Aurangzeb
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Muhi-ud-Din Muhammad,[1] nado o 3 de novembro de 1618 e finado o 3 de marzo de 1707,[2] coñecido polo alcume de Aurangzeb (en persa, "ornamento do trono")[1] ou polo seu título real Alamgir (en persa, "Conquistador do Mundo"),[3] foi o sexto emperador mogol, que gobernou por completo o subcontinente indio durante un período de 49 anos.[4][5][6] Considerado o último gobernante efectivo do Imperio Mogol,[7] Aurangzeb recompilou o Fatawa-e-Alamgiri, e está acreditado como un dos poucos líderes que estableceron totalmente a Xaria e a economía islámica en Asia Meridional.[8][9]
Como líder militar,[10] Aurangzeb foi un destacado expansionista; durante o seu reinado, o Imperio Mogol acadou a súa máxima extensión, dominando case todo o subcontinente indio.[11] Durante a súa vida, as vitorias no sur aumentaron o imperio a catro millóns de quilómetros cadrados,[12] e gobernou unha poboación estimada de máis de 158 millóns de persoas,[11] cuns ingresos anuais de 450 millóns de dólares (máis de dez veces os do seu contemporáneo Lois XIV de Francia),[13] ou 38 624 680 libras (2 879 469 894 rupias) en 1690. Baixo o seu reinado, a India superou a China Qing como a maior economía e potencia fabricante mundial, cun valor de máis de noventa mil millóns de dólares, case un cuarto do produto interior mundial e máis que toda Europa Occidental.[14]
Aurangzeb destacou pola súa piedade relixiosa, recompilou o Corán por completo, estudou os hadiths e observou os rituais do islam.[15][16] Ao contrario dos seus predecesores, incluído o seu pai Shah Jahan, Aurangzeb considerou que o tesouro real debía conservarse para os cidadáns do imperio.[16][17] Non gozou dunha vida de luxo e os seus gastos persoais e a construción de pequenas mesquitas cubriunas coas súas propias ganancias, que incluían a costura de capas e o comercio das súas copias escritas do Corán.[18][19] Tamén patrocinou traballos de caligrafía islámica e árabe.[20]
Aurangzeb foi obxecto de críticas e controversias.[21] Os críticos argumentan que as súas políticas abandonaron o legado de pluralismo e tolerancia relixiosa dos seus predecesores, citando a introdución do imposto jizya, a destrución de templos hindús, a execución do seu irmán máis vello Dara Shukoh, rei Sambhaji de Maratha[22][23] e o noveno gurú sikh Tegh Bahadur,[24][25] e a prohibición e supervisión do comportamento e as actividades que estaban prohibidas no islam como as apostas, a bebida, a música e o sexo prematrimonial.[26][27] Pénsase ás veces que a caída do imperio mogol comezou preto da fin do seu reinado, debido á súa intolerancia política e relixiosa.[28] Varios historiadores cuestionan a historicidade das afirmacións dos seus críticos, discutindo que a súa destrución de templos foi esaxerada,[29][30] que empregou significativamente máis hindús na burocracia imperial que os seus predecesores e que se opuxo á intolerancia contra os hindús e os xiítas.[31]
Aurangzeb tamén foi coñecido como Amir al-Mu'minin (líder dos fieis) e foi comparado con outros notables gobernantes musulmáns como o califa Umar e Saladin.[32][33][34] Foi unha figura prominente, admirada e controvertida nas culturas musulmá, bengalí, paquistaní e india.[35][36][37][38]
Remove ads
Traxectoria
Primeiros anos
Aurangzeb era o terceiro fillo do emperador Sha Jahan (construtor do Taj Mahal). O seu irmán máis vello, Dara Shikoh, era o herdeiro, mentres que Aurangzeb ocupaba o terceiro posto na liña sucesoria. O seu pai nomeouno gobernador de Decán, cargo que retivo entre 1636 e 1644; posteriormente foi gobernador de Gujarat (1645) e Afganistán en 1647 co encargo de recuperar a cidade de Kandahar, encargo que non conseguiu cumprir. Tras este fracaso, recuperou o seu cargo de gobernador de Decán e instalouse na cidade de Khidki. Os seus irmáns máis vellos, Shuja e Murad, eran nesa época gobernadores de Bengala e Gujarat.
En 1657, o emperador Sha Jahan caeu enfermo; Aurangzeb atacou o seu irmán máis vello e sucesor, mentres que os seus outros irmáns declararon a súa independencia e se proclamaron emperadores das súas respectivas provincias. A loita continuou con enfrontamentos internos. Aurangzeb encerrou o seu pai no forte de Agra, encerro que durou nove anos, ata a morte do antigo emperador (en 1666). Aurangzeb ordenou tamén a execución dos seus irmáns, Murad e Dara Shikoh. Tan só Shuja conseguiu fuxir ata a selva de Birmania onde desapareceu o seu rastro histórico.
Finalmente o 31 de xullo de 1658, Aurangzeb instalouse sobre o trono do pavón, símbolo do poder mogol.
Reinado e expansión do imperio
Dende os inicios do seu reinado ata a súa morte. Aurangzeb estivo involucrado en constantes conflitos bélicos. Organizou un potente exército e iniciou un programa militar para conseguir expandir os límites do seu imperio. Ao noroeste, as súas fronteiras chegaron ata o Panyab e Afganistán. Tamén marchou cara so sur, conquistando Bijapur e Golconda, antigos inimigos.
Mais a combinación de expansión militar e intolerancia política tiveron consecuencias. Triunfou no seu desexo de ampliar o control mogol, aínda que esta expansión tivo un enorme custo en termos económicos e de vidas humanas. Ao mesmo tempo que expandía o seu imperio o sistema de goberno ía debilitándose.
Os sikhs de Panyab creceron en forza e número e rebeláronse contra as tropas de Aurangzeb. Coa caída dos reinos musulmáns de Golconda e Bijapur, os hindús uníronse para unificarse coa confederación maratha. Durante os últimos vinte anos da súa vida, Aurangzeb estivo en constantes batallas no Decán, cun custo enorme.
Decadencia
A diferenza dos seus predecesores, Aurangzeb non foi un gran construtor. Deixou un modesto mausoleo para a súa primeira esposa en Aurangabad, unha pequena copia do Taj Mahal. En comparación coa obra do seu pai, o mausoleo construído por Aurangzeb, está construído con materiais modestos e ten unha decoración moi pouco coidada, síntoma da decadencia que a arte mogol sufriu durante o seu reinado.
Aurangzeb é o único dos grandes mogois que non está enterrado nun mausoleo. De acordo coas súas crenzas e a súa vida austera, está enterrado nunha tumba a ceo aberto preto de Aurangabad. Á súa morte foi sucedido polo seu fillo Bahadur Shah. Mais Aurangzeb minara a unidade que os seus antecesores construíran na India, iniciou a decadencia da súa dinastía e preparou o terreo para a posterior colonización británica.
A riqueza e o poder mogois e polo tanto o padroado artístico chegaran ao cumio durante os reinados de Akbar (1556-1605), Jahangir (1605-1627), Shah Jahan (1628-1657) e Awrangzib (1658-1707). Logo, en 1739, o rei persa Nadir Shah saqueou Delhi, levando a Persia todas as riquezas dos mogois: as súas bibliotecas, tesouros e mesmo o fabuloso Trono do Pavón. Dese golpe psicolóxico os mogois nunca se recuperaron.
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads