Factor de crecemento de fibroblastos básico

xene da especie Homo sapiens From Wikipedia, the free encyclopedia

Factor de crecemento de fibroblastos básico
Remove ads

O factor de crecemento de fibroblastos básico (bFGF), tamén chamado FGF2 ou FGF-β, é un factor de crecemento e proteína de sinalización codificada polo xene FGF2 do cromosoma 4 humano.[1][2] Sintetízase inicialmente como un polipéptido de 155 aminoácidos, que orixina unha proteína de 18 kDa. Porén, hai catro codóns de inicio alternativos que orixinan extensións N-terminais de 41, 46, 55 ou 133 aminoácidos, orixinando proteínas, respectivamente, de 22 kDa (196 aminoácidos en total), 22,5 kDa (201 aminoácidos en total), 24 kDa (210 aminoácidos en total) e 34 kDa (288 aminoácidos en total).[3] Xeralmente, a forma de 155 aminoácidos/18 kDa de baixo peso molecular (LMW) considérase citoplásmica e pode ser segregada da célula, mentres que as formas de alto peso molecular (HMW) son dirixidas ao núcleo celular.[4]

Datos rápidos FGF2, Estruturas dispoñibles ...

A proteína factor de crecemento de fibroblastos foi purificada primeiramente en 1975, pero pouco despois illáronse outras similares utilizando diferentes condicións, como o FGF básico, o factor de crecemento que se une á heparina 2 e o factor de crecemento de célula endotelial 2. A secuenciación xénica revelou que FGF2 era un membro da familia de FGF de proteínas.[3][5] O FGF2 únese e exerce efectos por medio de proteínas específicas receptor do factor de crecemento de fibroblastos (FGFR) que constitúen unha familia de moléculas estreitamente relacionadas.

Remove ads

Función

Como outros membros da familia FGF, o factor de crecemento de fibroblastos básico posúe amplas actividades mitoxénicas e de supervivencia celular e está implicado en diversos procesos biolóxicos, como o desenvolvemento embrionario, crecemento celular, morfoxénese, reparación de tecidos, crecemento e invasión tumoral.

No tecido normal, o bFGF está presente nas membranas basais e na matriz extracelular subendotelial dos vasos sanguíneos. Permanece unido á membrana plasmática se non hai péptido sinal.

Hipotetizouse que, durante a curación de feridas en tecido normal e o desenvolvemento de tumores, a acción dos encimas que degradan o heparán sulfato activan o bFGF, mediando así a formación de novos vasos sanguíneos, un proceso coñecido como anxioxénese.

Ademais, é sintetizado e segregado polos adipocitos humanos e a concentración de FGF2 correlaciónase co IMC en mostras sanguíneas. Tamén actúa sobre os preosteoblastos, incrementando a proliferación celular, despois de unirse ao receptor do factor de crecemento de fibroblastos 1 e activando a fosfoinosítido 3-quinase.[6]

O FGF2 demostrou en estudos preliminares en animais protexer o corazón de danos asociados cos ataques ao corazón, reducindo a morte tisular e promovendo unha mellora da función despois da reperfusión.[7]

Evidencias recentes indican que baixos niveis de FGF2 xogan un papel clave na incidencia da ansiedade excesiva.[8]

Adicionalmente, o FGF2 é un compoñente crítico do medio de cultivo de células nai embrionarias humanas; o factor de crecemento é necesario para que as células permanezan nun estado indiferenciado, aínda que os mecanismos polos cales o fan non están ben definidos. Demostrouse que induce a expresión de gremlina, a cal á súa vez inhibe a indución da diferenciación por proteínas morfoxenéticas óseas.[9] É necesario nos sistemas de cultivo dependentes de células nutricias de rato (fibrobalstos embrionarios de rato que se engaden ao cultivo), así como en sistemas de cultivo libres de soro e células nutricias.[10] O FGF2, xunto coa BMP4, promove a diferenciación de células nai orixinando liñaxes celulares mesodérmicas. Despois da diferenciación, as células tratadas con BMP4 e FGF2 xeralmente producen unha maior diferenciación osteoxénica e condroxénica que as células nai non tratadas.[11] Porén, unha baixa concentración de bFGF (10 ng/mL) pode exercer un efecto inhibitorio sobre a diferenciación dos osteoblastos.[12]

Remove ads

Interaccións

O factor de crecemento de fibroblastos presenta interaccións coa caseína quinase 2, alfa 1,[13] a RPL6[14] e a proteína ribosómica S19.[15]

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads