Hormona liberadora da corticotropina
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
A hormona liberadora da corticotropina (CRH) ou corticoliberina, antes chamada factor liberador da corticotropina (CRF) é unha hormona polipeptídica hipotalámica e neurotransmisor implicada na resposta ao estrés. A súa principal función é a estimulación da síntese de ACTH na hipófise ou pituitaria. Pertence á familia dos factores liberadores da corticotropina.

A CRH é un péptido de 41 aminoácidos derivado dunha preprohormona de 191 aminoácidos codificada nun xene do cromosoma 8 humano. A CRH é segregada polo núcleo paraventricular do hipotálamo en resposta ao estrés. Na enfermidade de Alzheimer obsérvase unha marcada redución nos niveis de CRH. Ademais de ser producida polo hipotálamo, a CRH tamén se sintetiza nos tecidos periféricos, como os linfocitos T, e é amplamente expresada na placenta. Na placenta, a CRH é un marcador que determina a duración da xestación e o momento do parto. Ao comezo do parto ten lugar un incremento rápido dos niveis circulantes de CRH, o que suxire que, ademais das súas funcións metabólicas, a CRH pode actuar como un causante do parto.[1]
Remove ads
Accións hormonais
A CRH é producida polas células parvocelulares neuroendócrinas (que están incluídas no núcleo paraventricular) do hipotálamo e libérase na eminencia media nos terminais neurosecretores destas neuronas, e pasa ao plexo de capilares primarios do sistema portal hipotalámico-hipofisario. O sistema portal transporta a CRH á adenohipófise ou pituitaria anterior, onde estimula as células corticotropas para que secreten a hormona adrenocorticotropa (corticotropina ou ACTH) e outras substancias bioloxicamente activas (β-endorfinas). A ACTH estimula a síntese de cortisol, glicocorticoides, mineralocorticoides e DHEA; polo que niveis elevados de CRH son comúns en pacientes da síndrome de Cushing (causada por un exceso de ACTH).
A curto prazo, a CRH pode suprimir o apetito, incrementar os sentimentos subxectivos de ansiedade, e realizar outras funcións como estimular a atención. Aínda que a acción distal da CRH é a inmunosupresión por medio da acción do cortisol, a CRH por si mesma pode en realidade aumentar a inflamación, un proceso que está sendo investigado en relación coa esclerose múltiple.[2]
Remove ads
Psicofarmacoloxía
O antagonista do receptor da CRH-1 pexacerfont está investigándose como tratamento do trastorno de ansiedade xeneralizada en mulleres.[3] Outros antagonistas da CRH-1 como a antalarmina foron estudados en animais para o tratamento da ansiedade, depresión e outras condicións, pero non se fixeron estudos en humanos.
Ademais, no líquido cefalorraquídeo de persoas que cometeron suicidio aparecen niveis anormalmente altos de CRH.[4]
Recentes investigacións asocian a activación do receptor da CRH1 coa sensación de euforia que se produce polo consumo de alcohol. Un antagonista do receptor da CRH1, o CP-154,526, está investigándose como tratamento potencial do alcoholismo.[5][6]
Remove ads
A CRH no parto
A CRH tamén é sintetizada pola placenta e parece determinar a duración do embarazo.[7]
Os seus niveis aumentan contra o final do embarazo xusto antes do parto, e unha teoría actual sostén que desempeña tres funcións no parto:[8]
- Incrementa os niveis de deshidroepiandrosterona (DHEA) directamente pola acción das glándulas adrenais fetais, e indirectamente pola glándula hipófise da nai. A DHEA ten un papel na preparación e estimulación das contraccións cervicais.
- Incrementa a dispoñibilidade de prostaglandinas nos tecidos uteroplacentarios. As prostaglandinas activan as contraccións cervicais.
- Antes do parto pode ter un papel na inhibición das contraccións, ao aumentar os niveis de AMPc no miometrio.
En cultivo, a CRH do trofoblasto é inhibida pola proxesterona, que permanece en alta concentración durante todo o embarazo. A liberación de CRH é estimulada polos glicocorticoides e catecolaminas, as cales aumentan antes do parto levantando este bloqueo de proxesterona.[9]
Estrutura
A secuencia de 41 aminoácidos da CRH foi descuberta por Vale et al. en 1981 nos carneiros.[10] A secuencia completa é (véxase o significado das letras en aminoácido):
- SQEPPISLDLTFHLLREVLEMTKADQLAQQAHSNRKLLDIA (ovinos)
Este péptido nas ratas e nos humanos é idéntico e difire da secuencia dos ovinos só en 7 aminoácidos (en letra grosa).[11]
- SEEPPISLDLTFHLLREVLEMARAEQLAQQAHSNRKLMEII (homes, ratas)
Remove ads
Interaccións
A CRH interacciona co receptor 1 da hormona liberadora da corticotropina.[12][13]
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads