Karbo Deportivo
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
O Karbo Deportivo foi un club[1][2] de fútbol feminino galego da cidade da Coruña. Fundado en 1968[3] como Karbo Club de Fútbol,[4] inicialmente era un club independente. Na metade da tempada 1983/84 o Deportivo da Coruña fíxose cargo del e mudou o seu nome polo de Karbo Deportivo.[5][6] Constituíuse así historicamente a primeira sección de fútbol feminino da entidade branquiazul. Durante a década de 1980 foi o equipo referente do fútbol feminino en España.[7] Desapareceu en 1988 por problemas económicos.[7]
Remove ads
Historia
O Karbo Club de Fútbol[4] naceu en 1968 no seo da Academia Karbo,[3] un colexio do barrio coruñés dos Mallos, tendo en José Mañana o seu principal impulsor.[8][9] Durante a súa primeira etapa o equipo xogou torneos amigables e oficiosos, xa que a Real Federación Española de Fútbol non incorporou o fútbol feminino ata 1980.[10]
En 1981 o club foi convidado á inauguración do campo de fútbol da Laracha e gañou a un equipo masculino de veteranos por 2-0.[11] Para o mes de maio dese ano o club solicitou utilizar o estadio de Riazor para xogar un trofeo fronte ao Boavista, pero foilles denegado. O club mandou un escrito ao concello da Coruña, que respondeu que debería abonar 50.000 pesetas por utilizar o estadio, mentres que a directiva do Deportivo da Coruña negouse a ceder o estadio porque “podería supoñer un precedente que obrigaría a ceder o estadio cantas veces fose solicitado”.[12][11][13]
En xuño dese ano gañou a Copa Raíña Sofía, campionato de España oficioso organizado polo concello de Tarragona,[14] enfrontándose na final ao Risco de Las Palmas por 2-1.[15][16] Previamente gañara por goleada ao Ciudad Condal (4-0), Punta del Este (10-1) e Barcelona (3-0).[17] O club tivo que pagar a viaxe, xa que non recibiu ningún tipo de axuda federativa ou subvención institucional.[18] As xogadoras tiveron que levar os equipamentos do Orzán SD e o Imperátor OAR como roupa de reposto.[17]
Cinco xogadoras do Karbo entraron na primeira convocatoria oficial da selección feminina española de fútbol, que debutou en febreiro de 1983 nun encontro amigable fronte a Portugal. Elas foron Ángeles Olmo, Encarnación Pérez, Inma Castañón, Aurora Martínez e Lis Franco.[19][20]
En 1983 a Real Federación Española de Fútbol organizou a primeira edición oficial da Copa da Raíña de fútbol, da que o Karbo C.F. resultou campión tras gañar na final disputada en Xetafe o 22 de maio de 1983 ao Porvenir por 4-1.[21][22]
En novembro de 1983 producíronse conversas entre o entón presidente do Deportivo da Coruña, Jesús Corzo Sierra, e os propietarios do colexio Karbo, Ramón Carrasco e Mary Carmen Borrego, que desembocarían nun acordo polo cal o Deportivo se faría cargo do Karbo.[5] Así mesmo, o club branquiazul decidiu respectar o nome Karbo e engadiulle o de Deportivo, ficando así o nome como Karbo Deportivo.[5][6] A absorción tivo lugar o 2 de xaneiro de 1984.[9] A partir de entón o equipo comezaría a empregar a camisola branquiazul co escudo do Deportivo,[8][23] e disputaría os encontros como local alternativamente entre o campo de Elviña, o de Vilaboa e o estadio de Riazor —no que chegou a rexistrar entradas de 4.000 espectadores—.[8]
O equipo gañou dúas Copas da Raíña máis, en 1984 e 1985. Na final de 1984, xogada a dobre partido, derrotou o Añorga, gañando 4-2 en Riazor e perdendo 2-1 en Donostia, adxudicándose a Copa por un global de 5-4. En 1985 gañou por penaltis a final a partido único disputada en Riazor contra Barcilona, tras finalizar con empate 2-2.[8]
O Karbo Deportivo foi a base da selección galega que gañou o campionato de España en 1985.[24] Entre as tempadas 1982/83 e 1986/87, o Karbo gañou con facilidade o campionato de Galicia organizado pola Federación Galega de Fútbol, disputado en forma de liga e que daba a clasificación para a Copa da Raíña.[25][26][27][28][29] Na tempada 1984/85 mesmo o chegou a gañar sen recibir un só gol en contra.[30] En 1987 gañou tamén a Copa Federación Galega de Fútbol ao vencer 5-0 ao Celta.[31]
O Karbo Deportivo deixou de existir en 1988 por problemas económicos,[7] deixando o Deportivo da Coruña sen equipo feminino ata o ano 2016, cando volveu contar cunha sección de fútbol feminino,[32][33] chamada oficialmente Real Club Deportivo ABANCA[34][35] por razóns de patrocinio.[36]
Remove ads
Xogadoras
Xogadoras famosas
Adestradores
Palmarés
- Copa Raíña Sofía (1): 1981
- Copa da Raíña (3): 1983, 1984, 1985
- Liga galega (5): 1982/83, 1983/84, 1984/85, 1985/86, 1986/87
- Copa Federación Galega de Fútbol (1): 1986/87
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads