Protesilao

heroe na guerra de Troia From Wikipedia, the free encyclopedia

Protesilao
Remove ads

Na mitoloxía grega, Protesilao (ou Protésilas, en grego antigo Πρωτεσίλαος) foi un príncipe de Tesalia, fillo de Íficles (ou Íficlo) [1] e de Astíoque. Tiña un irmán chamado Podarces. Outra tradición faino fillo de Áctor, outro heroe tesalio.

Thumb
Dracma de prata de Tesalia, c. 302-286 aC. Á esquerda, cabeza de Deméter; á dereita, figura de Protesilao no momento de desembarcar ante Troia (ás súas costas, a proa dunha galera)

Protesilao foi un dos numerosos pretendentes que aspiraban á man da princesa Helena pero non chegou a casar con ela. Por tal causa tivo que acudir á Guerra de Troia para cumprir o xuramento que o pai desta, Tindáreo, esixiu a tódolos pretendentes de acatar o resultado da elección e protexer o matrimonio resultante de Helena con Menelao. Deste xeito, foi un dos contendentes na guerra, achegando á frota aquea un continxente de 40 naves [2].

Remove ads

Guerra de Troia

A participación de Protesilao na Guerra de Troia foi efémera. Un oráculo profetizara que o primeiro grego que pisara a terra troiana ó desembarcar sería tamén o primeiro en morrer. Aínda así, e coñecendo a profecía, mentres os demais heroes dubidaban nas cubertas dos seus barcos entre saltar ou esperar, el saltou a terra e, tras matar a varios troianos [3], foi abatido por Heitor [4], se ben outras fontes dan os nomes de Euforbo, Eneas ou Acates (amigo de Eneas) como os autores da morte de Protesilao [5]. O certo é que na Ilíada (a fonte por excelencia da Guerra de Troia) non se concreta nada a este respecto. O seu irmán Podarces continuou ó mando dos seus guerreiros.

"Matárao un guerreiro dárdano cando acababa de pisar terra pos foi, con diferenza, o primeiro dos aqueos en desembarcar da súa nave"
Ilíada II, 702

Tamén se conta que Protesilao tivo un papel relevante na primeira expedición [6] Cando a frota aquea desembarcou en Misia enfrontouse con Télefo, fillo de Heracles e rei desta rexión. Télefo matou a moitos gregos pero, cando viu que viña Aquiles fuxiu cheo de medo. Na fuxida tropezou coa raíz dunha vide e caeu [7], sendo ferido na coxa por Aquiles. Pero outras versións contan que Protesilao conseguiu quitarlle o escudo a Télefo, o que permitiu ferilo a Aquiles [8]. Tempo despois sería o mesmo Télefo quen conduciría as naves gregas ata Troia, a cambio de que Aquiles lle curase as feridas.

O heroe chamábase anteriormente Iolao [9] pero foi rebautizado como Protesilao polo feito de ser o primeiro en morrer [10].

A lenda conta que está enterrado en Tracia e que se le renden honores divinos. As ninfas plantaran grandes olmos que dan sombra á tumba. As pólas que miran cara a tumba conservan as follas verdes todo o ano, mentres que as que miran cara Troia perden as follas ó pouco de brotar. Estes olmos murchan e morren cando alcanzan unha atura tal en que un home subido á copa pode chegar a ver as murallas de Troia, pero volven a rebrotar novas árbores das raíces [11].

Pero tamén existe outra tradición segundo a cal Protesilao non morre en Troia. Sobreviviu e regresou á súa patria, levando consigo como botín de guerra a Etila, irmá de Príamo. Durante a viaxe desembarcou para buscar auga nunha illa onda a península de Pelene, e Etila e as outras prisioneiras aproveitaron o momento para queimar as naves, obrigando deste xeito a Protesilao a quedarse en Pelene [12].

Thumb
Hades, deus do inframundo, permitiu regresar á Terra, temporal ou permanentemente, a diferentes personaxes mitolóxicos, entre eles a Protesilao [13]
Remove ads

Laodamía

Protesilao casara en Tesalia con Laodamía, filla de Acasto e de Astidamía. Pero o matrimonio non se celebrou de forma completa pois non se fixeron os sacrificios rituais. Inmediatamente tralo casamento foi cando se enrolou cara Troia [14], e dise que a súa morte foi como castigo por ese sacrilexio.

O caso é que Laodamía o amaba apaixoadamente, polo que pediu ós deuses que lle permitiran volver do Hades. Zeus aceptou e mandou a Hermes que trouxera a alma do Hades. Protesilao puido volver, pero só durante tres horas e, transcorrido este breve tempo, morreu definitivamente, e a esposa suicidouse nos seus brazos, cravándose un puñal no peito, para poder seguilo ó outro mundo. Pero tamén se conta que Laodamía mandara facer unha estatua de cera [15], imitante do seu home, e deitábase no leito conxugal abrazada a ela [16]. Un criado viuna abrazando e bicando a estatua e, pensando que se trataba dun amante, foi contalo ó pai, Acasto. Cando este viu a estatua, abraiado de semellante obsesión, botouna ó lume e Laodamía, por amor ó seu home, lanzouse ó lume coa estatua, morrendo abrasada [17].

Remove ads

Outras realidades

Existe un asteroide denominado (3540) Protesilao, que forma parte dos asteroides troianos de Xúpiter. Foi descuberto en 1973 e bautizado como 1973 UF5 pero en 1987 foi renomeado como Protesilao, en homenaxe ó heroe mitolóxico [18].

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads