Pisidia

From Wikipedia, the free encyclopedia

Remove ads

Pisidia ou Psidia (latín Psidia ou Pisidia, grego Pisidiké) foi unha rexión de Asia Menor cara o sur-suroeste. Parte historicamente de Panfilia, estaba poboada pola mesma xente.

Datos rápidos Localización ...
Remove ads

Historia

Baixo dominio persa (século VI a. C.), participaron cun continxente na invasión de Grecia por Xerxes; Alexandre o Grande conquistou Sagalassos na súa marcha cara a Persia, pero Termessos fíxolle fronte. Nominalmente parte de Macedonia, despois da morte de Alexandre vai quedar dentro nos dominios de Pérdicas e foi concedida a Eumenes, que nunca a ocupou. Pasou a Antígono o chosco. (321 a. C.) ao ser considerada unha parte da satrapía de Frixia, se ben probabelmente só formaban parte dela o norte e noroeste, onde formaba a chamada Frixia Pisídica, mentres que o resto do país debía permanecer independente, e consta que se emitía moeda.

O 301 a. C. o país, que seguía de feito independente, pasou aos seléucidas que estableceron algunhas cidades como Seleucia Sídera e dominaron mellor o país, pero só parcialmente, a pesar de que o helenismo fixo moito camiño. Durante a época seléucida os pisidios dedicáronse a faceren correrías polas rexións veciñas.

Derrotado Antíoco III o grande, coa paz de Apamea o país foi asignado ao Reino de Pérgamo (188 a. C.), pero permaneceu independente de feito; o 133 a. C. o Reino de Pérgamo pasou por testamento en Roma e Psidia quedou dentro da provincia de Asia, e sobre o 125 a. C. foi entregada ao reino de Capadocia, que non puido manter o control sobre ela, volvendo pronto a Roma (102 a. C.); os romanos tivérona que conquistar e o 88 a. C. foi incluído en Cilicia xunto con tres distritos de Frixia (Laodicea, Apamea, e Synnada); outra vez parte da provincia de Asia na metade do século I a.C., sobre o 39 a. C. foi doada por Marco Antonio ao seu aliado o tetrarca Amintas de Galacia, ao que encargou de someter aos bandidos coñecidos como homonadenses, que dominaban a zona montañosa e controlaban as comunicacións entre Psidia e Panfilia, pero Amintas morreu na loita e Galacia converteuse en provincia romana incluíndo Psidia; finalmente os homonadenses serían exterminados o ano 3 a. C., pero os romanos aínda non puideran establecer ningunha colonia ou manter gornicións e as cidades sometidas simplemente pagaban un imposto, pero conservaban a independencia. Baixo Augusto déronse terras aos veteranos do exército e establecéronse oito colonias, salientando as de Antioquía, Sagalassus, Olbasa, Cremna e Comama.

Progresivamente a rexión latinizouse. Antioquía foi visitada por Paulo de Tarso e despois do 311 foi a sede metropolitana de Psidia.

Foi constituída en provincia sobre o 294 na reorganización de Diocleciano con Antioquía como capital, formada basicamente pola Pisidia e parte da Licaonia, dentro da diocese asiática. No século IV incorporóuselle parte de Frixia, pero perdeu a parte de Licaonia. En período cristián tivo 25 sedes episcopais. A provincia subsistía en tempo do emperador bizantino Xustiniano.

O 518 a rexión sufriu un devastador terremoto e o 541 - 543 sufriu unha praga (unha peste); despois houbo outros terremotos e nos séculos VII, VIII e IX sufriu incursións dos árabes. Pasou aos turcos selxúcidas despois do 1071, pero foi obxecto de disputa cos bizantinos ata o 1176 cando, despois da batalla de Miriocéfalon o control turco se impuxo definitivamente.

Remove ads

Xeografía

Límites

Os seus límites serían: ao leste a rexión montañosa de Isauria; ao sur, Panfilia; ao oeste, Licia, Caria e Frixia; e ao norte Frixia (a Frixia Parorios).

Montañas

O país era montañoso atravesado por ramificacións das montañas do Tauro, pero con algúns vales fértiles e chairas extensamente cultivadas, especialmente con oliveiras.

Os montes que viñan de Frixia (do Cadmo) collían o nome de Sardemiso na beira de Termiso e no distrito de Milias ou de Climax.

Ríos e lagos

Nestas montañas nacían os ríos Catarrhactes e Cestrus, que regaban Psidia e Panfilia e desaugaban no mar Mediterráneo polo chamado golfo de Panfilia. Os lagos principais eran o Coralis, o Troxitis (ambos ás veces mencionados como parte de Frixia e de Licaonia), o Pusgusa ou Pungusa (mencionado só en fontes bizantinas) e o gran lago de sal de Ascania (Gran Lago Salgado).

Remove ads

Economía

Os principais produtos do país eran o sal, as raíces de iris das que se facían perfumes, e viño, sendo famoso na época clásica o viño de Amblada.

Cidades e distritos

As principais cidades serían Antioquía de Pisidia, Sagalassos, Etenna, Termissos, Philomelium, Neapolis, Selge, Tyaricum, Pednelissos, Cibira, Oenoanda, Bubon, Laodicea e Katakekaumene.

Dividíase en diversos distritos dos que se coñecen:

  • Ao suroeste, onda Licia, o distrito de Milias ou Milyas
  • Ao lado do anterior Cabalia

Poboación e lingua

A súa poboación foi de etnia frixia indoeuropea (ver Pisidios). A lingua pisidia crese que era de orixe frixia e, polo tanto, sería unha lingua indoeuropea dentro da rama anatólica.

Véxase tamén

Outros artigos

  • Pisidia, Provincia romana.
Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads