial;[12] así, publicou no número 233, xunto con Xosé Guillerme Rodríguez Osorio, "Beneficios do bilingüismo no cerebro infantil".[13] Tamén adoita publicar e colaborar con diversos medios de comunicación galegos como Praza[14] ou La Voz de Galicia[15]
Recibiu en 2020, o nomeamento de Lucense do ano no apartado de ciencia[16] e en outubro de 2023, foi pregoeira das Festas de san froilán en Lugo.[17]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.