Manat turcomán
unidade monetaria de Turkmenistán From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
O manat turcomán (código TMT; símbolo: m) é a unidade monetaria de Turkmenistán desde 1993, subdividida en 100 tenge (teňňe) como moeda fraccionaria.[2][3]
- Para a moeda de Azerbaidján, véxase Manat acerbaixano.
Manat turcomán | |
---|---|
Türkmen manady en turcomán | |
![]() | ![]() |
manat turcomán | manats turcománs |
Código: | TMT |
Ámbito: | ![]() |
Símbolo: | m |
Fracción: | 100 tenge (teňňe) |
Moedas: | - 1, 2, 5, 10, 20 e 50 tenge. - 1 e 2 manats. |
Billetes: | 1, 5, 10, 20, 50, 100 e 500 manats. |
Emisor: | Banco Central de Turkmenistán. |
Taxa de troco: 22-4-2020 [1] | 1 EUR = 3,91 TMT 1 USD = 3,50 TMT |
En 2009, o primeiro manat foi substituído polo novo manat turcomán, cunha taxa de cambio de 5.000 manats vellos por cada novo manat.[4]
Remove ads
Etimoloxía
O termo manat tomouse do persa munāt e do ruso Монета, vocábulos que en ambos os casos proceden da palabra latina moneta, de onde deriva tamén a nosa "moeda". Manat foi, así mesmo, a palabra coa que se designou o rublo soviético tanto na lingua azerí como na turcomá.[5]
Primeiro manat (1993-2009)
O primeiro manat turcomán introduciuse o 1 de novembro de 1993 en substitución do rublo ruso, cunha taxa de cambio de 500 rublos por manat. A aquel primeiro manat turcomán asignáraselle o código ISO 4217 TMM e estaba dividido en 100 teňňesi.
Moedas
Esta primeira serie de moedas foi de curta duración, debido a que o valor do metal no que estaban cuñadas as moedas pasou a ser axiña máis alto que o seu propio valor nominal. Puxéronse en circulación inicialmente moedas cuñadas en 1993, con valores faciais de 1, 5, 10, 20 e 50 tenges (teňňesi). Logo dun período de alta inflación, engadíronse á serie en 1999 os valores de 500 e de 1.000 manats. Todas estas moedas levan nos seus anversos, por lei, a imaxe do daquela presidente do país, Saparmurat Niyazov.[6][7]
Billetes
Primeira serie (1993-2005)
En 1993 introducíronse billetes cos valores nominais de 1, 5, 10, 20, 50, 100 e 500 manats, en substitución dos que circularan ata a data, correspondentes ao sistema do rublo. A serie foi completada cos valores de 1.000 manats en 1995, e de 5.000 e 10.000 manats en 1996. En 2005, produciuse unha nova tiraxe de billetes cos valores de 50, 100, 500, 1.000, 5.000 e 10.000 manats. Todos os billetes, agás os de 1 e 5 manats, teñen o retrato do daquela presidente turcomán, Saparmurat Niyazov. Todos os billetes do país son producidos pola compañía británica de impresión de papel moeda De La Rue.[15][16]
Segunda serie (2005)
En 2005 introduciuse unha nova serie de billetes do sistema do manat. Orixinariamente pretendíase substituír o primeiro manat cunha taxa fixa de cambio de 1.000 dos novos por un dos primeiros, mais finalmente pospúxose esa revalorización da moeda e a serie púxose en circulación co mesmo valor dos billetes anteriores. Os billetes correspondentes á primeira serie e os desta segunda serie circularon conxuntamente ata a introdución do segundo manat en 2009. Os valores postos en circulación foron os de 50, 100, 500, 1.000, 5.000 e 10.000 manats.[17]
Remove ads
Novo manat (desde 2009)
Por mor da desvalorización que sufriu a moeda turcomá desde a súa creación, en 2009 púxose en circulación unha nova unidade monetaria chamada tamén manat, dividida pola súa vez en 100 tenge (teňňe). O cambio produciuse a razón de 5.000 manats antigos por cada novo manat. O 1 de xaneiro dese ano apareceron os novos billetes e as novas moedas.
Moedas
Durante a reforma monetaria de 2009 puxéronse en circulación novas moedas de 1, 2, 5, 10, 20 e 50 tenge. Ademais, o 1 de novembro de 2009, o Banco Central de Turkmenistán anunciou a posta en circulación de novas moedas bimetálicas de 1 e 2 manats para o 1 de xaneiro de 2010. Nesta serie, en lugar de representarse o presidente do país nos seus anversos reprodúcese un mapa de Turkmenistán coa Torre da Independencia superposta. Todas estas moedas foron producidas na Royal Mint de Londres.
Billetes
A nova serie de billetes componse dos valores de 1, 5, 10, 20, 50, 100 e 500 manats (este último non chegou a circular).[29][30][31]
Os billetes gardan certas semellanzas con respecto aos anteriores mais coa particularidade de que nos vellos manats o presidente aparecía nos anversos de todos os valores, en tanto que nos novos o seu retrato só está presente nos billetes de 500 manats; no resto reprodúcense os bustos de grandes persoeiros turcománs, e nos seus reversos edificios significativos do país.[32]
Os billetes da serie impresa en 2017 incorporan, a modo de conmemoración, o logotipo dos V Xogos Asiáticos de Interior e Artes Marciais, que tiveron lugar en Ashgabat do 17 ao 27 de setembro de 2017.[33][34]
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads