Tartaruga mariña carei
From Wikipedia, the free encyclopedia
A tartaruga mariña carei[4] ou tartaruga carei (Eretmochelys imbricata) é unha especie de tartaruga mariña da familia dos quelónidos, que se encontra en perigo crítico de extinción.[1] É a única especie do xénero Eretmochelys. Existen dúas subespecies, Eretmochelys imbricata imbricata que se pode encontrar no océano Atlántico e Eretmochelys imbricata bissa, localizada na rexión indo-pacífica.[5] É unha das especies de tartarugas mariñas que visita as costas galegas (ver Lista de réptiles de Galicia).
Tartaruga carei | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Tataruga carei na illa de Utila, Honduras. | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
Crítico[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Eretmochelys imbricata' (Linneo, 1766) | |||||||||||||||
Subespecies | |||||||||||||||
Eretmochelys imbricata bissa (Rüppell, 1835) |
O seu aspecto é similar ao doutras tartarugas mariñas. Ten un corpo plano, unha coiraza ou cuncha protectora, e as súas extremidades en forma de aletas están adaptadas para nadar en mar aberto. Distínguese doadamente doutras tartarugas mariñas polo seu peteiro bicudo e curvado cunha prominente mandíbula superior (tomium) e polas beiras en forma de serra da súa coiraza. Aínda que a tartaruga pasa parte da súa vida en mar aberto, atópase máis frecuentemente en lagoas costeiras de pouco fondo e arrecifes de coral, onde encontra facilmente ass súas presas preferidas, as esponxas de mar. Algunhas das esponxas das que se alimenta son altamente tóxicas e letais para outros organismos polo seu alto contido de óxido de silicio, o que converte á tartaruga carei nun dos poucos animais que poden alimentarse de organismos silíceos. Tamén se alimentan doutros invertebrados, como ctenóforos e medusas.[6]
A causa das prácticas de pesca humanas, as poboacións desta especie en todo o mundo están en serio perigo, polo que foi clasificada pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza como especie en perigro crítico de extinción.[1] Varios países, como a China e o Xapón, cazáronas pola súa carne, considerada un manxar. A cuncha destas tartarugas e o material que as forma (tamén chamado carei, que tamén se obtén doutras tartarugas) foi empregado para a fabricación de obxectos decorativos. Segundo o Convenio sobre o Comercio Internacional de Especies de Fauna e Flora Salvaxe Ameazadas (CITES), a captura e o comercio destas tartarugas e os seus produtos derivados son ilegais en moitas nacións.[7]