Joy Adamson

From Wikipedia, the free encyclopedia

Joy Adamson
Remove ads

Friederike Victoria "Joy" Adamson (de solteira Gessner), nada en Troppau (Imperio Austrohúngaro) o 20 de xaneiro de 1910 e finada na Reserva Nacional Shaba (Kenya) o 3 de xaneiro de 1980, foi unha naturalista, artista e escritora. O seu libro, Born Free, describe as súas experiencias criando un cachorro de leoa chamado Elsa, foi traducido a varias linguas e converteuse nun filme gañador de dous Óscars. En 1977, recibiu a Cruz de Honra de Austria para a Ciencia e a Arte.[1]

Datos rápidos Biografía, Nacemento ...
Remove ads

Traxectoria

Adamson era filla de Victor e Traute Gessner (de solteira Greipel),[2] segunda de tres fillas. Os seus pais morreron cando ela tiña 10 anos e foi vivir coa súa avoa. Na súa autobiografía The Searching Spirit, Adamson escribiu sobre a súa avoa, dicindo: "É a ela a quen lle debo todo o que poida ser bo en min". Creceu nunha casa preto de Opava, na aldea chamada Kreuzberg (actualmente Kružberk, República Checa). Co estalido da segunda guerra mundial mudouse a Viena para obter un título de música antes de estudar escultura e medicina. Cando era nova, Adamson considerou dedicarse a ser pianista de concerto ou médico.

Adamson casou tres veces no intervalo de dez anos. O seu primeiro matrimonio foi en 1935 foi con Viktor von Klarwill (tamén coñecido como Ziebel; 1902–1985).[3] En 1937 foi a Kenya e alí coñeceu e casou en 1938 co botánico Peter Bally, quen lle deu o alcume de "Joy" ("alegría). Bally facía pinturas botánicas, e foi el quen a animou a seguir debuxando e pintando a flora e a fauna da súa contorna. Ela coñeceu o seu terceiro marido, o garda do departamento de vida salvaxe George Adamson, mentres estaba de safari a principios da década de 1940 e casou con el en 1944. Fixeron o seu fogar xuntos en Kenya.[2]

Joy Adamson fíxose máis coñecida polos seus esforzos de conservación asociados á leoa Elsa. En 1956, George Adamson, no curso do seu traballo como garda de caza do distrito da fronteira do norte de Kenya, matou a tiros unha leoa mentres ela cargaba contra el e outro garda. George decatouse máis tarde de que a leoa só protexía os seus cachorros, que se atoparon preto nunha fenda rochosa. Levounos á casa, mais a Joy e a George resultáballes difícil atender todas as necesidades dos cachorros. Os dous máis grandes, chamados "Big One" e "Lustica", pasaron a ser coidados por un zoolóxico de Rotterdam, e o máis pequeno, "Elsa", foi criado pola parella.

Despois dun tempo vivindo xuntos, os Adamson decidiron liberar a Elsa en lugar de enviala a un zoolóxico, e pasaron moitos meses adestrándoa para cazar e que sobrevivise por ela mesma. Ao final tiveron éxito, e Elsa converteuse na primeira leoa liberada con éxito de novo á natureza, a primeira coa que se tivo contacto despois de liberala, e a primeira leoa liberada coñecida que tivo unha camada de crías. Os Adamson mantivéronse a distancia dos cachorros, mais achegándose o suficiente para fotografalos. En xaneiro de 1961, Elsa morreu de babesiose, unha enfermidade derivada dunha picadura de carracha. Os seus tres cachorros convertéronse nunha molestia, matando o gando dos agricultores locais. Os Adamson, que temían que os granxeiros puidesen matar os cachorros, puideron finalmente capturalos e transportalos ao veciño Territorio de Tanganica, onde lles atoparon un fogar no Parque Nacional de Serengueti.

Na parte final de Forever Free os Adamson perderon a pista dos cachorros no seu novo fogar. Despois de describir unha busca infructuosa, Joy Adamson contemplou un par de leóns: "O meu corazón estaba con eles alí onde estivesen. Mais tamén estaba con estes dous leóns aquí diante de nós; e mentres observaba esta fermosa parella, decateime de que todos as características dos nosos cachorros eran inherentes a eles. De feito, en cada león que vin durante as nosas buscas recoñecía a natureza intrínseca de Elsa, Jespah, Gopa e Little Elsa, o espírito de todos os magníficos leóns de África".[4]

Durante a vida de Elsa, Joy e George Adamson necesitábanse mutuamente para educala, mais despois de que morrese e os seus cachorros fosen acollidos polo parque, os seus intereses foron en direccións separadas, igual que as súas vidas. Aínda que nin querían un divorcio nin unha separación legal, os seus intereses contrapostos (George quería seguir traballando con leóns e Joy con guepardos) fixeron necesario que vivisen separados.

Usando as súas propias notas e os diarios de George, Joy escribiu Born Free para contar a historia da leoa. Enviouno a varias editoriais antes de que fose comprado por Harvill Press, parte de HarperCollins. Publicado en 1960, converteuse nun éxito de vendas, pasando trece semanas na parte alta da listaxe dos máis vendidos de The New York Times e case un ano na listaxe xeral.[5] O éxito do libro debeuse tanto á historia de Elsa como ás ducias de fotografías dela. Os lectores tiñan imaxes de moitos dos acontecementos da vida de Elsa antes da súa liberación. Born Free recibiu críticas moi favorables. Adamson traballou coas editoriais para promocionar o libro, o que contribuíu á celebridade internacional dos Adamson.

Mentres os especiais de televisión mantiveron a causa dos Adamson no centro de atención, Joy Adamson pasou os seus últimos 10 anos viaxando polo mundo, dando discursos sobre os perigos aos que se enfronta a vida salvaxe en África.[6] Adamson tamén criou un guepardo (Pippa) e un leopardo africano.

Durante a súa vida, Joy Adamson creou máis de 500 pinturas e debuxos. O seu traballo incluía retratos das poboacións indíxenas por encargo do goberno de Kenya, así como ilustracións botánicas para polo menos sete libros sobre a flora de África oriental. Tamén fixo pinturas de animais, entre elas estudos de Elsa e Pippa.[7][8][9]

Asasinato e legado

O 3 de xaneiro de 1980, Pieter Mawson, axudante de Joy Adamson, descubriuse na Reserva Nacional Shaba o seu cadáver. Asumiu erroneamente que fora asasinada por un león, e iso foi o que informaron inicialmente os medios.[10] Porén, a investigación policial descubriu que as feridas de Adamson eran demasiado afiadas e sen sangue para seren causadas por un animal, e concluíu que fora asasinada.[11] Paul Nakware Ekai, un empregado de Adamson despedido con anterioridade, foi declarado culpable de asasinato e condenado a prisión indefinida. Escapou da pena capital porque o xuíz decidiu que podería ser menor cando se cometeu o crime.[12][13]

Joy Adamson foi incinerada e as súas cinzas foron enterradas na tumba de Elsa a Leoa no Parque Nacional de Meru en Kenya.[14]

George Adamson foi asasinado nove anos despois, en 1989, preto do seu campamento no Parque Nacional de Kora, mentres corría en auxilio dun turista que estaba a ser atacado por furtivos. Considérase que salvou a vida do turista.[15]

Remove ads

Bibliiografía

Remove ads

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads