Protoplasma
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Remove ads
O protoplasma é o contido vivo dunha célula que está rodeado por unha membrana plasmática.
Nalgunhas definicións é un termo xeral que significa citoplasma (por exemplo, Mohl, 1846),[1] pero para outros autores tamén inclúe o nucleoplasma (por exemplo, Strasburger, 1882). Para Sharp (1921), "Segundo o vello uso a porción extranuclear do protoplasto [a célula enteira, excluíndo a parede celular] denominábase "protoplasma", pero o núcleo tamén está composto de protoplasma, ou substancia viva no seu senso amplo. O consenso actual é evitar esta ambigüidade empregando os termos usados por Strasburger en (1882) citoplasma [acuñado por Kölliker (1863), orixinalmente como sinónimo de protoplasma] e nucleoplasma ([acuñado por van Beneden (1875), ou] carioplasma, [usado por] Flemming [(1878)])".[2][3][4][5][6] A definición de citoplasma de Strasburger excluía os plastidios, os cales formaban o cromatoplasma.
En canto á inclusión ou non dos vacúolos no concepto de protoplasma hai tamén controversia.[7]
O protoplasma está composto por unha mestura de pequenas moléculas, como ións, aminoácidos, monosacáridos e auga (que serve de disolvente), e macromoléculas, como ácidos nucleicos (ARN), proteínas, lípidos e polisacáridos.[8] Nos eucariotas o protoplasma que rodea o núcleo celular denomínase citoplasma e dentro do núcleo está o nucleoplasma. Nos procariotas o material dentro da membrana plasmática é o citoplasma bacteriano, mentres que nas bacterias gramnegativas a rexión que queda fóra da membrana plasmática pero dentro da membrana externa da súa envoltura é o chamado periplasma.
Remove ads
Historia
A palabra "protoplasma" procede do grego protos, 'primeiro', e plasma, con forma de cousa, e era usada orixinalmente en contextos relixiosos.[9] Utilizouna en 1839 J. E. Purkinje para designar o material do embrión animal.[10][11] Posteriormente, en 1846 Hugo von Mohl redefiniu o termo (tamén chamado Primordialschlauch, "utrículo primordial") para referirse á substancia "semifluída, granular, babosa e basta" do interior da célula vexetal, para distinguila da parede celular e do zume celular (Zellsaft) do interior do vacúolo.[12][13][14] Thomas Huxley (1869) referiuse posterioremnte a el como a "base física da vida" e considerou que a propiedade da vida era o resultado da distribución de moléculas no seo desa substancia.[15] O protoplasma converteuse en algo "epistémico".[16] A composición, non obstante, era un misterio e houbo moita polémica sobre de que tipo de substancia estaba formado.[17]
En 1872, Beale creou o termo vitalista "bioplasma" para contrastalo co materialismo de Huxley.[18][19] En 1880, Hanstein propuxo o termo protoplasto para designar a célula completa excepto a parede celular,[20][21] e algúns autores como Julius von Sachs (1882) preferían este nome en vez de "célula".[22]
En 1965, Hardy introduciu o termo "citosol", posteriormente redefinido como o líquido do interior da célula.[23]
Outros termos relacionados son:[24] Urschleim (Oken, 1802, 1809),[25][26] sarcode (Dujardin, 1835, 1841),[27][28] Grundsubstanz (substancia fundamental, Cienkowski, 1863),[29] enquilema/hialoplasma (Hanstein, 1880), paramitoma (Flemming, 1882),[30] substancia interfilar (Velten, 1876)[31] e substancia interalveolar (Bütschli, 1892).[32]
Na época en que escribiu Huxley desenvolvíase un longo debate sobre a unidade fundamental da vida: era a célula ou o protoplasma? A finais da década de 1860, o debate quedou resolto a favor de protoplasma. A célula era o contedor do protoplasma, o cal era a substancia fundamental e universal da vida. A contribución principal de Huxley foi establecer o protoplasma como incompatible coa teoría vitalista da vida.[33] Os intentos de investigar a orixe da vida por medio da creación dun "protoplasma" sintético no laboratorio non tiveron éxito.[34]
A idea de que o protoplasma dos eucariotas é simplemente divisible en substancia fundamental chamada "citoplasma" e un corpo estrutural chamado núcleo celular reflicte o coñecemento máis primitivo da estrutura da célula que precedeu ao desenvolvemento do microscopio electrónico, cando parecía que o citoplasma era un fluído homoxéneo e descoñecíase a existencia da maioría dos compartimentos subcelulares ou como as células mantiñan a súa forma.[35] Hoxe sábese que o contido da célula é moi complexo estruturalmente e contén moitos orgánulos.
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads