Ukiyo-e
arte xaponesa / From Wikipedia, the free encyclopedia
O ukiyo-e (浮世絵 AFI: [u.ki.jo.e], "pintura[s] do mundo flotante"), ou estampas xaponesas,[1] é un xénero de arte xaponesa que floreceu entre os séculos XVII e XIX. Os seus artistas produciron impresións xilográficas e pinturas de mulleres, actores de kabuki e loitadores de sumo, escenas históricas ou de contos populares, escenas de viaxes e paisaxes, flora e fauna ou escenas eróticas.
| ||||||||||||
De esquerda a dereita e de arriba a abaixo:
| ||||||||||||
Este artigo amosa escritos xaponeses. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
Edo pasou a ser a sede do goberno do shogunato Tokugawa a comezos do século XVII. Os mercadores, no máis baixo da orde social naquel entón, foron os máis beneficiados do rápido crecemento económico da cidade e moitos deles gozaban do teatro kabuki, das cortesás e gueixas dos distritos de pracer. O termo ukiyo ("mundo flotante") pasou a describir este estilo de vida hedonista. As imaxes ukiyo-e, impresas ou pintadas, deste ambiente xurdiron a finais do século XVII e acadaron popularidade entre os mercadores, para entón xa suficientemente podentes como para permitirse decorar os seus fogares con elas.
As primeiras obras que acadaron o éxito popular foron as pinturas e impresións monocromáticas de mulleres fermosas de Moronobu nos anos 1670. A impresión en cor introduciuse posteriormente de forma gradual, inicialmente engadida a man para pedidos especiais. Na década de 1740 outros artistas como Masanobu usaron múltiples pranchas de madeira para estampar zonas de cor. Dende os anos 1760 o éxito das "estampas de brocado" de Harunobu provocou que a produción a cor se tornase no estándar, precisando dunha gran cantidade de pranchas para cada obra. Os especialistas en arte xaponesa outórganlle gran valor ós retratos de mulleres fermosas e de actores que produciron a finais do século XVII algúns dos considerados mestres deste xénero, como Kiyonaga, Utamaro e Sharaku. No século XIX seguíronlles outros dous dos considerados mestres do xénero, que destacaron polas súas paisaxes: Hokusai, autor da Grande onda de Kanagawa, unha das obras de arte xaponesa máis coñecidas; e Hiroshige, célebre pola súa serie das Cincuenta e tres estacións de Tōkaidō. Trala morte destes dous artistas, e coa modernización social e tecnolóxica xurdida trala restauración Meiji de 1868, a produción de ukiyo-e minguou de forma notable.
Algúns dos artistas de ukiyo-e especializáronse na produción de pinturas, mais a maioría das obras realizáronse por medio de impresións. Era moi pouco frecuente que os artistas entallasen as súas propias pranchas de madeira para a impresión. No seu lugar, o proceso de produción dividíase entre o artista que deseñaba a obra, o escultor que tallaba as pranchas, o impresor que realizaba as copias en papel washi, e o editor que financiaba, facía promoción e distribuía as obras. Xa que a impresión estaba feita a man, os impresores podían conseguir efectos imposibles de facer con máquinas, como a gradación de cores na prancha de impresión.
O ukiyo-e foi un dos principais elementos na formación da percepción occidental da arte xaponesa a finais do século XIX, especialmente grazas ás paisaxes de Hokusai e Hiroshige. Dende a década de 1870 o xaponismo pasou a ser unha tendencia prominente e tivo unha grande influencia nos primeiros impresionistas como Degas, Manet e Monet, así como en postimpresionistas como van Gogh e artistas de Art Nouveau como Toulouse-Lautrec. No século XX, produciuse un rexurdimento da estampación xaponesa: o xénero shin-hanga ("novas estampas") capitalizou o interese occidental nas estampas de escenas xaponesas tradicionais, e o movemento sōsaku-hanga ("estampas creativas") promoveu obras individualistas deseñadas, entalladas e impresas por un só artista. Dende finais deste século as estampas continuaron este estilo individualista, utilizando habitualmente técnicas importadas dende Occidente.