Tese de Hockney–Falco
From Wikipedia, the free encyclopedia
A tese de Hockney–Falco é unha teoría da historia da arte, avanzada polo artista David Hockney e o físico Charles M. Falco. Ambos afirmaron que os avances no realismo e precisión na historia da arte occidental desde o Renacemento foron principalmente o resultado de instrumentos ópticos como a cámara escura, a cámara lucida e os espellos curvados, e non foron debidos, polo menos non unicamente, ao desenvolvemento da técnica e habilidade artísticas en poucos anos a partir do século XV. Posteriormente o uso da fotografía por parte dos artistas do século XIX xa fora ben documentado,[1] e outros postularan o seu uso a partir do barroco final, no século XVIII.
Nun libro de 2001, Secret Knowledge: Rediscovering the Lost Techniques of the Old Masters, Hockney analizou o traballo dos vellos mestres e argumentou que o nivel de precisión representado no seu traballo é imposible de recrear só "mirándoo". Desde entón, Hockney e Falco produciron unha serie de publicacións sobre evidencias positivas do uso de axudas ópticas e da verosimilitude histórica destes métodos. A hipótese levou a unha variedade de conferencias e acaloradas discusións.