Mitosoma

From Wikipedia, the free encyclopedia

Remove ads

O mitosoma é un orgánulo atopado nalgúns organismos eucariotas unicelulares. O mitosoma foi descuberto e nomeado moi recentemente,[1] e a súa función aínda non está ben caracterizada. Foi denominado tamén crypton, mais ese nome xa non se usa.

O mitosoma detectouse só en organismos anaeróbicos ou microaerófilos que non teñen mitocondrias. Estes organismos non teñen a capacidade de obter enerxía da fosforilación oxidativa, como se realizaría normalmente nas mitocondrias. O mitosoma foi descrito primeiro en Entamoeba histolytica, un parasito intestinal humano.[1][2] Os mitosomas tamén foron identificados en varias especies de microsporidios[3][4] e en Giardia intestinalis.[5]

Os mitosomas derivan con case toda seguridade das mitocondrias. Igual que as mitocondrias, teñen dobre membrana e a maioría das proteínas que son transportadas a eles teñen unha secuencia de sinalización de aminoácidos.[1][3][4] Dita secuencia de aminoácidos é similar á que usan as mitocondrias e as auténticas presecuencias mitocondriais poden servir para transportar proteínas aos mitosomas.[1] Demostrouse ademais que un certo número de proteínas asociadas a mitosomas están estreitamente relacionadas coas da mitocondria[2] ou coas dos hidroxenosomas (os cales son tamén mitocondrias dexeneradas).[6]

Sábese actualmente que os mitosomas probablemente interveñen na ensamblaxe de grupos ferro-sulfurados de proteínas, xa que non presentan as proteínas mitocondriais para a respiración celular ou a síntese do grupo hemo pero si as proteínas requiridas para a biosíntese de grupos Fe-S, como frataxina, cisteína desulfurase, Isu1 e unha Hsp70 mitocondrial.[4]

A diferenza das mitocondrias, os mitosomas non teñen xenes no seu interior. Os xenes que codifican os compoñentes mitosómicos están contidos no xenoma nuclear.[1] Un informe inicial suxería a presenza de ADN neste orgánulo,[7] pero investigacións máis recentes demostraron que carecen del.[8]

Remove ads

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads