Vilosidade intestinal
From Wikipedia, the free encyclopedia
As vilosidades intestinais[1] ou villi intestinais (en singular villus) son pequenas proxeccións con forma de dedo que se estenden no lume do intestino delgado desde a mucosa da parede gastrointestinal. Nos humanos cada vilosidade mide aproxinmadamente 0,5–1,6 mm de lonxitude, e na súa superficie ten numerosas proxeccións microscópicas chamadas microvilosidades (microvilli) que se proxectan desde os enterocitos que forman o seu epitelio, formando en conxunto o que se chama un bordo estriado ou bordo en cepillo. As microvilosidades teñen aproximadamente 1 µm de lonxitude, polo que son unhas mil veces máis curtas que as vilosidades. As vilosidades intestinais son moito máis pequenas que os outros grandes dobramentos que se encontran na parede interna intestinal chamadas válvulas conniventes ou de Kerkin.
Vilosidade intestinal (na parede gastrointestinal do intestino delgado) | |
---|---|
Micrografía da mucosa do intestino delgado que mostra as vilosidades (metade superior da imaxe). Tinguidura de hematoxilina-eosina | |
Corte transversal de duodeno de gato. X 60. | |
Latín | villi intestinales |
Sistema | Sistema dixestivo |
As vilosidades incrementan a área da superficie interna da parede intestinal proporcionando unha moita maior superficie para a absorción. Unha maior área de absorción e a finura das súas paredes son útiles porque os nutrientes dixeridos (monosacáridos, aminoácidos, ácidos graxos) pasan ás vilosidades impermeables por difusión, a cal é efectiva só a curtas distancias. Por tanto, un incremento da superficie (en contacto co fluído do lume) diminúe a distancia que teñen que atravesar as moléculas de nutrientes, ao que incrementa a difusión. Os villi levan no seu interior capilares sanguíneos e vasos linfáticos (quilíferos) para facilitar a absorción, e estes están conectados a outros vasos que incorporan os nutrientes á circulación sanguínea xeral.