Endometrio
bioloxía From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
O endometrio é o tecido que reviste a parte interna do útero dos mamíferos. Nas mulleres sofre cambios durante o ciclo menstrual e despréndese e sangra durante a menstruación. No endometrio implántase o embrión.

Remove ads
Funcións
O endometrio é a capa máis interna, glandular, da parede do útero e funciona como o revestimento interno uterino que impide a adhesión entre as paredes opostas do miometrio, mantendo aberta a cavidade uterina. Durante o ciclo menstrual ou o ciclo estral, o endometrio crece engrosándose e formando un tecido glandular con moitos vasos sanguíneos. Isto crea un ambiente óptimo para a implantación do blastocisto (fases iniciais do embrión) que chega ao útero. O endometrio ten un grosor medio de 6,7 mm e é detectable con aparellos de ultrasóns.
Durante o embarazo, as glándulas e vasos sanguíneos do endometrio aumentan en tamaño e número. Os espazos vasculares fusiónanse e interconéctanse, formando a placenta, que fornecerá osíxeno e nutrientes ao embrión e feto.
Remove ads
Ciclo
O endometrio descámase e rexenérase ciclicamente. Nos humanos e nos grandes simios existe un ciclo menstrual, e noutros mamíferos un ciclo estral. En ambos os casos, o endometrio prolifera inicialmente baixo a influencia dos estróxenos. Porén, unha vez que ten lugar a ovulación, ademais dos estróxenos, o ovario empeza a producir proxesterona. Isto cambia o patrón proliferativo do endometrio transformándoo nun tecido secretor. Finalmente, o endometrio secretror proporciona un ambiente axeitado para a implantación do blastocisto. Se o blastocisto se implanta, entón o endometrio permanece como decidua. A decidua pasa a formar parte da placenta, á que proporciona soporte e protección para a xestación.
Se a estimulación do endometrio é inadecuada debido á falta de hormonas, o endometrio permanece fino e inactivo. Nas mulleres isto ten como resultado a amenorrea. Despois da menopausa, o endometrio é a miúdo descrito como atrófico. Polo contrario, cando o endometrio esta cronicamente exposto aos estróxenos, pero non á proxesterona, pode facerse hiperplásico. O uso por longos períodos de contraceptivos orais con proxesterona potente pode inducir a atrofia do endometrio.[1][2]
Nas mulleres o ciclo de descamamento menstrual e reconstrución do endometrio dura como media uns 28 días. O endometrio desenvólvese en diferentes graos nos distintos mamíferos. A súa formación vese ás veces afectada polas estacións, climas, estrés e outros factores. O endometrio produce certas prostaglandinas en diferentes puntos do ciclo (e relaxina na decidua), que afectan a outras partes do aparato reprodutor feminino.
Remove ads
Histoloxía




O endometrio consiste nunha capa simple de epitelio columnar que descansa sobre un estroma, que é unha capa de tecido conectivo que varía en grosor segundo a influencia hormonal. Hai glándulas uterinas tubulares simpes que van da base do estroma á superficie. O estroma está tamén moi vascularizado con arterias espirais. Nunha muller en idade reprodutiva, poden distinguirse dúas capas no endometrio, que son:[3]
- A capa funcional, que é a máis externa e limita coa cavidade uterina. Esta capa fórmase despois do final da menstruación durante a primeira parte do ciclo menstrual. A proliferación é inducida polos estróxenos (na fase folicular do ciclo menstrual), e as transformacións finais nesta capa son inducidas pola proxesterona do corpo lúteo (na fase lútea). Está adaptada a proporcionar un ambiente óptimo para a implantación e crecemento do embrión. Esta é a capa que se desprende completamente durante a menstruación.
- A capa basal, que está debaixo da anterior e limita co miometrio, e que non se desprende durante a menstruación, e a partir da que se rexenera a capa funcional.
En ausencia de proxesterona, as arterias que subministran sangue á capa funcional sofren constrición, polo que as células que irrigaban quedan en isquemia e morren, o que produce a menstruación[4].
É posible identificar a fase do ciclo menstrual observando as diferenzas histolóxicas que experimenta o endometrio. As principais son:
Fase | Días | Grosor | Epitelio |
fase menstrual | 1-4 | delgado | ausente |
fase folicular ou proliferativa | 4-14 | intermedio | columnar |
fase secrertora | 15-28 | groso | columnar. Tamén son visibles as ramas helicoidais das arterias uterinas |
O tecido coriónico procedente do corion placentario pode dar lugar a marcados cambios no endometrio, coñecidos como reacción de Arias-Stella, que teñen unha aparencia similar ao cáncer.[5]
Remove ads
Patoloxías
A adenomiose é o crecemento do endometrio na capa muscular do útero, o miometrio.
A endometriose é o crecemento do tecido endometrial fóra do útero.
O cáncer endometrial é o cáncer máis común do tracto xenital feminino.
A síndrome de Asherman, tamén chamada adherencias intrauterinas ocorre cando a capa basal do endometrio sofre danos con instrumental médico (por exemplo, na dilatación e legrado ou curetaxe) ou infección (por exemplo, tuberculose endometrial) orixinando unha esclerose endometrial e formación de adherencias que entupen parcialmente ou completamente a cavidade uterina.
A condición denominada endometrio delgado pode ser definida como un adelgazamento endometrial ata un grosor de menos de 8 mm. Aparece xeralmente despois da menopausa. Entre os tratamentos que poden mellorar o grosor endometrial están o uso de vitamina E, L-arxinina e sildenafilo citrato (Viagra).[6]
Pode utilizarse o perfil da expresión xénica usando a técnica de micromatrices de ADNc para a diagnose dos trastornos endometriais.[7]
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads