Clamidiáceas
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
As clamidiáceas (Chlamydiaceae) son unha familia de bacterias que pertencen ao filo Chlamydiae, orde Chlamydiales. Todas as especies de Chlamydiaceae son gramnegativas e expresan un epitopo lipopolisacárido específico da familia chamado αKdo-(2→8)-αKdo-(2→4)-αKdo (previamente denominado epitopo específico de xénero). Os xenes do ARN ribosómico de todas as Chlamydiaceae teñen polo menos unha identidade de secuencia do 90% no seu ADN. As especies de Chlamydiaceae teñen unha variada morfoloxía de inclusión, variado contido do plásmido extracromosómico, e diferente resistencia á sulfadiazina.
Clasicamente as Clamidiáceas comprendían un só xénero, pero en 1999 distinguíronse dous xéneros e un terceiro xénero candidato: Chlamydia, Chlamydophila e o Candidatus Clavochlamydia.[1]
Remove ads
Clasificación
Ata 1999 a familia estaba formada por un só xénero, Chlamydia, con catro especies (clasificación de Stolz e Page), que eran: Chlamydia trachomatis, Chlamydia pneumoniae, Chlamydia pecorum, e Chlamydia psittaci. Nese ano Everett, Bush e Andersen presentaron unha nova proposta para a clasificación desta familia na que se facían os seguintes cambios:[2][3] a familia foi dividida en dous xéneros: Chlamydia e Chlamydophila gen. nov.; creáronse dúas especies novas: Chlamydia muridarum sp. nov. e Chlamydia suis sp. nov. (que xunto con Chlamydia trachomatis son as tres especies que quedaron no xénero Chlamydia); no novo xénero Chlamydophila gen. nov. incluíronse as antigas Chlamydia pecorum, Chlamydia pneumoniae e Chlamydia psittaci, que, por tanto, cambiaron o seu nome xenérico a Chlamydophila; creáronse tres novas especies derivadas de Chlamydia psittaci, que son: Chlamydophila abortus gen. nov., sp. nov., Chlamydophila caviae gen. nov., sp. nov. e Chlamydophila felis gen. nov., sp. nov.
A nova clasificación de Everett, Bush e Andersen suscitou grande polémica e o rexeitamento inicial de moitos científicos que traballan con clamidias[4][5][6] pero «a nova clasificación de Everett et al. foi apropiadamente revisada e aprobada por autoridades taxonómicas internacionais». (Michael Ward.[7]). Pero a polémica continúa, porque algunhas análises xenómicas recentes parecen apoiar a clasificación das clamidiáceas nun só xénero, Chlamydia,[8] polo que a cuestión podería volverse a revisar.[9]
Xénero Chlamydia
- Artigo principal: Chlamydia.
Actualmente hai tres especies recoñecidas como pertencentes a Chlamydia: C. trachomatis, C. muridarum, e C. suis. C. trachomatis encóntrase só en humanos, C. muridarum no hámster e no rato (familia de roedores Muridae), e C. suis no porco. As especies do xénero Chlamydia (tal como se define actualmente) producen unha pequena cantidade de glicóxeno detectable e presentan dous operóns ribosomais.
C. trachomatis é a causante das infeccións por clamidias transmitidas sexualmente e tamén causan o tracoma, unha infección que se estende polo ollo (pode producir cegueira), vías nasais e secrecións da gorxa.
Xénero Chlamydophila
- Artigo principal: Chlamydophila.
Ao xénero de recente creación Chlamydophila pertencen seis especies: C. pneumoniae (antes chamada Chlamydia pneumoniae), C. psittaci (antes chamada Chlamydia psittaci), C. pecorum (antes Chlamydia pecorum), C. abortus, C. caviae, e C. felis. O xénero Chlamydophila caracterízase por non producir glicóxeno detectable e ter un só operón ribosomal. Estas especies encóntranse de forma natural vivindo en diversas especies animais. C. pneumoniae e C. psittaci poden transmitirse dos animais ao ser humano.
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads