Factor estimulante de colonias de macrófagos

From Wikipedia, the free encyclopedia

Remove ads

O factor estimulante de colonias de macrófagos (M-CSF, do inglés Macrophague colony-stimulating factor), tamén chamado factor estimulante de colonias 1 (CSF1), é unha citocina segregada reguladora, que inflúe nas células nai hematopoéticas para que se diferencien en macrófagos ou outros tipos celulares relacionados. As células eucarióticas tamén producen o M-CSF para combater as infeccións virais intracelulares. Pode estar tamén implicado no desenvolvemento da placenta.[1] O M-CSF (ou CSF1) únese a un receptor da superficie celular chamado receptor do factor estimulante de colonias 1.

PDB 1hmc
Factor estimulante de colonias 1 (macrófago)
Identificadores
Símbolo MCSF
Símbolos alt. CSF1 ; CSF-1; M-CSF
Entrez 1435
OMIM

120420

RefSeq NP_000748
UniProt P09603
Outros datos
Locus Cr. 1 :(110.45 – 110.47 Mb)
Remove ads

Estrutura

O M-CSF é unha citocina. A forma activa da proteína encóntrase extracelularmente como un homodímero unido por ponte disulfuro, e crese que se produce por clivaxe proteolítica de precursores unidos a membrana.[1]

Atopáronse catro variantes de transcrición do xene desta proteína, que codifican tres isoformas.[1]

Función

O M-CSF (ou CSF1) é un factor de crecemento hematopoético que está implicado na proliferación, diferenciación e supervivencia de monocitos, macrófagos, e células proxenitoras da medula ósea.[2] O M-CSF afecta a macrófagos e a monocitos de varios modos, incluíndo o estímulo do incremento da actividade quimiotáctica e fagocítica, e o incremento da citotoxicidade en células tumorais.[3] A función do M-CSF non está restrinxida á liñaxe celular de monocitos/macrófagos. Ao interaccionar co seu receptor de membrana (o CSF1R ou M-CSF-R codificado polo protooncoxene c-fms), o M-CSF tamén modula a proliferación de proxenitores hematopoéticos temperáns e inflúe en numerosos procesos fisiolóxicos implicados en inmunoloxía, metabolismo, fertilidade e embarazo.[4]

O M-CSF liberado polos osteoblastos (como resultado da estimulación endócrina pola hormona paratiroide) exerce efectos parácrinos sobre os osteoclastos. O M-CSF únese a receptores situados na superficie dos osteoclastos inducindo a diferenciación, e finalmente orixina o incremento no plasma dos niveis de calcio, por medio da resorción ósea. Adicionalmente, obsérvase un alto nivel de expresión de M-CSF (ou CSF1) no epitelio endometrial do útero grávido, e tamén un alto nivel do seu receptor CSF1R no trofoblasto placentario. A activación do CSF1R trofoblástico por niveis locais altos de M-CSF (ou CSF1) é esencial para a implantación normal do embrión e o desenvolvemento placentario. Máis recentemente, descubriuse que este factor proteico e o seu receptor están implicados no desenvolvemento normal e no crecemento neoplásico da glándula mamaria.[5]

Remove ads

Importancia clínica

O M-CSF producido localmente na parede dos vasos sanguíneos contribúe ao desenvolvemento e progresión da aterosclerose.[6]

Ademais, o M-CSF xoga un papel na activación crónica de monocitos, a cal orixina moitas anormalidades metabólicas, hematolóxicas e inmunolóxicas en pacientes con insuficiencia renal crónica.[7]

Interacción

O M-CSF presenta interaccións con PIK3R2.[8]

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads