Verbo

clase de palabra / From Wikipedia, the free encyclopedia

O verbo é unha clase de palabra que funciona como núcleo do predicado e adoita indicar acción (traer, ler etc.), proceso (pensar, crer etc.) ou estado (existir, vivir, permanecer, ser etc.). En galego constitúe a clase de palabra máis variable.

Dependendo da lingua, hai moitos factores que fan que os verbos poidan mudar a súa forma, entre eles pódense atopar o tempo, o modo, o aspecto, a voz. Ademais, o verbo pode concordar en xénero, persoa e número con algúns dos seus argumentos (aos que normalmente se coñece como suxeito, complemento directo etc.).

As linguas en que os verbos son conxugados denomínanse linguas flexivas, e cada unha destas determina regras específicas para a conxugación dos seus propios verbos, diferindo notablemente estas entre un sistema lingüístico e outro. En galego, por exemplo, os verbos conxúganse dunha forma regular segundo a persoa, número, tempo e modo, e ademais con estruturas chamadas perífrases verbais que expresan modos e aspectos que non aparecen na conxugación regular. Como a terminación é distinta para cada persoa, o uso de persoais considérase a miúdo unha redundancia.

Noutros idiomas, por exemplo o francés, os verbos teñen terminacións distintas para cada persoa, pero debido á súa particular ortografía, moitas delas son homófonas, polo que o pronome si se considera necesario. Os verbos do idioma xaponés, por outra banda, non se conxugan coa persoa nin o número, polo que expresións como "日本語の本を読んでいます" (nihongo non hon wo yondeimasu) poden ser interpretados como "estou lendo un libro de xaponés", "están lendo un libro de xaponés", ou calquera persoa e/ou número, dependendo do contexto.