Elemento nuclear intercalado longo

From Wikipedia, the free encyclopedia

Remove ads

Os elementos nucleares intercalados longos ou LINEs (do inglés Long interspersed nuclear elements) son un grupo de retrotransposóns sen LTR, que están dispersos polo xenoma de moitos eucariotas e xeralmente teñen lonxitudes de varios miles de pares de bases.[1] Nos primates as principais secuencias LINE son unha familia chamada LINE-1, das que hai centos de miles de copias no xenoma.

As secuencias LINE activas poden replicarse autonomamente, o que lles permite duplicarse e inserirse noutros puntos do xenoma. A súa replicación pasa primeiro por formar un intermediario de ARN, de aí que sexan retrotransposóns sen LTR. As secuencias LINE son transcritas a partir dun promotor e son poliadeniladas no extremo 3'. O ARN intermediario transcrito é replicado a ADN pola acción dunha transcriptase inversa codificada polo propio LINE. O LINE codifica tamén xeralmente un encima que posúe actividade de endonuclease, que permite a inserción da secuencia replicada nun novo sitio.[2] Estas copias novas que se insiren aumentan o tamaño do xenoma.

Remove ads

Historia

A primeira secuencia derivada dun LINE de aproximadamente 6,4 kb de longo publicárona J. Adams et al. en 1980.[3]

Tipos de elementos LINE

Hai varios tipos de LINE, como os LINE-1, 2 e 3. Os elementos LINE-1/elemento L1 son o único tipo de LINE que é aínda activo no xenoma humano, e encóntranse en todos os mamíferos.[4] Porén, hai tamén restos de elementos L2 e L3 no xenoma humano.[5]

Estrutura

Un elemento L1 típico ten aproximadamente 6.000 pares de bases de lonxitude e consta de dous marcos de lectura abertos ou ORFs non solapados, que están flanqueados por UTRs e duplicacións laterais diana.

O primeiro ORF codifica unha proteína que se une ao ARN de 500 aminoácidos de lonxitude cun peso de 40 kDA. Esta proteína contén un motivo de cremalleira de leucina e funciona como chaperona.[6]

Thumb
Estrutura trimérica e flexibilidade da proteína L1ORF1 na retroposición L1 humana.

O segundo ORF codifica un complexo porteico que ten actividade de endonuclease e transcriptase inversa. A proteína codificada ten un peso molecular de 150 kDA.

Thumb
Estrutura cristalina da endonuclease do retrotransposón do LINE-1 humano.

A rexión non traducida 5' (5' UTR) do elemento L1 contén un promotor de transcrición da ARN polimerase II interno forte (de alta afinidade) que funciona "en sentido"[7] e un promotor antisentido menos forte.[8] O 3' UTR contén un sinal de poliadenilación.

Incidencia

En humanos

No primeiro borrador do xenoma humano a fracción de elementos LINE presentes era do 21%[5] e o seu número de copias era 850.000. Destas, os elementos L1, L2 e L3 teñen, respectivamente, 516.000, 315.000 e 37.000 copias. Outras estimacións posteriores estímano no 17% e 500.000 copias[9], pero só uns 7.000 están completos, e destes só unha parte poden realizar a retrotransposición.[10][11] Os elementos SINE non autónomos, que dependen dos elementos L1 para a súa proliferación, supoñen o 13% do xenoma humano e presentan un número de copias de arredor de 1,5 millóns.[5]

Certos retrotransposóns LINE-1 específicos son transcritos activamente e os seus ARNs están fortemente unidos aos nucleosomas da cromatina humana.[12]

Remove ads

Mecanismo de propagación: Transcrición inversa cebada con diana

Os elementos LINE propáganse por un mecanismo denominado de transcrición inversa cebado con diana. Este mecanismo describiuse primeiro para o elemento R2 de Bombyx mori: A endonuclease codificada polo elemento R2U xera uha amosega específica nunha das febras de ADN no sitio diana. Un grupo 3'OH queda libre pola acción da transcriptase inversa R2 que ceba a transcrición inversa do transcrito de ARN do LINE. Despois da transcrición inversa, é clivada a febra diana e o ADNc orixinado é integrado.[13]

Remove ads

Regulación da actividade LINE

As células regulan a actividade de retrotransposición L1 por exemplo por medio dun mecanismo de interferencia de ARN (RNAi) exercida polos ARNs interferentes pequenos derivados de secuencias L1, que poden causar a supresión da retrotransposición L1.[14]

Notas

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads