Neutral Milk Hotel

From Wikipedia, the free encyclopedia

Neutral Milk Hotel
Remove ads

Neutral Milk Hotel foi unha banda estadounidense de indie rock formada polo vocalista, guitarrista e compositor Jeff Mangum en 1989 en Ruston, Louisiana. A música da banda tiña a propósito un son de baixa calidade, influenciado polo indie rock e o folk psicodélico. Mangum escribiu letras surrealistas e opacas que abarcaban unha ampla gama de temas, incluíndo o amor, a espiritualidade, a nostalxia, o sexo e a soidade. El e os outros membros da banda tocaban unha variedade de instrumentos que incluían instrumentos non tradicionais no rock como a serra musical e a gaita irlandesa.

Datos rápidos Orixe, Período ...

Neutral Milk Hotel naceu como un dos proxectos de gravación caseira de Magnum. Tras graduarse no instituto, Magnum viviu como vagamundo e de cando en vez publicaba música. En 1996 traballou co seu amigo da infancia Robert Schneider para gravar o álbum On Avery Island, que tivo modestas críticas e vendeu unhas 5 000 copias. Magnum recrutou aos músicos Julian Koster, Jeremy Barnes e Scott Spillane para o segundo álbum da banda, In the Aeroplane Over the Sea. O seu lanzamento de 1998 recibiu críticas na súa maioría positivas, pero non eloxiosas.

Cando saíu de xira a popularidade do grupo medrou a través da súa exposición en Internet. Isto afectou negativamente a Magnum, cuxa saúde mental comezou a deteriorarse. Este non quixo continuar xirando e Neutral Milk Hotel entrou un hiato pouco despois. Durante a pausa, a banda gañou seguidores de culto e a valoración de In the Aeroplane Over the Sea aumentou enormemente. Varios medios musicais, como Pitchfork e Blender, dixeron que In the Aeroplane Over the Sea era un álbum de referencia para o indie rock e un dos mellores discos da década de 1990. Moitos grupos de indie rock como Arcade Fire e The Decemberists foron influenciados pola música ecléctica e as letras serias de Neutral Milk Hotel. O grupo reuniuse en 2013 e realizou unha xira antes doutro parón en 2015.

Remove ads

Historia

Primeiros anos

Neutral Milk Hote orixinouse en Ruston, Louisiana, a finais dos anos 80 como un proxecto de gravación en casa do músico Jeff Mangum.[1] Chamado inicialmente Milk, Magnum fixo as gravacións mentres aínda estaba no instituto.[1] As primeiras gravacións de MIlk, como Invent Yourself a Shortcake e Beauty, foron compartidas entre Magnum e os seus amigos Robert Schneider, Bill Doss e Will Cullen Hart.[2] Os catro amigos marcaron estas cintas de casete caseiras cun selo discográfico imaxinario, Elephant 6, que finalmente se converteu nun colectivo musical.[3][4] Cando Mangum soubo doutra banda chamada Milk, cambiou o nome do proxecto a Neutral Milk Hotel, baseándose nun nome que suxeriu Hart.[5]

Tras graduarse do instituto, Magnum asistiu á Louisiana Tech University, pero acabou abandonando os estudos.[1] Trasladouse a Athens, Xeorxia, e tocou nunha banda chamada Synthetic Flying Machine con Doss e Hart, pero deixouna pouco tempo despois da súa formación.[6] Despois volveuse vagabundo e viviu en cidades como Denver, Os Ánxeles e Seattle.[7] Durante ese período gravou música ocasionalmente, incluído un álbum demo en 1993 chamado Hype City Soundtrack.[7] Schneider di que Hype City Soundtrack foi unha reacción a o que Magnum cría que era a comercialización desenfreada da música nas grandes cidades. Mentres vivía en Seattle Magnum superou a súa aprensión pola industria musical e lanzou a canción "Everything Is" a través do selo Cher Doll Records.[8] A exposición do tema convenceu a Magnum para gravar máis música baixo o nome de Neutral Milk Hotel.[9] Segundo Magnum; " O sinxelo foi unha bendición porque estaba practicamente ao final da miña paciencia con case todo na miña vida nese momento... Acabei enviando unha cinta a [Nancy Ostrander] en Cher Doll Records e salvoume só dicindo que quería facer un sinxelo".[9]

Nese momento, Mangum tamén era baixista de The Apples in Stereo, unha banda que Schneider formou mentres vivía en Denver.[8] Os membros do grupo querían fichar por SpinART Records e reuníronse co seu representante legal, Brian McPherson, nos Ánxeles.[10][11] McPherson sentíuse atraído por Mangum, que levaba unha camiseta de Shrimper Records. Despois de saber que Mangum escribira "Everything Is", unha canción que McPherson escoitara e gozara previamente, os dous chegaron a un acordo para que McPherson se convertese no representante de Neutral Milk Hotel.[11] McPherson enviou copias de "Everything Is" e outra canción, "Ruby Bulbs", aos fundadores de Merge Records, Laura Ballance e Mac McCaughan. Aos dous gustoulles a música e engadiron a Neutral Milk Hotel ao seu cadro de artistas.[11]

