Receptor de ácido retinoico

From Wikipedia, the free encyclopedia

Remove ads

O receptor de ácido retinoico (RAR) é un tipo de receptor nuclear que pode tamén actuar como factor de transcrición activado por ligando[1] que é activado polo ácido todo-trans retinoico e o ácido 9-cis retinoico, derivados retinoides activos da vitamina A.[2] Atópanse no núcleo celular.[3] Hai tres receptores de ácido retinoico (RAR), que son: RAR-alfa, RAR-beta e RAR-gamma, codificados, respectivamente, polos xenes RARA, RARB e RARG. Dentro de cada subtipo de RAR hai varias isoformas que difiren na súa rexión A N-terminal.[1] Identificáronse moitas variantes de empalme nos RARs humanos: catro para RARA, cinco para RARB e dúas para RARG.[4] Igual que con outros receptores nucleares de tipo II, o RAR heterodimerízase co RXR e en ausencia de ligando, o dímero RAR/RXR únese a elementos de resposta a hormonas chamados elementos de resposta ao ácido retinoico (RAREs) en complexo coa proteína correpresora. A unión de ligandos agonistas ao RAR ten como resultado a disociación do correpresor e recrutamento da proteína coactivadora que, á súa vez, promove a transcrición do xene diana augas abaixo orixinando un ARNm e finalmente a proteína. Ademais, a expresión de xenes RAR está baixo regulación epixenética pola metilación do promotor.[5] Tanto a lonxitude coma a magnitude da resposta retinoide é dependente da degradación de RARs e RXRs por medio da vía ubiquitina proteasoma.[3] Esta degradación pode causar a elogación da transcrición de ADN pola alteración do complexo de iniciación ou o final da resposta para facilitar outros programas transcricionais.[3] Os receptores RAR presentan moitos efectos independentes de retinoides, xa que se unen e regulan a outras vías de receptores nucleares, como o receptor de estróxenos.[6]

Receptor de ácido retinoico alfa
Identificadores
Símbolo RARA
Entrez 5914
HUGO 9864
OMIM

180240

RefSeq NM_000964
UniProt P10276
Outros datos
Locus Cr. 17 q21.1
Receptor de ácido retinoico beta
Identificadores
Símbolo RARB
Entrez 5915
HUGO 9865
OMIM

180220

RefSeq NM_000965
UniProt P10826
Outros datos
Locus Cr. 3 p24
Receptor de ácido retinoico gamma
Identificadores
Símbolo RARG
Entrez 5916
HUGO 9866
OMIM

180190

RefSeq NM_000966
UniProt P13631
Outros datos
Locus Cr. 12 q13

Os RARs xogan un papel crucial no desenvolvemento embrionario. Os estudos en ratos knockout dos RARs revelaron que o knockout de RARs podía replicar completamente o espectro de defectos asociados coa síndrome de deficiencia de vitamina A fetal, desvelando anormalidades adicionais ademais das funcións previamente coñecidas da vitamina A. Un dato salientable é que os mutantes dobre RAR mostraban os efectos mais graves, incluíndo defectos oculares e cardiovasculares, o que indica algún nivel de redundancia entre os RARs. Os heterodímeros RXR/RAR transmiten sinais retinoides en diversas vías de control da expresión de redes de xenes diana do ácido retinoico. Este proceso exerce un papel esencial en dar forma aos padróns axial e dos membros durante o desenvolvemento inicial do embrión, así como en influenciar varios aspectos da formación de órganos nos estadios posteriores do desenvolvemento.[7][8]

Remove ads

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads