Ponte do Burgo
ponte de pedra en arco en Pontevedra From Wikipedia, the free encyclopedia
A Ponte do Burgo é unha ponte medieval, construída sobre outra máis antiga de orixe romana, que cruza o río Lérez na cidade de Pontevedra. Atópase no camiño portugués ao norte do centro histórico de Pontevedra e ao sur do barrio do Burgo.[1] Entre os arcos dos piares están talladas as famosas cunchas de peregrino de pedra.
Ponte do Burgo | ||||
---|---|---|---|---|
![]() | ||||
Tipo | ponte en arco | |||
Parte de | Camiño portugués | |||
Material usado | pedra | |||
Localización | ||||
| ||||
Estado | España | |||
Comunidade autónoma | Galicia | |||
Provincia | provincia de Pontevedra | |||
Concello | Pontevedra | |||
Localización | Pontevedra | |||
Atravesa | río Lérez | |||
Datas | ||||
Fundación | século XII | |||
Dimensións | ||||
Anchura | 11,2 m | |||
Lonxitude | 158 m | |||
[ Wikidata ] |
Historia
A actual ponte medieval é herdeira da primeira ponte romana pola que pasaba a vía romana XIX no Itinerario de Antonino. Esta ponte aínda existía no século XII, pero estaba en ruínas[2] e foi durante moito tempo o único punto de paso do río Lérez no Camiño Portugués.
As primeiras referencias á ponte actual remóntanse a 1165, cando os reis Fernando II de León e Galiza e Afonso de Portugal asinaron a paz super flumen Lerice in vetula ponte, designando a antiga ponte romana (augas abaixo desta) como Ponte Vella. No século XV, a ponte tiña dous estribos de 30 metros e 15 arcos, pero perdeu un cando se construíu un novo dique para aumentar a profundidade do porto.[3]
No século XVI, a ponte contaba con dúas torres defensivas, unha a cada lado do río, estando a máis próxima á cidade unida ás murallas de Pontevedra e anexa ao antigo cárcere, como mostran os debuxos de Pier Maria Baldi[4] e Celso García de la Riega. O 26 de novembro de 1646 unha enorme crecida do Lérez estivo a piques de derrubar a ponte.[5] As torres foron destruídas polos ingleses en 1719. Unha delas foi reconstruída, pero desapareceu definitivamente en 1805. No centro había un cruceiro que, a mediados do século XIX, trasladouse aos arredores da praza Alonso de Fonseca, xunto á basílica de Santa María a Maior. Naquela época, a ponte só tiña 12 arcos visibles. A ponte figura no escudo da cidade coa súa torre e o seu cruceiro.
A primeira gran reforma da ponte realizouse en 1886 baixo a dirección do enxeñeiro Prudencio Guadalfajara para a súa reparación e ampliación. En 1890 eliminouse o peitoril de pedra e instalouse unha varanda metálica.[6]
Entre 1953 e 1954 levou a cabo unha importante reforma e ampliación, con dous carrís para vehículos e beirarrúas a ambos os dous lados para os peóns. Tamén se expuxo a idea de cubrir as beirarrúas, que finalmente non se fixo por falta de orzamento.[7] As cunchas de vieira esculpidas nos arcos foron un traballo encargado en 1950 a Raymundo Vázquez e realizado por un dos seus canteiros.
En 1988 construíronse plataformas de formigón para a ampliación da avenida de Bos Aires, apoiadas en piares, que ocultaron o undécimo arco da ponte por baixo. Durante as escavacións descubriuse o famoso miliario de Hadriano, datado no ano 134 d.C.[8]
En 2006, unha escavación arqueolóxica sacou á luz os arcos número 14 e 15 da ponte e o peirao do porto do século XV cun arco apuntado cego. Durante a escavación, os arqueólogos atoparon dous miliarios, un dedicado ao emperador Maximino Daia do século IV e o outro ao emperador Nerva do século I.[9]
Peonalización
A mediados de 2019 iniciáronse as obras de peonalización completa da ponte do Burgo, que finalizaron en 2020, coa instalación dunha nova iluminación nocturna na ponte.[10][11] Grazas a esta reforma, colocouse un novo pavimento de granito e retirouse a antiga varanda e substituíuse por unha nova.[12][13][14]
Descrición
É unha ponte peonil de arcos de pedra que sufriu modificacións en distintas épocas. Realizada en granito, consta de once arcos rebaixados de medio punto. A ponte ten 10 arcos visibles, tallamares, unha varanda de aceiro galvanizado gris de 1,10 metros de altura[15] con iluminación integrada e cunchas de vieira de pedra engadidas como medallóns entre os arcos por encima dos piares da ponte na década de 1950.
A ponte do Burgo ten 11,2 metros de ancho e 158 metros de longo. O pavimento de pedra incorporou en 2020 pequenas luces azuis que marcan o camiño portugués.
Cultura
No extremo sur da ponte, na súa confluencia co casco antigo de Pontevedra, existe unha zona arqueolóxica con restos da ponte medieval orixinal (en particular dos arcos 14 e 15) e do porto medieval, que quedaran sepultados polas obras realizadas ao longo dos séculos.
Galería de imaxes
- Ponte co barrio do Burgo ao fondo
- Ponte coa cidade de fondo
- Cunchas de vieira esculpidas
- Ponte co centro da cidade de fondo
- A ponte peonil
- Banco diante da ponte
- A ponte coa iluminación nocturna
- A ponte con marea alta
- Arco rebaixado
- Tallamares da ponte
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.