On Avery Island e expansión a cuarteto

Thumb
Jeff Mangum actuando con Neutral Milk Hotel en 1997

Magnum trasladouse a Denver para gravar o primeiro álbum de Neutral Milk Hotel, On Avery Island.[10] Schneider actuou como produtor e as sesións de gravación duraron de febreiro a maio de 1995. Aínda que Schneider estaba interesado nunha ampla produción ao estilo dos Beatles, aliñouse coa preferencia de Mangum por un son lo-fi, admitindo que "ao principio era frustrante, pero cheguei a gozar del. Así aprendín a producir, facendo ese disco, porque tiven que deixar ir totalmente o que pensaba que debía ser".[12] On Avery Island foi publicado nos Estados Unidos o 26 de marzo de 1996 a través de Merge Records, e no Reino Unido o 30 de setembro a través de Fire Records. Vendeu unhas 5 000 copias, sendo considerado un éxito por Merge.[13] O disco tivo recensións xeralmente positivas dos críticos, que definiron a música como pop lo-fi. Kurt Wolff do Houston Chronicle describiu escoitar a música como "unha experiencia alucinante", e finalmente cualificou o álbum como "un traballo fresco, emocionante e destacado". A publicación británica NME escribiu: "Neutral Milk Hotel pode converter unha introspección miserable como o pecado en mantras folclóricos que perforan o teu cranio como un trade eléctrico ben apuntado".[14] On Avery Island foi acabou no número 35 na enquisa Pazz & Jop de The Village Voice de 1996.[13]

Despois do lanzamento de On Avery Island, Magnum buscou a outros músicos para xirar.[15] Mentres vivía en Ruston fixérase amigo do músico de NovaYork Julian Koster. Intercambiaron cintas demo e Koster uniuse a Neutral Milk Hotel como baixista.[16] Nesa época Koster recibiu unha carta do batería de Chicago Jeremy Barnes, quen escribiu que non cumprira as expectativas que se propuxera.[17] Segundo Koster, "Jeremy escribiume esta carta realmente marabillosa, basicamente dicindo que estaba sendo levado a unha vida moi diferente da que creo que que debería vivir Jeremy Barnes... Creo que estaba a sentir que o seu destino estaba noutro lugar".[17] A carta resoou en Koster e Mangum, e viaxaron a Chicago para coñecelo. Tras unha curta audición os dous persuadiron a Barnes para que deixase a DePaul University e se unise a eles.[17] O último membro da banda chegou cando Mangum viaxaba a Nova York para vivir con Koster. Nunha parada en Austin, Texas, Mangum coñeceu ao ex músico de Ruston Scott Spillane, que traballaba nunha pizzería. Magnum axudou a facer pizzas durante a "borracheira" nocturna, e despois convenceu a Spillane a que se unise á banda.[18]

Os membros da banda trasladáronse a Nova York e alí viviron e ensaiaron nunha casa da avoa de Koster.[15] Koster animou aos seus compañeiros a que tocasen instrumentos fóra da súa zona de comfort.[19] Por exemplo, o batería Barnes aprendeu a tocar o acordeón, e Spillane aprendeu a tocar as partes de trompa de On Avery Island, practicando nunha trompa de dúas válvulas varias horas cada día.[20] O 28 de abril de 1997 Neutral Milk Hotel comezou unha xira nacional durante a cal os seus membros aprenderon a tocar como unha unidade.[21] A xira de On Avery Island xerou os cartos suficientes como para que os músicos se puidesen mudar a Athens, onde vivía un gran grupo de músicos de Elephant 6.[22] Na primavera de 1997, Mangum escribira e fixera demos de case todas as cancións para un segundo álbum. Compartiu as demos cos seus compañeiros de banda antes de que se mudaran a Denver para gravar o disco.[23]

In the Aeroplane Over the Sea

O segundo álbum de Neutral Milk Hotel, In the Aeroplane Over the Sea, foi producido por Schneider e gravouse de xullo a setembro de 1997. Schneider usou novas técnicas de gravación para caoturar as preferencias lo-fi de Magnum.[24] A Mangum gustáballe ter unha capa de distorsión sobre a música, pero Schneider non utilizou equipos de efectos estándar como Big Muffs ou pedais de distorsión.[25] No seu lugar, Schneider usou moita compresión e colocou un preamplificador de micro de válvulas Bellari RP-220 preto da guitarra de Magnum. A continuación, Schneider pasou o son a través dunha mesa de mesturas, e ampliouno nunha cinta de casete.[26] Este proceso realizouse para case todos os instrumentos utilizados en In the Aeroplane Over the Sea. Schneider afirmou que as non linealidades da distorsión do micrófono deron ao álbum a súa calidade "cálida" única.[27]

In the Aeroplane Over the Sea foi publicado o 10 de febreiro de 1998.[28] Merge publicou 5 500 copias en CD e 1 600 en vinilo, e esperaba que as vendas fosen semellantes ás de On Avery Island.[29][30] Estas proxeccións iniciais foron correctas, xa que o álbum vendeuse moderadamente ben durante os primeiros meses.[29] As respostas dos críticos foron maioritariamente positivas, pero non laudatorias.[31] Rob Brunner de Entertainment Weekly eloxiou a instrumentación única e as "melodías pop alegres", pero describiu algunhas das cancións como "picafollas acústicos sen vida".[32] M. Christian McDermott de Pitchfork tamén eloxiou a música, á que chamou unha mestura de "Sgt. Pepper con lo-fi de principios dos 90" que lle pareceu "tan pegadiza como aterradora".[33] Unha crítica máis negativa veu de Ben Ratliff de Rolling Stone, quen sentiu que a pesada capa de distorsión enmascaraba a ausencia de melodías decentes.[34] CMJ New Music Monthly clasificou In the Aeroplane Over the Sea como o álbum número un de 1998,[35] e ocupou o décimo quinto lugar na enquisa Pazz & Jop dese mesmo ano.[36]

Para promocionar o álbum a banda embarcouse nunha xira por América do Norte e Europa.[37] Os músicos John Fernandes e Will Westbrook incorporáronse como membros de xira e aprenderon a tocar as partes de trompa con Spillane. Durante a xira, Neutral Milk Hotel gañou a reputación de realizar concertos caóticos e esixentes fisicamente. O membro de Great Lakes Ben Crum recordou: "Definitivamente era perigoso. Moitas veces parecía haber unha posibilidade moi real de que alguén, probablemente Julian, saíse ferido. Jeff sempre estaba facendo cousas como collelo e lanzalo contra a batería".[38] Os membros da banda moitas veces non podían pagar aloxamento, e ás veces preguntaban á xente do público se podían pasar a noite na súa casa, sen entender que o propietario lles tiña realmente medo.[39]

Hiato e seguimento de culto

Algúns xornalistas sinalaron que o lanzamento de In the Aeroplane Over the Sea coincidiu co auxe da Internet.[40][31] O álbum, e por extensión Neutral Milk Hotel, converteuse nun elemento habitual nos taboleiros de mensaxes en liña, e as primeiras páxinas web de música, como Pitchfork, déronlle á banda un maior nivel de promoción.[40] O seu novo perfil tivo un efecto negativo en Mangum e a súa saúde mental comezou a deteriorarse.[41] Constantemente dicía aos seus compañeiros de banda que quería renunciar, pero nunca lles explicou por que.[42] Algúns xornalistas especularon que se cansara de facer xira e explicar constantemente as súas letras aos fans; o biógrafo de Elephant 6, Adam Clair, cre que puido sentirse abrumado pola forma en que os fans vían a súa música e polas altas expectativas postas nas gravacións posteriores.[43] Independentemente do motivo, Mangum chegou á conclusión de que non podía seguir actuando e que quería desaparecer da vida pública.[41] En lugar de dicirlle aos outros membros da banda a súa decisión, simplemente evitou o tema da música nova por completo. Isto levou á ruptura non oficial de Neutral Milk Hotel pouco despois da xira.[44] A última actuación en directo da banda tivo lugar o 13 de outubro de 1998 en Londres.[45]

Durante a pausa, Magnum traballou ocasionalmente noutros proxectos, pero ningún deles foi amplamente publicitado.[46] Cando lle preguntaron sobre un terceiro álbum de Neutral Milk Hotel nunha entrevista de 2002, Mangum dixo: "Non o sei. Sería bo, pero ás veces dubido".[47] Aínda que Neutral Milk Hotel non se separou oficialmente, os outros membros da banda traballaron na música con outras bandas de Elephant 6 como Bablicon, The Gerbils, A Hawk and a Hacksaw e The Music Tapes.[48][45] Koster destacou como el e os outros membros da banda inicialmente pensaron que o hiato sería unha pequena pausa para centrarse nos seus outros proxectos musicais. Koster contou: "O feito de que Neutral Milk non estivese a facer algo só parecía natural, porque estaban a suceder moitas outras cousas, e nós acababamos de facer moito. Non me parecía nada fóra do normal. Non sospeitei nada".[42]

Aos fans de Neutral Milk Hotel non se lles dixo por que a banda fixo unha pausa. Algúns estaban enfadados e acusaron a Mangum de ser egoísta, e outros escribiron publicacións de blog enganosas que daban detalles falsos de próximas xiras e outras informacións que non eran certas.[41] As especulacións e as discusións en liña elevaron o perfil da banda, ata o punto de que Neutral Milk Hotel e, en particular, In the Aeroplane Over the Sea gañaron seguidores de culto e converteron a Mangum nunha figura lendaria.[31] En 2003, o escritor de Creative Loafing Kevin Griffis dedicou un artigo de portada completo a tentar de localizar a Mangum para pechar a súa relación persoal. A busca rematou cando Mangum lle enviou un correo electrónico que dicía: "Non son unha idea. Son unha persoa, que obviamente quere estar soa".[49] O xornalista Mark Richardson intentou explicar o aumento da popularidade de In the Aeroplane Over the Sea: "Debido a que [Mangum] era inaccesible, non había ningunha saída para a conexión que non fose o propio disco e outros fans que compartían unha paixón. Sen facer nada, Neutral Milk Hotel desenvolveu un culto".[50]

A valoración de In the Aeroplane Over the Sea aumentou enormemente nos anos posteriores ao seu lanzamento, o que o xornalista Luke Winkie atribúe aos seguidores de culto.[31] Domino Recording Company lanzou unha reedición en 2005, que recibiu unha puntuación perfecta de 10/10 por Mark Richardson de Pitchfork.[51] Richardson escribiu: "É un rexistro de imaxes, asociacións e fíos; ningunha palabra o describe tan ben como o fermoso e abusado caleidoscopio".[51] Outros medios musicais como AllMusic e a Encyclopedia of Popular Music tamén deron ao álbum puntuacións perfectas.[52][53] As cifras de vendas de In the Aeroplane Over the Sea aumentaron durante a década de 2000, estimándose unhas vendas de 140 000 copias ata 2005.[46] O escritor de Polygon Garrett Martin sinalou como os fans do álbum eran "incriblemente apaixonados", gravando versións para YouTube, escribindo poesía e formando bandas tributo. Martin dixo: "A base de fans pode ser relativamente pequena, pero é fervente".[54]

Reunión e segundo hiato

Thumb
Magnum en 2014

Mangum reapareceu en 2008 con algúns concertos en solitario antes de emprender xiras completas en solitario en 2011 e 2012.[55] Durante este tempo, Mangum preparou unha caixa de material de Neutral Milk Hotel, que incluía un EP de cancións inéditas titulado Ferris Wheel on Fire.[56] Como Mangum estaba activo novamente na industria musical, os rumores comezaron a espallarse entre os fans e os medios musicais sobre unha posible reunión de Neutral Milk Hotel.[48][57]

O 29 de abril de 2013 Neutral Milk Hotel anunciou oficialmente unha xira de reunión cos catro membros da banda.[55] Nunha entrevista con Orlando Weekly, Schneider dixo: "[O hiato] certamente non foi intencionado, e non estou seguro de que [Mangum] se decatara de que estaba a ser un recluso ata que abrumadoramente todo o mundo falase diso. Hai sete anos que sei que ía comezar a xira. Non sabía se realmente ía comezar a facelo, pero sabía no meu corazón que estaba a traballar para iso".[58] O Neutral Milk Hotel realizou unha xira entre 2013 e 2015.[59] Nunha publicación de 2014 no sitio web da banda, os membros escribiron que a súa xira de 2015 sería a súa última xira no "futuro previsible" e que ían facer unha pausa prolongada. A publicación dicía: "Queridos amigos, querémosvos pero é hora de dicir adeus para sempre".[59]

En 2023, Neutral Milk Hotel lanzou outra caixa, titulada The Collected Works of Neutral Milk Hotel. A caixa inclúe todas as gravacións da banda, incluíndo Live at Jittery Joe's, un álbum en directo que Mangum lanzou de forma independente en 2001.[60] The Collected Works of Neutral Milk Hotel foi nomeado ao premio Grammy ao mellor paquete de edición limitada en caixa ou especial na 66ª edición dos premios Grammy.[61]

Remove ads

Discografía

Casetes demo

  • Pygmie Barn in E Minor como Milk - 1989
  • Beauty como Milk - 1989
  • Invent Yourself a Shortcake - 1991
  • Beauty - 1992
  • Hype City Soundtrack - 1993
  • Demo 1 - 1993
  • Demo 2 - 1993

Álbums de estudio

Máis información Álbum, Ano ...

EPs e sinxelos

  • Everything Is
  • Holland, 1945

Notas

Bibliografía

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads