Xoán (nome)
nome masculino / From Wikipedia, the free encyclopedia
Xoán, ou a variante[1] Xan[2], (feminino Xoana) é un nome de pía masculino en galego. Vén do hebraico יוחנן (Yôḥānnān), que quere dicir 'O fidel a Deus'. Do hebraico orixinario pasou a outras linguas. Ιωάννης (Ioannis) é a versión de Yôḥānnān que pasou ao grego. De aí evolucionou até chegar ao galego-portugués: Iohanne > Johan e de aí ao galego moderno Xoham > Xoán, de feminino: Xoana. Xan era un diminutivo común en Galiza como queda reflictido na toponimia (A Costa de Xan (en Fene), Xan Amigo (en Sada), Xan Xordo (en Santiago de Compostela) ou Xan de Abaixo (en Ribadeo) e na literatura oral: ser un Xan, sen un Xan entre elas, Xan de Outeiro, Xan da bota[3].
O patronímico de Xoán ou Iohan deu en Galiza Iohannis: 1177:Pedro Iohannis, usado como xenitivo, formaranse despois varios resultados diferentes: Anes (1262: Pedre Anes; 1454: Maria Anes), Eans, Eanes, Enes, Ennes, Ianes, Yanes (1385: Afonso Yanes Traveso; 1273: Eldora Yanes, que en 1276 aparece como Eldora Eanes; 1275: Laurenço Ianes d'Ourense; 1396: Eynes Ianes), Oanes (1082: Tota Joanis; 1272: Migael Joanes; 1279: Gonzaluo Oanes). Hoxe é común o castelanizado: Yáñez ('fillo de Xoán o Iohan'). En inglés é Johnson ('fillo de John') e Evanson ou Evans ('fillo de Ewan').
Un nome equivalente a Xoán é Iván, que vén da versión rusa do nome, e que transliterado conserva maior semellanza coa grafía antiga.