Folidotos
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
A dos folidotos (Pholidota) é unha orde de mamíferos euterios que comprende unha soa familia,[1] a dos mánidos (Manidae), cun só xénero, Manis,[2] que na actualidade, reúne oito especies das zonas tropicais do Vello Mundo (África e Asia) coñecidas vulgarmente como pangolíns.[3]
Remove ads
Características
Os folidotos están entre os mamíferos máis estraños do mundo, xa que non son demasiado diferentes dos réptiles, xa que teñen o corpo cuberto de grandes escamas imbricadas, formando un escudo dérmico que cobre todas as partes superiores, así como a inferior da cola (son os únicos mamíferos coñecidos con esta adaptación).[4][5] Esta coiraza fai que poidan parecer, a simple vista, armadillos, moi afastados filoxeneticamente, xa que estes pertencen á familia dos dasipódidos, única da orde dos cingulados, propios da América tropical.[4]
O seu corpo é alongado, coa cabeza pequena, estreita e sen pavillóns auditivos (ou ben estes son rudimentarios) e a cola é moi longa (de até os 2/3 da lonxitude total do animal) e, nas formas arborícolas, é prénsil. Non teñen dentes en estado adulto, pero si unha longa e estreita lingua, protáctil e dotada dunha saliva pegañenta, coa que apañan os insectos (formigas, térmites) dos que se alimentan.[4][6][7]
Os pangolíns móvense moi lentamente, andando a miúdo sobre as súas patas traseiras (máis desenvolvidas que as dianteiras) e usando a cola como contrapeso, coas patas dianteiras separadas do chan. As unllas están ben desenvolvidas, e están recurvadas. O sentido da vista está pouco desenvolvido, pero os do olfacto, gusto e oído si son moi agudos. Son animais solitarios, e as parellas permanecen unidas só durante a curta época do celo. Son capaces de enrolarse sobre si mesmos, formando unha bóla que só presenta as escamas ao exterior. Esta actitude pasiva é a súa única defensa; porén, o efecto cortante das moi duras escamas, movidas por potentes músculos, poden produciren serios danos aos seus inimigos se meten o fociño ou os dedos entre elas. As femias paren unha soa cría por parto, á que transportan na base da súa cola e protexen enroscándose ao redor dela; ás crías as escamas endurécenselles aos dous días de vida.[4][6][7]
Distínguense dous grupos ben definidos, un terrestre e outro arborícola. En canto á súa distribución xeográfica, catro especies viven na África tropical (agás Madagascar), e as outras catro en Asia: India, Ceilán, Birmania, Indonesia, sur da China (incluíndo as illas de Taiwán e Hainan) e Filipinas (Palawan).[6]
O nome vulgar pangolín provén da palabra malaia penggoling, que significa "rolo", "algo que enrola", e de aí pasou ás linguas europeas a través do inglés pangolin.[8][9]
Remove ads
Taxonomía
Debido a que antigamente non se dispoñía de moitos datos sobre a súa evolución e parentesco filoxenético,[7] os pangolíns clasificáronse antigamente noutras ordes, por exemplo na antiga dos dos xenartros (hoxe considerada superorde), que inclúe aos chamados osos formigueiros, tamanduaa e os armadillos (hoxe separados na orde dos cingulados). Porén, recentes probas xenéticas, indican que os seus parentes vivos máis próximos son os carnívoros que forman con eles o clado Ferae.[10][11] E algúns paleontólogos clasificáronos na orde dos cimolestos, hoxe extintos, xunto con outros varios grupos así mesmo extintos.
A orde dos folidotos foi descrita en 1904 polo zoólogo e bioxeógrafo xermano-neerlandés Max Carl Wilhelm Weber; a familia dos mánidos, en 1821 polo zoólogo británico John Edward Gray, mentres que o xénero Manis fora xa establecido en 1758 por Carl von Linné na 10ª edición do seu Systema Naturae.
Subxéneros, especies e subespecies
Actualmente no xénero Manis recoñécense subxéneros con oito especies vivas, coas subespecies que se indican:[12]
Xénero Manis Linnaeus, 1758
- Subxénero Manis
- Especie Manis (Manis) crassicaudata Gray, 1827 - Pangolín da India
- Especie Manis (Manis) pentadactyla Linnaeus, 1758 - Pangolín chinés
- M . p. pentadactyla
- M. p. auritus
- M. p. pusilla
- Subxénero Paramanis
- Especie Manis (Paraanis) culionensis de Elera, 1915 - Pangolín filipino
- Especie Manis (Paramanis) javanica Desmarest, 1822 - Pangolín malaio
- Subxénero Smutsia
- Especie Manis (Smutsia) gigantea Illiger, 1815 - Pangolín xigante
- Especie Manis (Smutsia) temminckii Smuts, 1832 - Pangolín de Temminck ou pangolín terrestre
- Subxénero Uromanis
- Especie Manis (Uromanis) tetradactyla (= Manis longicaudata) Linnaeus, 1766 - Pangolín de cola longa
- Subxénero Phataginus
- Especie Manis (Phataginus) tricuspis Rafinesque, 1821 - Pangolín arborícola
- P. t. tricuspis
- P. t. mabirae
- Especie Manis (Phataginus) tricuspis Rafinesque, 1821 - Pangolín arborícola
Remove ads
Distribución das especies
Mapa de distribución das especies do xénero Manis

- Lenda
- En verde: Manis gigantea
- En verde claro: Manis tricuspis
- En maxenta: Manis tetradactyla
- En azul escuro: Manis temmenicki
- En violeta: Manis crassicaudata
- En alaranxado: Manis pentadactyla
- En azul claro: Manis javanica
- En vermello: Manis culionensis
- Raiado: superposición das áreas de distribución das especies centroafricanas
Galería de imaxes
- Especies africanas
- Manis gigantea
- Manis tricuspis
- Manis tetradactyla
- Manis temmenicki
- Especies asiáticas
- Manis crassicaudata
- Manis pentadactyla
- Manis javanica
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads