Magalhães (sonda espacial)
Sonda espacial estadounidense para o estudo de Venus. From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Magalhães[7] (Magellan en inglés) foi unha sonda espacial estadounidense lanzada o 4 de maio de 1989 mediante o transbordador espacial Atlantis na misión STS-30 desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral cara Venus.[1][2][3]
Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Magalhães.
Remove ads
Características
Magalhães foi a primeira misión estadounidense adicada ó estudo e cartografado da superficie de Venus mediante radar de apertura sintética (SAR pola súa sigla en inglés). A nave construíuse con partes sobrantes ou recambios doutras naves para aforrar custos, en particular das naves Galileo, Viking, Voyager, Mariner, do Skylab e a Ulysses.[1][2][3]
Os obxectivos principais da Magalhães foron cartografar a superficie venusiana cunha resolución de 1 km, obter un mapa topográfico de 50 km de resolución espacial e 100 m de resolución vertical, cartografar o campo gravitatorio do planeta e estudar a súa xeoloxía.[1][2][3]
O instrumento principal da nave era unha antena parabólica de 3,7 m de diámetro, usada tanto como SAR como para as comunicacións coa Terra. A altura total da nave era de 6,4 m, cunha envergadura de 9,2 m cos paneis solares estendidos. Baixo a antena atopábase unha sección rectangular coa electrónica da nave, os volantes de inercia e as baterías. Baixo esta sección atopábase un segmento decahédrico que soportaba os paneis solares, o buscador estelar, a antena de media ganancia, a computadora de a bordo e dúas gravadoras de cinta. Por último atopábase o módulo de propulsión.[1][2][3]
Os paneis solares xeraban unha potencia de ata 1029 vatios que alimentaban unha batería de níquel-cadmio a unha tensión de 28 voltios. A nave estabilizábase nos tres eixos mediante tres volantes de inercia ortogonais entre si. O sistema de propulsión usaba hidracina como propulsante e as comunicacións e as medicións científicas usaban a banda S e banda X.[1][2][3]
Magalhães chegou a Venus o 10 de agosto de 1990. A primeira fase da misión durou oito meses, entre o 15 de setembro de 1990 e o 15 de maio de 1991, durante a cal cartografou mediante radar o 84% da superficie venusiana. A segunda fase da misión tivo lugar entre o 15 de maio de 1991 e o 15 de xaneiro de 1992, e durante a cal Magalhães cartografou o polo sur venusiano e encheu os baleiros da cartografía da primeira fase. A terceira fase comezou o 24 de xaneiro de 1992 e durou ata o 15 de setembro de 1992, completando a cartografía e obtendo imaxes adicionais coas que formar imaxes estereográficas da superficie. A cuarta fase transcorreu entre o 15 de setembro de 1992 e maio de 1993 para obter datos gravitatorios. Entre maio e agosto de 1993 Magalhães fixo manobras de aerofreada para rebaixar a órbita. A quinta e última fase tivo lugar entre o 3 de agosto de 1993 e o 29 de agosto de 1994, mellorándose a resolución dos datos sobre o campo gravitatorio. Durante setembro de 1994 Magalhães fixo un experimento denominado de muíño de vento, durante o cal os paneis solares foron colocados en ángulos diferentes, como un muíño de vento, xerando un torque cuxa magnitude daba información sobre a densidade da atmosfera á altura á que estaba viaxando a Magalhães. Finalmente a nave caeu á superficie de Venus o 14 de outubro de 1994.[1][2][3]
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads