![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/d/d2/ZollvereinBIG_1834.png/640px-ZollvereinBIG_1834.png&w=640&q=50)
Unión Alfandegueira Alemá
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Unión Alfandegueira Alemá (en alemán: Deutscher Zollverein), tamén coñecida simplemente como Zollverein, é unha unión alfandegueira, comercial e monetaria establecida entre diversos estados alemáns, cuxa acta fundacional se asinou o 22 de marzo de 1833 e que entrou en vigor o 11 de xaneiro de 1834.[1]
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/d/d2/ZollvereinBIG_1834.png/640px-ZollvereinBIG_1834.png)
Verde: adhesións ata 1866.
Amarelo:adhesións posteriores.
Liña forte: Confederación Xermánica en 1828.
Liña tenue:Confederación Xermánica en 1834.
Dominada polo Reino de Prusia, substituíu as anteriores unións alfandegueiras entre Prusia e Hesse e entre os estados alemáns do Sur, así como a Unión Comercial de Alemaña Central. Os membros fundadores foron, ademais de Prusia, o landgraviato de Hesse-Kassel, o Reino de Baviera, o Reino de Württemberg, o Reino de Saxonia e o conxunto de estados que constituían a Turinxia. Ata 1836, adheríronse á Unión os estados do Gran Ducado de Baden, o Ducado de Nassau e Frankfurt do Main; en 1842 fíxoo Luxemburgo, o Ducado de Braunschweig e o Principado de Lippe; e en 1854 o Reino de Hannover e o Gran Ducado de Oldemburgo. A Unión abranguía, xa que logo, xusto antes da fundación da Confederación Alemá do Norte (1867) unha superficie de aproximadamente 425.000 quilómetros cadrados.[2]
Os obxectivos da Zollverein eran a creación dun mercado interior único e a harmonización das normas fiscais e económicas. No plano político, Prusia situábase no centro do taboleiro alemán e levaba á adopción da coñecida como "solución da Pequena Alemaña" (Kleindeutsche Lösung) durante a Unificación Alemá. Logo da fundación do Imperio Alemán en 1871, as funcións da Unión Alfandegueira fóronlle transferidas a este. Malia non formar parte do novo Estado, o Gran Ducado de Luxemburgo, reducido desde 1839 á súa extensión actual, formou parte da Unión Alfandegueira Alemá desde 1842 ata despois da I Guerra Mundial. Así mesmo, Alsacia-Lorena adheriuse á Zollverein entre 1871 e 1918.[2]