Ruth Bader Ginsburg

xuíza e xurista estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia

Ruth Bader Ginsburg
Remove ads

Ruth Joan Bader Ginsburg, nada en Brooklyn (Nova York) o 15 de marzo de 1933 e finada en Washington, D.C. o 18 de setembro de 2020, foi unha xuíza e xurista estadounidense que destacou especialmente polo seu traballo na loita pola igualdade legal entre homes e mulleres. Dende o 10 de agosto de 1993 e ata o seu pasamento foi xuíza da Corte Suprema dos Estados Unidos, nomeada polo presidente Bill Clinton. En 1972 fundou a sección de dereitos da muller na Unión Estadounidense polas Liberdades Civís.

Datos rápidos Biografía, Nacemento ...

Ginsburg mantivo unha alta popularidade nos Estados Unidos. Icona da cultura pop, recibiu o alcume de "Notorious R.B.G." e estaba considerada como un símbolo da resistencia pública e da xustiza.[1]

Remove ads

Traxectoria

Naceu en Brooklyn no seo dunha modesta familia xudía. A súa nai, Celia, que a impulsou aos libros e ao estudo, morreu o día en que Ruth tiña que graduarse no instituto. Estudou cunha bolsa na Universidade de Cornell na década de 1950. Coñeceu entón ao que foi o seu marido, e foron xuntos a estudar a dereito á Universidade Harvard.[2]

En 1972 fundou a sección de dereitos da muller na Unión Estadounidense polas Liberdades Civís dende onde iniciou a batalla legal pola igualdade entre homes e mulleres. Liderou seis dos principais casos ante a Corte Suprema dos Estados Unidos, dos que gañou cinco. En 1971 o tribunal ditaminou por primeira vez que tratar unha muller de xeito diferente a un home violaba a Constitución e era ilegal. Foi coñecido como o caso Reed v. Reed.[2]

Comezou a súa carreira xudicial en 1980 cando o presidente Jimmy Carter a nomeou xuíza do Tribunal de Apelacións do Distrito de Columbia, onde pasou trece anos. En 1993, o presidente Bill Clinton nomeouna xuíza do Tribunal Supremo tralo retiro do xuíz asociado Byron White. O Senado confirmou o seu nomeamento cunha votación de 96-3. Converteuse entón na segunda muller na historia (tras Sandra Day O'Connor) en servir neste alto órgano xudicial.

Ginsburg foi unha das principais voces da á liberal do Tribunal Supremo. Durante os seus anos no Tribunal, Ginsburg votou a favor do dereito ao aborto e da citación de dereito internacional nas opinións da Corte. Ademais, votou en contra da pena de morte e a favor dos dereitos dos homosexuais.[3]

En novembro de 2018, aos 85 foi hospitalizada despois dunha caída. A súa dimisión do supremo por razóns de saúde abriría a porta a que o presidente Donald Trump nomease un xuíz ultraconservador, escorando a Corte Suprema durante décadas.[2] Ginsburg faleceu por complicacións dun cancro de páncreas o 18 de setembro de 2020.[4][5] Consciente da súa morte inminente e das eleccións presidenciais que terían lugar en menos de dous meses, ditou unha nota á súa neta: "O meu máis fervente desexo é non ser substituída ata que haxa un novo presidente".[6][7]

Remove ads
Thumb
Cartel que mostra a Ginsburg como "the Notorious R.B.G." semellante ao rapeiro estadounidense The Notorious B.I.G., 2018.

Ginsburg foi cualificada como "icona da cultura pop".[8][9][10] O perfil de Ginsburg comezou a crecer tralo retiro de O'Connor en 2006, que a deixou como a única muller no tribunal.

As súas alegacións cada vez máis apaixonadas, particularmente en Shelby County v. Holder levaron á creación de Notorious R.B.G. Tumblr e de memes comparándoa co rapeiro The Notorious B.I.G.[11] A creadora de Notorious R.B.G. Tumblr, a estón estudante de dereito Shana Knizhnik, uniuse á reporteira de MSNBC Irin Carmon para converter o blog nun libro titulado Notorious RBG: The Life and Times of Ruth Bader Ginsburg.[12] Editado en outubro de 2015, converteuse nun best-séller de The New York Times.[13] Ademais, Ginsburg inspirou arte das uñas, disfraces de Halloween, unha boneca, tatuaxes, camisetas, cuncas de café e libros de colorear para nenos, entre outros obxectos.[12][14][15][16] O músico Jonathan Mann fixo unha canción empregando parte da súa disertación en Burwell v. Hobby Lobby Stores, Inc..[17] Ginsburg admitiu que ten unha "gran cantidade" de camisetas de Notorious R.B.G., que distribúe como regalos.[18]

Dende 2015, Ginsburg foi interpretada por Kate McKinnon en Saturday Night Live.[19] Os cineastas Betsy West e Julie Cohen realizaron un documental sobre Ginsburg, titulado RBG, para CNN Films, que foi estrado no festival de Sundance de 2018 e recibiu dúas candidaturas aos Oscar.[20] No filme Deadpool 2 (2018), móstrase unha fotografía dela cando Deadpool a ten en conta para a súa X-Force, equipo de superheroes.[21] Outro filme, Unha cuestión de xénero, que se centra na carreira de Ginsburg loitando pola igualdade de dereitos, foi estreado a finais de 2018. O guión estivo na lista negra dos mellores guións sen producir en 2014.[22] A actriz Felicity Jones interpreta a Ginsburg e Armie Hammer ao seu marido Marty.[23] A propia Ginsburg ten unha aparición no filme.[24] A sétima temporada da sitcom New Girl inclúe unha personaxe chamada Ruth Bader Schmidt por Ginsburg.[25] Unha figura de Lego de Ginsburg aparece en The Lego Movie 2. Ginsburg deu a súa autorización para o cameo e para a produción da figura como parte dos conxuntos de xoguetes de Lego trala estrea en febreiro de 2019.[26]

Remove ads

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads