Concilio de Lugo

From Wikipedia, the free encyclopedia

Concilio de Lugo
Remove ads

O Concilio de Lugo (a. 569) foi un sínodo católico da Gallaecia convocado, segundo afirman os textos onde se conservou a noticia, polo rei suevo Teodomiro o 1 de xaneiro do ano 569 (era DCVIIª) "para confirmar a fe católica e por outras causas da Igrexa".

Datos rápidos Datas e cronoloxía, Localización ...
Thumb
O Concilio de Lugo na edición de Loaísa (1593)
Remove ads

Historia

Así, finalizado o concilio canónico pasaríase á lectura dunha carta do rei na que, para a mellor administración do reino, convidaba aos padres conciliados en Lugo a ergueren novos bispados, e a elixiren, debido á grande extensión do país, unha outra sé metropolitana; escolleran entón os bispos a sé de Lugo para que fose metropolitana "así como Braga", e repartiran a cada catedral as dioceses e parroquias que lles correspondían, "para que non ocorrese entre os bispos contenda ningunha"[1][2].

É de notar que, perante a falta de actas deste sínodo (o documento só contén, ademais da noticia introdutoria, unha lista coas dioceses do reino dos suevos), algúns historiadores, con Enrique Flórez á cabeza, concluíron que a celebración do concilio de Lugo era moi dubidosa, e que eran falsos ou serodios os documentos onde ela se contén[3]. Pierre David, pola contra, estabeleceu a autenticidade básica (Parochiale sueuum) do repartimento diocesano que figura no texto dos documentos coñecidos como Concilio de Lugo, aínda que fixou a súa redacción entre os anos 572 e 582 (quer dicir, despois do segundo Concilio de Braga e so o reinado de Miro, sucesor de Teodomiro), e entendía que o limiar coa nova do Concilio e a lectura da carta do rei era unha confusa adición do século VII[4].

Loaísa editou en latín a primeira versión impresa do Concilio de Lugo, a partir dunha copia do texto tirada dun códice lucense do século XII, hoxe perdido[5]. Lucas de Tui[6], Brito[7], Contador de Argote[8] e M. Risco[9] publicaron outras versións do documento achadas por eles en diferentes manuscritos; da súa parte, Sáenz de Aguirre[10], o citado Flórez[11] e Mansi[12] reproducen a versión impresa por Loaísa, a mesma verquida despois por Huerta y Vega ao español[13]. Finalmente, a edición crítica do texto latino foi obra de David[14], e del pasou ao Corpus christianorum[15].

Remove ads

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads