Panda vermello
especie de mamífero From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
O panda vermello ou panda menor (Ailurus fulgens) é unha especie de mamífero da orde dos carnívoros, único representante actual da familia dos ailúridos, e do seu único xénero, Ailurus.
Porén, clasificouse anteriormente dentro das familias dos prociónidos e dos úrsidos.
A poboación desta especie encóntrase ameazada pola perda de hábitat, a caza furtiva e a endogamia e, aínda que está protexida por leis nacionais dalgúns países, áchase dentro do grupo de especies en estado vulnerábel.
O panda vermello é propio das rexións montañosas do Himalaia, Bután, o sur da China, a India, Nepal e Birmania,[2] onde vive xeralmente en bosques temperados húmidos de zonas altas e con abundante bambú.
Fisicamente, a súa pelaxe é de cor parda avermellada, e ten unha cola longa e peluda. As extremidades dianteiras son bastante curtas, polo que ten unha peculiar forma de camiñar.
É un animal de carácter solitario, territorial e de costumes nocturnos. A súa alimentación é basicamente de follas de bambú pero, ao ser omnívoro, pode comer tamén ovos, paxaros, insectos e micromamíferos.
A súa poboación comezou a diminuír ultimamente debido á destrución do seu hábitat e á caza furtiva. É un animal común nos zoolóxicos —principalmente de Norteamérica e Europa— onde se reproduce en catividade.
Remove ads
Unha clasificación controvertida
Houbo numerosos debates sobre a posición filoxenética dos pandas (o maior e o menor) e os mapaches, desde situalos a todos na familia dos prociónidos, até situar o xénero Ailuropoda nunha familia propia, a dos ailuropódidos.[3] Porén, recentes análises xenéticas mostran que o panda xigante é un parente moi próximo dos osos, polo que a maioría dos autores o sitúan dentro da familia dos úrsidos como único representante actual da subfamilia dos ailuropodinos,[4] mentres que a clasificación do panda menor (Ailurus fulgens) aínda se discute.
Frédéric Cuvier, en 1825, describiu inicialmente o panda vermello como un parente próximo do Procyon lotor (Procyonidae), aínda que lle dera o nome Ailurus baseado nas súas semellanzas superficiais cos gatos domésticos. A clasificación científica do panda vermello foi controvertida desde que se descubriu, e foi situado entre os Ursidae, Procyonidae, Ailuropodidae ou nunha familia propia, a dos Ailuridae. Esta incerteza xorde da dificultade en determinar se certas características do xénero Ailurus son filoxeneticamente conservadoras ou derivan de converxencias con especies de hábitos ecolóxicos similares.[5]
Diversas hipóteses filoxenéticas, baseadas en análises moleculares e morfolóxicas, foron xurdindo ao longo dos anos, situando o panda vermello:
- Máis próximo aos prociónidos que aos úrsidos,
- Máis relacionado cos úrsidos do que cos prociónidos,
- Intermedio entre os úrsiddos e os prociónidos,
- Emparentado co panda xigante, pero de posición incerta,
- Máis relacionado cos Musteloidea, ou
- Representa unha liñaxe monotípica dentro dos Arctoidea, porén de posición non resolta.[5][6]
Evidencias baseadas no rexistro fósil, seroloxía, cariotipo, comportamento, anatomía e reprodución reflicten maior afinidade cos prociónidos que cos úrsidos. Por outra parte, especializacións ecolóxicas e alimentarias e a distinta distribución xeográfica en relación cos modernos prociónidos apoian a súa separación nunha familia propia.[5]
Recentemente, Flynn e colaboradores, a través de análises moleculares, confirmaron a clasificación do xénero Ailurus nunha familia distinta á dos prociónidos e á dos úrsidos, e determinaron a inclusión desa familia na gran superfamilia dos Musteloidea (ailúridos + prociónidos + mefítidos + mustélidos).[6][7][8]
Remove ads
Estado de conservación
En 2008 a Unión Internacional para a Conservación da Natureza, tendo en conta que a poboación de Ailurus fulgens se estimaba en menos de 10 000 individuos maduros, cun continuo declive de máis do 10 % anual nos últimos anos, cualificou a especie como "VU" (vulnerábel) cualificación que se mantén até hoxe en día (2013).[2]
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads