From Wikipedia, the free encyclopedia
The Voyage of the Beagle (A viaxe do Beagle) é o título polo que é máis coñecido o libro escrito por Charles Darwin e publicado en 1839 co título Journal and Remarks (Diario e observacións), que lle deu unha gran fama e consideración. Era o terceiro volume da obra The Narrative of the Voyages of H.M. Ships Adventure and Beagle (A narración das viaxes dos barcos da súa maxestade Adventure e Beagle); os outros volumes foran escritos ou editados polos comandantes dos barcos. Journal and Remarks relata os traballos e andanzas realizados por Darwin na segunda viaxe de expedición topográfica do barco HMS Beagle. Debido á popularidade que acadou o relato de Darwin, o editor reimprimiuno posteriormente en 1839 co título Journal of Researches (Diario de investigacións) de Darwin, e a segunda edición revisada publicada en 1845 utilizou este título. Porén nunha reedición do libro en 1905 cambióuselle o título a The Voyage of the "Beagle", polo cal é agora máis coñecido.[2]
The Voyage of the Beagle | |
---|---|
Autor/a | Charles Darwin |
Lingua | lingua inglesa |
Xénero(s) | libro de viaxes e nature writing |
Data de pub. | 1839 |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Beagle partiu do estreito de Plymouth o 27 de decembro de 1831 so o mando do capitán Robert FitzRoy. Aínda que a expedición estaba planeada para durar dous anos, acabou durando case cinco, xa que o Beagle non regresou ata o 2 de outubro de 1836. Darwin pasou a maioría do tempo explorando en terra (tres anos e tres meses en terra e 18 meses no mar), xa que desembarcou en moitos lugares onde recalou o barco e días despois volvíano a recoller. O libro é unha viva e excitante memoria de viaxes así como un detallado diario de campo científico tratando temas de bioloxía, xeoloxía e antropoloxía que demostra o agudo poder de observación de Darwin, escrito nun tempo cando os europeos occidentais estaban explorando e cartografando o mundo enteiro. Aínda que Darwin revisitou algunhas áreas durante a expedición, para maior claridade dos distintos capítulos do libro, estes están ordenados en referencia a lugares e non a datas.
As notas de Darwin feitas durante a viaxe incluían comentarios dando a entender os seus cambios de punto de vista sobre a fixeza das especies. Ao seu retorno, escribiu o libro baseándose nestas notas, nunha época na que el estaba empezando a desenvolver as súas teorías da evolución a partir dun ascendente común e da selección natural. O libro inclúe algunhas suxestión das súas ideas, particularmente na segunda edición de 1845.
Darwin foi invitado por FitzRoy a contribuír á sección de historia natural do relato do capitán da viaxe do Beagle. Usando as súas notas de campo e o diario que fora enviando a casa para que o lese a súa familia, completou esta sección en setembro de 1837. FitzRoy tivo que editar as notas de anteriores capitáns do Beagle (en previas viaxes), así como o seu propio relato desta segunda viaxe e das expedicións previas dos dous barcos.
O relato foi completado e publicado como un cuarto volume en maio de 1839 co título Narrative of the Surveying Voyages of His Majesty's Ships Adventure and Beagle.[3] O volume un cobre a primeira viaxe baixo o comandante Phillip Parker King, o volume dous é o relato de FitzRoy da segunda viaxe. O Journal and Remarks, 1832—1835 de Darwin forma o terceiro volume, e o cuarto volume é un extenso apéndice. O relato de FitzRoy inclúe Remarks with reference to the Deluge (Observacións con referencia ao diluvio) nos cales el retráctase do seu anterior interese nos escritos xeolóxicos de Charles Lyell e as súas observacións a Darwin durante a expedición de que as características sedimentarias que viron "nunca podían ser efectuadas por unha inundación de corenta días", afirmando o seu renovado compromiso cunha lectura literal da Biblia.[4] El casara ao regreso do barco e a súa muller era moi relixiosa.[5]
As contribucións de Darwin foron moi populares e o editor, Henry Colburn de Londres, asumiu pola súa conta reeditar o texto de Darwin en agosto cun novo título que era Journal of Researches into the Geology and Natural History of the various countries visited by H.M.S. Beagle (Diario de investigacións en xeoloxía e historia natural dos varios países visitados polo H.M.S. Beagle)[3] aparentemente sen pedir permiso a Darwin ou pagarlle unha cantidade.
A segunda edición de 1845 incorporaba amplas revisións feitas á luz da interpretación das coleccións de campo e ideas en desenvolvemento sobrte a evolución. Esta edición fora encargada polo editor John Murray, que lle pagou a Darwin 150 libras polos dereitos de autor. O título foi modificado a Journal of Researches into the Natural History and Geology of the countries visited during the voyage of H.M.S. Beagle round the world.[2]
Na primeira edición, Darwin fai observacións sobre a semellanza da vida silvestre das Galápagos coa do continente Suramericano: "As circunstancias serían explicadas, segundo o punto de vista dalgúns autores, dicindo que o poder creativo actuou de acordo coa mesma lei sobe unha área ampla". (Isto escribírao en referencia ás ideas de Charles Lyell de "centros de creación".) Darwin fai notar a gradación en tamaño dos peteiros das especies de pimpíns, sospeita que as especies "están confinadas en diferentes illas"... "pero non hai espazo neste traballo, para entrar neste curioso suxeito."
Posteriores edicións insinúan as súas novas ideas sobre evolución:
Considerando o pequeno tamaño destas illas, sentímonos máis abraiados polo número dos seus seres aborixes, e a súa área de distribución confinada... nun período xeolóxico recente o océano ininterrompido estaba aquí estendéndose. Por tanto, tanto no espazo coma no tempo, parécenos que nos achegamos algo a ese gran feito – ese misterio de misterios – a primeira aparición de novos seres nesta terra.
Falando dos pimpíns coa súa gradación de tamaños e peteiros, escribe "un debería realmente imaxinar que a partir dunha escaseza orixinal de aves neste arquipélago, tomouse unha especie e modificouse para dar diferentes finais."
En 1890 John Murray publicou unha edición ilustrada do libro, a suxestión do artista Robert Taylor Pritchett que era xa coñecido por acompañar as viaxes de RYS Wanderer e Sunbeam, e realizar pinturas utilizadas en libros destes cruceiros.[6] No seu prefacio a esta edición do Journal and Researches, Murray dixo que a maioría "das vistas que figuran nesta obra fixéronse a partir de bosquexos feitos no lugar por Mr. Pritchett, co libro do sr. Darwin ao seu lado", e as ilustracións foron "elixidas e verificadas co máximo coidado e esforzo".[1]
Para facilitar a lectura, os capítulos do libro dispuxéronse baseándose na xeografía en vez de nunha secuencia cronolóxica exacta dos lugares que Darwin visitou ou revisitou.[7] Os principais títulos (e nalgúns casos subtítulos) de cada capítulo dan unha boa idea de onde foi, pero non na secuencia exacta. Pode consultsarse a Segunda viaxe do Beagle para unha sinopse detallada das viaxes de Darwin. A lista de contidos no libro tamén anota os tópicos discutidos en cada capítulo, que non se mostran aquí para maior simplicidade. Os nomes e ortografías son as que utilizou Darwin e os títulos están na súa forma orixinal en inglés. A lista seguinte está baseada no Journal and Remarks de 1839.
Na segunda edición, o Journal of Researches de 1845, os capítulos VIII e IX foron fusionados nun novo capítulo VIII titulado "Banda Oriental and Patagonia", e o capítulo IX agora incluía "Santa Cruz, Patagonia and The Falkland Islands". Despois do capítulo X sobre Terra do Fogo, o capítulo XI modificou o seu título a "Strait of Magellan–Climate of the Southern Coasts". Os seguintes capítulos foron en consecuencia renumerados. O capítulo XIV recibiu o novo título de "Chiloe and Concepcion: Great Earthquake", e o capítulo XX quedou co título "Keeling Island:–Coral Formations", cun capítulo XXI final que seguía tendo o título de "Mauritius to England".
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.