Flegma
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
A flegma[1][2], fleima[3] ou fleuma[4][5] (en grego: φλέγμα, "inflamación") é o fluído corporal secretado pola mucosa do sistema respiratorio dos mamíferos. A definición exclúe o moco producido no tracto dixestivo e finalmente eliminado pola canle anal.
É un xel ou moco suculento, secretado polas células caliciformes do epitelio alveolar e traqueobronquial, que contén glicoproteínas, anticorpos, lípidos e outras substancias. A súa composición depende do clima, da xenética e do estado do sistema inmunitario. A súa cor normal é o branco transparente pero en condicións patolóxicas pode variar substancialmente segundo a súa composición, sendo transparente, amarelo claro ou escuro, verde, marrón claro ou escuro e mesmo gris.
A función da flegma ou moco bronquial é manter a humidade do tracto respiratorio inferior así como atrapar e facilitar o movemento de partículas estrañas cara ao exterior polos cilios. Polo seu contido en lisocimas, lactoferrina e inmunoglobulinas, tamén ten funcións antimicrobianas e tamén protexe as vías respiratorias contra axentes proteolíticos como a α1-antitripsina ou a α1-antiquimotripsina e antiproteases como a antielastase.[6]
A flegma prodúcese normalmente en cantidades moi pequenas (100 ml ou menos ao día) e adoita tragarse sen querer. Cando a súa produción supera o normal ou aumenta a súa viscosidade, por enfermidade ou irritación, e se manifesta por dificultar a función respiratoria, o organismo elimínaa mediante a tose e a expectoración, co que se denomina esputo, sendo estes os síntomas e signos empregados para avaliar clinicamente a situación do paciente.
Remove ads
A flegma como humor corporal
A flegma é un dos catro humores que, segundo a teoría dos catro humores, base da medicina hipocrática, caracterizan o corpo humano e que están en equilibrio cando unha persoa está sa. O desequilibrio, tanto por exceso como por defecto, dos humores, segundo esta teoría, é a causa das enfermidades.
A flegma, fría e húmida, estaba relacionada coa lúa, coa auga e predomina no inverno.[7]
O predominio dun humor en cada individuo determina, segundo a citada teoría, o seu carácter e, polo tanto, o predominio da flegma estivo asociado ao comportamento apático, utilizando como sinónimo o termo "flegmático"[8]. Tamén era sinónimo de preguiza, lentitude ou demasiado tarde e estaba asociado á vellez e ao inverno nas obras literarias e pictóricas.[9]
Segundo a medicina tibetana, a flegma tamén é un dos tres humores (xunto coa bile e o vento) do organismo cuxa perturbación se manifesta en enfermidades, e considera que durante a infancia (até os 16 anos) predomina o humor flegmático.[10]
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads