Miguel Seco Seco
veterinario e político español From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Miguel Seco Seco, nado en Valdespino de Somoza (Santiago Millas, provincia de León) o 29 de maio de 1925[1][2][3] e finado en Santiago de Compostela o 23 de xaneiro de 2009, foi un político galego do PPdeG, alcalde do Pino e deputado provincial da Coruña.
Remove ads
Traxectoria
Veterinario de profesión, ingresou no Corpo de Inspección Veterinaria, sendo o seu primeiro destino por resolución do 26 de xullo de 1948 a localidade de Caldas de Reis[4]. En marzo de 1951 foi publicado o seu traslado á localidade salmantina de Palencia de Negrilla[5], pero este nomeamento foi revogado o 5 de abril para modificalo polo da localidade valisoletana de Villagarcía de Campos[6][2][7]. Por fin, en setembro de 1956 volveu concursar e obtivo o traslado á praza do Pino[8].
Foi nomeado alcalde do concello do Pino en 1970[9], así como máis tarde foi deputado provincial na Deputación da Coruña[10], posto este último que desenvolveu durante máis de dúas décadas. Nas primeiras eleccións democráticas encabezou a candidatura de Coalición Democrática, formación impulsada polo político Manuel Fraga. O concello do Pino foi un dos catro da provincia que presentaron ás eleccións unha soa candidatura neste ano[11], polo que, obviamente, Miguel Seco obtivo a alcaldía, tomando posesión do cargo o 19 de abril de 1979[12]. Miguel Seco sempre concorreu nas eleccións piñeiras da man dos partidos e coalicións lideradas polo político vilalbés. Volveu ser elixido nas convocatorias de 1983, 1987 e 1991, primeiro por AP e despois polo PPdeG, sempre con maioría absoluta. En 1989 ocupou o posto de suplente 3º nas listas ao Congreso nas eleccións xerais de España de 1989[13], aínda que finalmente non chegou acadar o posto durante a lexislatura.

En 1995 volveu encabezar as listas do PP no Pino[14], gañando as eleccións. Tomou posesión o 17 de xuño, aínda que non completou o mandato porque foi censurado polo seu propio grupo político[15] e obrigado a renunciar ao cargo o 7 de marzo de 1997[16] para ser substituído como alcalde polo número 2 da candidatura, Manuel Taboada Vigo[17]. Tras isto, Miguel Seco retirouse da vida política activa. En xuño deste último ano recibiu o ingreso na Orde Civil de Sanidade na categoría de encomenda, co título de comendador[18].
Durante o seu mandato inaugurouse o 27 de xaneiro de 1978 a actual casa do concello do Pino, que segue as liñas do chamado estilo internacional, moi de moda nos anos 70[19]. O proceso de adxudicación das obras deu comezado pouco máis dun ano antes, a finais de 1976[20]. Por outra banda, en 1975 iniciáronse as obras do CPI Camiño de Santiago[21]. As obras foron costeadas polo Ministerio de Eduación e Ciencia como centro de Educación Xeral Básica e dotada de dezaseis unidades mixtas para albergar un total de seiscentos alumnos, ascendendo o orzamento a uns trinta millóns de pesetas (pouco máis de 180.000 euros)[22], sendo inaugurado pouco tempo despois.
Miguel Seco faleceu en xaneiro de 2009 en Santiago de Compostela, sendo enterrado na súa localidade natal[23][3].
Predecesor: - |
![]() Alcalde do Pino 1970 – 1997 |
Sucesor: Manuel Taboada Vigo |
Remove ads
Galería de imaxes
- Escola de Valdespino de Somoza, localidade natal de Miguel Seco
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads