Manuel Loureda

futbolista galego From Wikipedia, the free encyclopedia

Remove ads

Manuel Loureda Calvete, nado na Coruña o 11 de novembro de 1941 e finado na mesma cidade o 30 de xuño de 2017, foi un futbolista galego. Xogaba de dianteiro e pasou toda a súa carreira como futbolista profesional no Deportivo da Coruña, no que ingresou en 1960 e no que se retirou 14 anos despois, en 1974, tras 323 partidos oficiais e 69 goles. Foi un fixo nas aliñacións do club na época do chamado "equipo ascensor" e viviu catro ascensos e seis descensos de categoría.[1]

Datos rápidos Biografía, Nacemento ...
Remove ads

Traxectoria

Comezou a xogar ao fútbol no equipo xuvenil do Sporting Coruñés, ata que o 27 de xullo de 1960, con 18 anos, asinou contrato co Deportivo da Coruña.[2] Na tempada 1960/61 xogou cedido no Ordes, da Terceira División,[3] incorporándose ao Deportivo no verán de 1961. Pasou a tempada 1961/62 no equipo de reservas, e non tivo ningunha oportunidade co primeiro equipo ata que este certificou o ascenso á Primeira División. Finalmente, o 22 de abril de 1962 debutou co Deportivo da Coruña, xogando ante o Córdoba en Riazor o primeiro dos dous partidos non oficiais que decidiron o campión de Segunda División.[4][5] En setembro foi titular no histórico Trofeo Teresa Herrera 1962, no que o Deportivo derrotou ao poderoso Benfica campión das dúas últimas Copas de Europa.[6]

Xa iniciada a tempada 1962/63, debutou da man do adestrador Rabassa en partido oficial, na segunda xornada da Primeira División ante o Real Madrid no Santiago Bernabéu, encontro que acabou con derrota por 2–1. Tamén ante o Real Madrid, pero en Riazor, marcou o seu primeiro gol co Deportivo (e único nesa campaña). Foi na xornada 17, nun partido que rematou tamén en derrota (1–3). Sumou 13 partidos durante a tempada, na que os xogadores máis habituais na dianteira foron Veloso, Montalvo e Jaime Blanco. Rabassa foi destituído en decembro e a continuación pasaron polo banco Rodrigo García Vizoso e Lelé, pero o equipo acabou descendendo a Segunda División despois de perder a promoción contra o Levante.[7]

Na tempada 1963/64, da man do adestrador arxentino Roque Olsen, Loureda foi o atacante que máis partidos xogou (todos excepto un), formando xunto a Veloso, Montalvo e Lamelo unha prolífica dianteira que levou ao equipo a se proclamar campión de Segunda, con 74 goles a favor. O ascenso certificouse a falta de dúas xornadas para o final, grazas a un gol de Loureda que culminaba a vitoria do Deportivo por 2-1 no derbi galego contra o Celta de Vigo en Riazor.[8][9] Rematou a campaña con 15 goles, entre eles un triplete na goleada por 8-2 sobre o Alavés, colocándose como o quinto máximo goleador do Grupo 1 de Segunda.

No seu regreso á máxima categoría, só puido disputar 13 partidos, pois en xaneiro recibiu unha sanción de 14 xornadas por agredir a un árbitro asistente nun partido ante o Atlético de Madrid.[10][11] O equipo coruñés realizou unha pésima campaña, acabando de último e descendendo de novo a Segunda.[12] Volveu ser unha peza fixa nas aliñacións do Deportivo na seguinte tempada, xa con Orizaola no banco, e pechou a liga con 10 goles e un novo título de campión. Ademais, na goleada por 9-1 sobre o Melilla na Copa do Xeneralísimo converteuse nun dos poucos futbolistas na historia do Deportivo en marcar cinco goles nun mesmo partido.[13]

Continuou como titular habitual no ataque deportivista durante os seguintes oito anos, aínda que con menores cifras goleadoras, e viviu outros catro descensos de categoría e dous ascensos. Durante este tempo tivo que lidar coa súa aerofobia, evitando os voos en avión cando era posible para viaxar por estrada.[14]

A 1973/74 foi a súa última tempada como futbolista. Ese ano participou en 20 partidos, marcando un gol na Copa, e non puido evitar o descenso do equipo á Terceira División, por primeira e única vez na historia do club coruñés. Derrubado animicamente, ao remate do partido contra o Mallorca que certificou o descenso precisou de asistencia debido a unha crise nerviosa,[15] e dous días despois anunciou a súa retirada do fútbol.[16]

No momento da súa retirada era o terceiro xogador con máis partidos oficiais disputados na historia do Deportivo (323), só por detrás de Acuña e Domínguez, e o terceiro máximo goleador (69), superado só por Veloso e Guimeráns. Actualmente ocupa o 12º posto en número de partidos e o décimo en goles.[17]

Faleceu o 30 de xuño de 2017, aos 75 anos de idade.[18][19]

Remove ads

Palmarés

Deportivo

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads