Retrincos

colección de relatos de Castelao From Wikipedia, the free encyclopedia

Retrincos
Remove ads

Retrincos é un libro publicado en 1934 pola editorial Nós, consistente nunha colección de relatos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, composta por cinco narracións autobiográficas ("O segredo", "O inglés", "Peito de lobo", "O retrato" e "Sabela"), ordenadas cronoloxicamente e escritas cun mesmo criterio, ó longo de 61 páxinas,

Datos rápidos Autor/a, Ilustrador/a ...
Remove ads

Publicación

Van acompañadas por unha data e un lugar, que coinciden con ámbitos especiais para o autor. É a única obra de Castelao sen ilustracións propias,[1] se ben Maside creou cadansúa xilografía para cada relato, ademais dun retrato do autor e da portada do libro.

Foi editado en 1934 pola editorial Nós, en Santiago. Como acontecera tamén coas Cousas, tres dos cinco relatos de Retrincos ("Peito de lobo", "O segredo" e "O retrato") xa foran publicados anteriormente.

Obsérvase nesta obra, como é natural en Castelao, un intenso contacto entre o autor e o lector. Hai interrogacións retóricas que nos fan sentir moi achegados ó relato e que xa aparecen no Limiar.

Relatos

  • "O segredo" relata unha anécdota da estancia do neno Castelao na Pampa arxentina. Un gaucho morrera na tenda que tiña seu pai e este ordenoulle ó seu fillo que gardase silencio para que non lle chegase a noticia á nai, que estaba atemorizada coa vida bárbara daquelas xentes. O relato está datado en 1909 en Compostela, e publicárase en Alma Gallega (novembro de 1927) e Nós (25.07.1927).
  • "O inglés" desenvólvese tamén na Pampa da infancia de Castelao, nos anos da guerra de Cuba (o relato está datado en 1914, en Rianxo). O conto comeza coa declaración seguinte: Eu quixen asasinar a un inglés por patriotismo, para defender a honra do exército estañol derrotado en Cuba. O texto non fora publicado anteriormente á edición do libro.
  • "Peito de lobo" preséntanos ó Castelao estudante en Compostela. Ocorréraselle facer, para as festas de Rianxo, un cabezudo que reproducía o rostro dun mariñeiro coñecido polo alcume de Peito de lobo. O mariñeiro alporizouse con aquela reprodución grotesca de si mesmo e quería vingar a aldraxe, pero co tempo foise amigando con Castelao e coa enorme cachola de cartón. O relato está datado en 1918, en Praceres (Lourizán, Pontevedra), e fora publicado n'A Nosa Terra (25.06.1919), no diario Galicia (de Vigo) (24.08.1924), en Nós (25.07.1927) e en Alma Gallega (novembro de 1927).
Thumb
Comezo d'"O retrato", Nós, 25/7/1927, despois incluído en Retrincos.
  • "O retrato" é unha anécdota de cando Castelao xa deixara a medicina: a curación imposible para un médico é o milagre feito polo pintor. O relato está datado en 1922, en Pontevedra. Publicárase en Nós (25.07.1927)[2] e en Alma Gallega (novembro de 1927).
  • "Sabela" é unha narración da súa época de deputado en Cortes. O relato artéllase sobre o contraste entre a moza que fora a súa compañeira de baile e a muller en que se converteu co paso do tempo. O relato está datado en 1934, tamén en Pontevedra, e tampouco fora publicado anteriormente.
Remove ads

Edicións

Dende 1994, Galaxia edita o texto conxuntamente co doutra obra do mesmo autor, Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, baixo o título Retrincos. Un ollo de vidro.[3]

Traducións

  • Foi traducida ao esperanto en 1983 por Fernando de Diego e publicada polo curso de esperanto do Instituto de Idiomas da Universidade de Santiago de Compostela.[4]
  • Ao éuscaro en 1987 por Koldo Izaguirre Urreaga e publicada en Susa, Col. Erreferentziak.[5] Edición conxunta con Un ollo de vidro.
  • Ao catalán en 1987 por Elena Losada Soler e publicada pola Generalitat de Catalunya (en edición bilingüe).[6]
  • Ao italiano en 1987 por Isabel González e publicada en Edizioni Scientifiche Italiane.[7] Edición conxunta con Cousas.

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads