Sabu (actor)
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Sabu Dastagir, nado en Mysore, o 27 de xaneiro de 1924 e finado en Chatsworth (Os Ánxeles) o 2 de decembro de 1963, foi un actor cinematográfico indio nacionalizado estadounidense. Normalmente aparecía nos créditos só co seu nome de pía, Sabu, e é lembrado sobre todo polo seu traballo na década de 1940.[1][2][3]
Remove ads
Traxectoria
Nado en 1924 en Mysore, India, Sabu era fillo dun mahout (condutor de elefantes). Aínda que gran parte das fontes dan o seu nome como "Sabu Dastagir", unha investigación do xornalista Philip Leibfried suxire que devandito nome sería realmente o do seu irmán, e que o seu sería Selar Shaik Sabu ou Sabu Francis. O seu irmán foi quen dirixiu a súa carreira.[4]
En 1960, Shaik morreu por un disparo durante un roubo na súa casa. O atacante, Jimmy E. Shields de 18 anos, era un antigo empregado da tenda de mobles que dirixían os irmáns. Foi acusado por homicidio involuntario e condenado a entre 1 e 10 anos de prisión.[5]
Sabu foi descuberto aos trece anos polo documentalista Robert J. Flaherty, quen o escolleu para facer o papel dun condutor de elefantes no filme británico de 1937 Elephant Boy, baseado no relato de Rudyard Kipling Toomai of the Elephants. O papel máis coñecido de Sabu foi probablemente o de Abu no filme británico de 1940 The Thief of Bagdad. En 1942 volveu interpretar un papel baseado nunha narración de Kipling, o de Mowgli en Jungle Book, filme dirixido por Zoltan Korda e rodado integramente en California.[6] Protagonizou para Universal Pictures tres filmes con Maria Montez e Jon Hall, Arabian Nights (1942), White Savage (1943) e Cobra Woman (1944).
Tras nacionalizarse estadounidense en 1944, Sabu sumouse ás Forzas Aéreas do Exército dos Estados Unidos, en que serviu como artilleiro de cola. Voou en varias misións durante a Guerra do Pacífico e foi galardoado coa Cruz de Voo Distinguido polo seu valor.[7]
Trala segunda guerra mundial, incapaz de conseguir en Hollywood papeis equivalentes aos realizados no cinema británico, a súa carreira empezou a declinar, aínda que de xeito ocasional realizou algunhas intervencións significativas, como a que fixo en Black Narcissus (1947).
Ao longo da década de 1950 actuou en filmes europeos con pouco éxito e en 1952 traballou no Circo Harringay cun número de elefantes.[8] Foi considerado para o papel de Birju no flme de Mehboob Khan de 1957 Mother India, que suporía o seu debut no cinema en hindi, mais denegáronlle o permiso de traballo e o papel foi para Sunil Dutt. Sabu nunca apareceu nun filme do seu país natal.[9]
O 2 de decembro de 1963 Sabu faleceu de súpeto en Chatsworth (Os Ánxeles), California, por mor dun infarto agudo de miocardio un mes antes de cumprir os corenta anos.[10] Foi enterrado no Cemiterio Forest Lawn Memorial Park de Hollywood Hills. O seu último filme, A Tiger Walks, estreouse postumamente en marzo de 1964.
Remove ads
Vida persoal
O 19 de outubro de 1948 Sabu casou coa aspirante a actriz Marilyn Cooper, coa que tivo dous fillos. O matrimonio permaneceu unido ata o pasamento do actor.
O seu fillo Paul Sabu fundou a banda de rock Sabu na década de 1980. A súa filla, Jasmine Sabu, falecida en 2001, traballou en varios filmes como adestradora de animais.
Filmografía
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads