Sebastián Piñera

presidente de Chile (2010-2014 e 2018-2022) From Wikipedia, the free encyclopedia

Sebastián Piñera
Remove ads

Miguel Juan Sebastián Piñera Echeñique, nado en Santiago de Chile o 1 de decembro de 1949 e finado o 6 de febreiro de 2024 na comuna de Lago Ranco, rexión de Los Ríos,[1][2] foi un político chileno. Foi presidente de Chile no período 2010-2014 e, de novo, entre 2018 e 2022.

Datos rápidos Biografía, Nacemento ...
Remove ads

Traxectoria

Thumb
Sebastián Piñera

Mocidade

Fillo de José Piñera Carvallo, un funcionario público de orixe galega e militante da Democracia Cristiá chilena, e Magdalena Echenique Rozas, de orixe vasca.[3] Ao pouco de nacer, a familia trasladouse a Nova York onde o pai foi destinado a unha praza do organismo público para o que traballaba, a Corporación de Fomento da Produción (CORFO). De regreso a Santiago de Chile, ingresou no católico Colexio do Verbo Divino, xestionado polos verbitas e un dos centros de maior prestixio no país.[4] Posteriormente, marchou de novo de Chile acompañando ao seu pai, nomeado embaixador en Bélxica (1965-1966) e ante a ONU (1966-1970).[5]

En 1968 ingresou na Facultade de Economía da Pontificia Universidade Católica de Chile acadando o título de enxeñeiro comercial e o Premio Raúl Iver ao mellor alumno da promoción.[6] Continuou os estudos nos Estados Unidos, grazas a unha bolsa Fulbright, facendo un mestrado e doutoramento en Economía na Universidade de Harvard.[7] Alí foi advertido polo seu profesor Kenneth Arrow, logo Premio Nobel de Economía, do golpe de Estado do 11 de setembro de 1973.[8] En decembro de 1973 casou con Cecilia Morel, a que coñecía dende a adolescencia, e ambos continuaron residindo en Estados Unidos mentres Sebastián Piñera remataba a súa formación académica.

Carreira profesional

Entre 1971 e 1998 foi profesor de Economía na Universidade Católica de Chile, na Universidade de Chile e na Universidade Adolfo Ibáñez. Compatibilizou a tarefa docente co traballo nalgunhas altas institucións económicas como o Banco Interamericano de Desenvolvemento (1974-1976), o Banco Mundial (1975-1978) e na Comisión Económica para América Latina e o Caribe (CEPAL) das Nacións Unidas (1976).

No sector privado, empezou a súa carreira no mundo dos negocios inmobiliarios, e foi entón banqueiro e investidor do mercado. A finais da década de 1970 e principios da de 1980 participou na sociedade Bancard S.A. a maior emisora de tarxetas de crédito do país. Membro da directiva do Banco de Talca, en 1982, foi ordenada a súa detención: a entidade concedera préstamos a empresas (algunhas ficticias) por valores que quintuplicaban o capital do banco. Logo de estar prófugo 24 días, a Corte Suprema concedeulle amparo e non foi condenado.[9] Máis de vinte anos despois, a na altura ministra de Xustiza, Mónica Madariaga, afirmou que presionara ao tribunal para lograr a liberdade de Sebastián Piñera a instancias do seu irmán, José, quen fora tamén ministro de Augusto Pinochet.[10] Estas acusacións foron negadas polo contorno de Piñera.[11]

Posteriormente, aínda que o sector financeiro e inmobiliario coparon boa parte dos seus investimentos, diversificou a súa carteira. En 1994, mercou o 16% do capital da compañía aérea nacional, LAN Chile, á empresa escandinava SAS, da que acabou sendo accionista maioritario e multado por mercar accións con información privilexiada.[12] Tamén foi accionista da empresa de telecomunicacións Entel S.A.,[13] mercou o club deportivo Colo-Colo, un dos máis seguidos de Chile nun intento por gañar popularidade,[14] empresas eléctricas e unha canle de televisión, Chilevisión.[15]

Antes das eleccións á Presidencia da República de 2009 conformou un fideicomiso ao que trasladou a xestión da súa carteira de investimentos desprendéndose da posibilidade de ser informado sobre eles e os seus rendementos. Mais deixou á marxe deste fondo a súa participación en LAN Chile, Chilevisión e en Colo-Colo que serían vendidas durante os primeiros meses da súa presidencia en 2010.[16][17][18]

Grazas a súa traxectoria empresarial, Sebastián Piñera acumulou unha das maiores fortunas de Chile, cunha contía que Forbes estima arredor dos 2 700 millóns de dólares.[19]

Vida política

Inicios: da disidencia á ditadura a senador

Malia a que o seu irmán máis vello, José Piñera, foi ministro de Augusto Pinochet (do que logo acabaría distanciándose), Sebastián Piñera afirma ser opositor o réxime militar que controlou Chile entre 1973 e 1990.[20] Participou, canda o seu pai, nun histórico acto do antigo presidente Eduardo Frei Montalva contra a ditadura en 1980. Durante os derradeiros anos do réxime mantívose próximo ao Partido Demócrata Cristián, sobre todo ao sector de Eduardo Frei Ruiz-Tagle, e segundo Patricio Aylwin mesmo tenteou a súa incorporación á formación.[21][22] Ademais, votou polo "non" e financiou a campaña deste no plebiscito de 1988 sobre a continuación de Pinochet como presidente.[23][24]

Un ano despois, con todo, aproximouse á dereita que colaborara co pinochetismo asumindo a xefatura de campaña de Herman Büchi, o candidato presidencial que se enfrontou á oposición liderada por Patricio Aylwin. Os consellos de Piñera pasaban por evitar o continuísmo co réxime ofrendo unha imaxe máis independente.[25] Aínda que nas eleccións, as primeiras dende 1970, Herman Büchi foi derrotado co 29,4% fronte o 55,17% de Aylwin, o propio Piñera foi escollido senador de Renovación Nacional, partido dereitista relacionado co réxime militar. Exerceu o ese cargo entre 1990 e 1998 representando o distrito Santiago Oriente.[5]

Escándalo Piñeragate

En 1992 propúxose como precandidato de Renovación Nacional ás eleccións da Presidencia da República de 1993. Piñera era unha figura popular dentro de Renovación Nacional, formando parte dun grupo de políticos novos alcumado pola prensa como "a patrulla xuvenil" e que se fixeran co control do partido. Outra integrante deste grupo era a deputada Evelyn Matthei, que tamén optaba as primarias para ser a candidata á xefatura do Estado. Mais o seu proxecto viuse malogrado polo escándalo chamado Piñeragate ou Kiotazo.

Unha conversa telefónica privada entre Piñera e un executivo amigo del foi filtrada pola televisión Mega: durante un programa en directo e en presenza do propio Piñera, o dono da cadea, Ricardo Claro, puxo unha cinta nunha radiocadea coa gravación da chamada. Nela, Piñera trazaba un plan para desacreditar á contrincante como unha política pouco coherente e sen criterio.[26] Logo da revelación, Piñera emprendeu accións legais para aclarar se fora vítima de espionaxe constatándose a participación dun suboficial do exército, Fernando Díez, na intercepción do seu teléfono. Ademais, como recoñecería a propia Evelyn Matthei, ela recibiu a gravación e foi quen a remitira ao dono de Mega Televisión para facela pública.[27] O escándalo fixo que ambos se retiraran da carreira electoral e foi interpretado como un intento das forzas armadas para impedir que sectores políticos máis liberais e menos vencellados ao pinochetismo, como o que encarnaba Piñera, se fixeran co control da dereita chilena.[28]

Intentos por ser o candidato a Presidente do centro dereita

En 1998 a detención de Augusto Pinochet en Londres por orde do xuíz español Baltasar Garzón, convulsionou a política chilena. Na altura senador, Sebastián Piñera, participou de xeito destacado nas mobilizacións que pedían a liberación do ditador. Nunha delas fixo un discurso no que arroupou á familia Pinochet e cuestionou a a actuación da Xustiza española amparándose na soberanía de Chile.[29]

En 1999 foi candidato presidencial de Renovación Nacional para a Alianza para Chile, a coalición de dereita na que tamén se integraba a Unión Demócrata Independente, que propuxo a Joaquín Lavín. Este último sería o gañador das eleccións internas, aínda que sería derrotado nas eleccións presidenciais por Ricardo Lagos da Concertación, coalición de centro esquerda. Entre 2001 e 2004 foi presidente de Renovación Nacional e en 2005, foi o candidato á Presidencia do Estado por ese partido. Nas eleccións, as que o centro dereita concorría dividido entre Piñera e Lavín pola UDI, saldouse coa vitoria de socialista Michelle Bachelet co 46,5%, obtendo Piñera o 25,41%, quen sacou máis de dous puntos a Joaquín Lavín.[5] Na segunda volta, Bachelet impúxose co 53,5 fronte o 46,5% de Sebastián Piñera.[30]

Pasamento

Faleceu ás 14.47 horas locais do 6 de febreiro de 2024 nun accidente dun helicóptero Robinson R66 sobre o Lago Ranco, na rexión de Los Ríos.[31] A meteoroloxía era mala, cunha forte choiva e refachos do vento. Segundo as primeiras informacións, o helicóptero, guiado polo propio Sebastián Piñera, precipitou contra o lago despois da engalaxe. Canda Sebastián Piñera, estaban na aeronave outras catro persoas, tres das cales lograron sobrevivir.[32]

Remove ads

Presidente de Chile

Primeiro período (2010-2014)

En 2009 optou á presidencia de novo como candidato da coalición entre Renovación Nacional, UDI e ChilePrimeiro. Na primeira volta, o 13 de decembro de 2009, acadou o 44,05% dos votos fronte o candidato do centro esquerda, Eduardo Frei Ruiz-Tagle (29,60%), pasando ambos á segunda. Finalmente o 17 de xaneiro de 2010, logrou ser escollido Presidente co 51,61%.[33] Foi a primeira vitoria electoral da dereita en 20 anos desde a restauración da democracia.

Os seus primeiros catro anos de goberno (2010-2014) estiveron marcados pola reconstrución derivada do terremoto de febreiro de 2010, o rescate de 33 mineiros no norte de Chile e folgas en escolas e universidades en 2011, así como un crecemento económico moi destacado.

Reconstrución logo do terremoto de febreiro de 2010

Na madrugada do 27 de febreiro de 2010, tivo lugar un sismo a 12,5 quilómetros do litoral chileno cunha magnitude de 8,8. O terremoto foi acompañado por un tsunami que afectou especialmente á costa das rexións de Maule e Biobío. Considérase que foi o peor desastre natural de Chile dende o terremoto de Valdivia de 1960 e causou a morte mais de 500 persoas.[34][35] Sebastián Piñera xurou como Presidente de Chile días máis tarde, o 11 de marzo, ante o Congreso Nacional reunido en Valparaíso, acto que foi sorprendido polas réplicas do terremoto.[36]

A reconstrución foi o primeiro grande desafío do seu executivo. Deste xeito, presentou o plan "Chile unido reconstrúe mellor" que pretendía dar cobertura a case 200 000 familias que se viran afectadas pola traxedia natural.[37] Este contemplaba daba axudas ás familias para acometer obras nas vivendas afectadas así como dotar de fogares provisionais ás que o precisaran.[38] Este esquema completouse co bono "Mans á obra" cun importe total de 15 millóns de dólares que se destinarían á merca de material de obra para ás familias afectadas.[39] Estas axudas foron acompañadas cun cobizoso programa de reconstrución que destinaba máis de 9 000 millóns de dólares para vivenda, sanidade, educación, infraestruturas.[40]

Rescate dos mineiros de Copiapó

Thumb
Sebastián Piñera amosa a mensaxe dos mineiros atrapados en San José (22-8-2010)

O 5 de agosto de 2010 houbo un colapso na mina de cobre San José en Copiapó, no deserto de Atacama, que deixou atrapados a 33 operarios.[41] Os primeiros intentos de rescate fracasaron dado que o día 7 de agosto un segundo derrubamento fixo imposible a saída dos mineiros pola cheminea de ventilación e levou a supender a operación.[42] Sebastián Piñera cesou a tres altos cargos do Servizo de Nacional de Xeoloxía e Minaría por erros na supervisión da explotación.[43] Unha vez retomados os traballos de auxilio, estes se centraron en sondaxes que permitiran establecer contacto cos traballadores: finalmente, o 22 de agosto foi atopado un papel escrito que dicía "estamos ben no refuxio os 33" o que confirmaba que os mineiros estaban con vida.[44] O documento foi feito público polo presidente Piñera.[45] A partir de entón, as comunicacións co grupo foron posibles e comezou unha complexa tarefa para levar á superficie aos mineiros que se completou o 13 de outubro, logo de 69 días despois do accidente.[46] O éxito do rescate deu gran popularidade ao mandatario tanto a nivel nacional como internacional, pois a saída dos mineiros foi televisada en directo acadando unha audiencia que se estima en mil millóns de espectadores.[47][48][49]

Manifestacións estudantís de 2011

En 2011 comezaron unha serie de mobilizacións estudantís que afectaron tanto ao ensino secundario como universitario. Foron consideradas como as maiores protestas dende a restauración da democracia e consistiron, fundamentalmente, en manifestacións e tomas de centros de ensino. Entre as demandas destacaban o aumento do gasto público, que a xestión educativa fose transferida dos municipios ao Estado, a garantía da igualdade de oportunidades, abaratamento dos costos e rebaixa do transporte público.[50][51] As protestas comezaron en maio de 2011 pero chegaron ao seu apoxeo en agosto. Sebastián Piñera respondeu ás demandas con cambios no gabinete e roldas de diálogo pero sen levar a cabo reformas.[52][53] Tamén houbo críticas ás actuacións das forzas de seguridade nas protestas dos estudantes por consideralas demasiado represivas.[54][55]

Outras tensións: folgas de fame de presos mapuches (2010-2011) e protestas de Magallanes (2011)

Outro desafío foi unha serie de folgas de fame de presos mapuches que se sucederon entre 2010 e 2011. Un total de 32 reos mapuches que estaban en prisión preventiva en distintos cárceres de Chile comezaron unha folga de fame á espera de ser procesados tanto pola xustiza militar e civil. As demandas eran evitar ser acusados de delitos de terrorismo (segundo a lexislación chilena os seus actos eran así tipificados mais consistían a ataques contra a propiedade privada, aínda que nalgúns houbo agresións violentas contra persoas), non seren xulgados por tribunais militares e civís, desmilitarización e autonomía das comunidades mapuches así como a liberdade dos que consideraban presos políticos. Mediante as negociacións, nas que o presidente da Conferencia Episcopal foi mediador, os presos depuxeron a folga tras os compromisos dados polo goberno de reformar a lexislación antiterrorista e de cambiar a acusación do ministerio fiscal.[56] Con todo, en marzo de 2011, logo da condena de catro dos acusados por roubo con intimidación, atentado contra a autoridade e homicidio frustrado, retomáronse as folgas ata xuño, cando tras 86 días puxeron fin ás mesmas.[57]

Doutra parte, na rexión meridional de Magallanes sucedéronse as protestas en xaneiro de 2011. O detonante foi que a Empresa Nacional do Petróleo (ENAP) anunciou a suba dos prezos do gas natural un 16,8%. Así comezaron numerosas protestas que acabaron afectando aos pasos fronteirizos coa Arxentina e motivando unha folga laboral.[58][59] Sebastián Piñera procedeu a limitar a suba ao 3% (o valor da inflación) e cesou ao ministro de Enerxía ao tempo que se restauraban e ampliaban as subvencións públicas.[60][61]

Relacións exteriores

En política internacional foi defensor do multilateralismo e da integración económica rexional: en 2012 promoveu o nacemento da Alianza para o Pacífico canda Perú, Colombia e México que busca novos espazos de cooperación económica e libre comercio.[62] Tamén foi entusiasta na creación da Comunidade de Estados Latinoamericanos e do Caribe (Celac), da que foi o seu primeiro presidente entre 2011 e 2013.[63] Outro ámbito de acción preferente foi o sueste asiático, pois durante o seu mandato Chile asinou tratados de libre comercio (TLC) con Malaisia, Vietnam, Hong Kong e Tailandia.[64][65][66][67]

Thumb
Piñera na visita a Australia en setembro de 2012.

O goberno de Piñera fixo fronte a dous procesos na xustiza internacional dos seus veciños do norte: tanto Perú como Bolivia interpuxeran denuncias ante o Tribunal Internacional de Xustiza por desacordos fronteirizos. A orixe destas disputas remóntase a finais do século XIX cando a vitoria chilena na Guerra do Pacífico (1879-1884) permitiulle anexionar os territorios das actuais rexións de Antofagasta de Bolivia e, do Perú, as de Tarapacá e Arica e Parinacota. En 2008, o Perú recorreu ao Tribunal para reclamar que a fronteira marítima entra ambos países fose unha liña equidistante ao litoral de ambos países, entendendo que os tratados internacionais previos non estipulaban algo negado por Chile, que citaba uns tratados asinados en 1952 e 1954. O fallo da Tribunal deuse a coñecer o 27 de xaneiro de 2014 e supuxo que Perú gañase zona marítima a custa de Chile, se ben en menor medida do solicitado por Lima.[68] Isto levou a Sebastián Piñera a afirmar que se validaban os argumentos chilenos e comprometeuse a facer cumprir o veredicto dun xeito progresivo.[69]

Máis complexas foron as diferenzas con Bolivia, pois ambos os dous estados non matiñan relacións diplomáticas formais dende 1978. Segundo a interpretación do executivo de Evo Morales, Chile contraera un compromiso legal no acordo de paz de 1904 de buscar unha saída o mar de Bolivia logo da Guerra do Pacífico. Por este motivo, Bolivia presentou unha demanda ante o Tribunal Internacional de Xustiza en 2013.[70] A posición de Piñera foi negar os fundamentos para a denuncia e reafirmou a soberanía chilena do territorio en cuestión.[71][72] O goberno de Bachelet mantivo estas posturas, aínda que a sentenza do alto tribunal non chegou ata o segundo goberno de Piñera, en 2018, dándolle a razón a Chile.[73]

Logros económicos

Thumb
Sebastián Piñera canda a súa dona, Cecilia Morel, asiste á opera "Rigoletto" de Verdi no Teatro Municipal de Santiago no marco das celebracións do bicentenario da independencia de Chile (17-9-2010)

O seu primeiro mandato foi un período de expansión económica: o PIB aumentou anualmente máis dun 5% de media, a inflación recortouse en case dous puntos situándose no 2,4% ao final do período de goberno, e o desemprego descendeu lixeiramente ata o 6,4%. [74][75][76] O seu goberno tamén procurou facilitar a creación de empresas axilizando os trámites ata ser posible constituílas nun día.[77] Ao final do seu primeiro período como presidente, Piñera recibía un 50% de aprobación sendo no relativo ao emprego onde obtiña mellores resultados, segundo as enquisas.[78]

Outras políticas

O inicio do seu mandato no ano 2010 coindicidiu cos festexos do bicentenario da independencia de Chile cun amplo programa de conmemoracións cívicas e culturais.

Durante o seu goberno, Sebastián Piñera tamén sancionou unha lei contra a violencia de xénero proxectada pola administración Bachelet, a chamada lei do feminicidio, oficialmente Lei 20.480.[79] Este instrumento tipificou o feminicio como o homicidio da muller por parte da súa parella ou ex parella e aumentou as penas asociadas a el.[80] En política social destacou a ampliación dos permisos retribuídos polas baixas maternais de 12 a 24 semanas.[81] Tamén impulsou as unións civís para parellas do mesmo sexo, baixo a demominación de "acordo de vida en parella" mediante un proxecto de lei presentado 2011.[82] O curso lexislativo foi lento, contando co rexeitamento da UDI, da Igrexa Católica e das evanxélicas, non sendo aprobado polo Congreso Nacional de Chile ata 2015, xa baixo o mandato da súa sucesora Michelle Bachelet.

O seu goberno impulsou cambios lexislativos que pretenderon aumentar a calidade democrática do sistema político chileno como a introdución do voto voluntario nos procesos electorais, as primarias para a vida interna dos partidos políticos e a elección directa dos conselleiros rexionais.[83]

Impedido pola lexislación para presentarse a un período presidencial consecutivo,[84] o 11 de marzo de 2014 colocou a banda presidencial á que fora a súa predecesora no cargo, Michelle Bachellet, na tradicional cerimonia de xura en Valparaíso.[85] Ela impuxérase nas eleccións ante a candidata conservadora Evelyn Matthei, logo de colleitar un folgado 62,17% na segunda volta. Días despois da súa saída de La Moneda conformou a fundación Avanza Chile que pretende fomentar o debate político no país.[86]

Segundo período (2018-2022)

Thumb
Chapa para a candidatura de 2017.

Durante os catro anos do goberno do centro esquerda liderado por Bachelet (2014-2018), Piñera dende a súa fundación Avanza Chile criticou medidas do executivo e defendeu as súas políticas.[87][88] Finalmente, presentouse de novo ás eleccións en 2017. A súa candidatura contou co apoio dos partidos de centro dereita de Renovación Nacional, Unión Demócrata Independente e Partido Rexionalista Independente. Na primeira volta, celebrada o 19 de novembro de 2017, Piñera encabezou as preferencias dos votantes logrando o 36,64% pasando a segunda volta co candidato do centro esquerda, Alejandro Guillier, que sumara o 22,70%. Na segunda volta, o 17 de decembro, Piñera acadou unha maioría do 54,58% que lle permitiu asumir un novo goberno a partir do 11 de marzo do ano seguinte.[89] Este novo mandato estivo marcado polo estalido social de 2019 cuxas consecuencias deron nun proceso constituínte, e a pandemia de covid 19.

Thumb
Sebastián Piñera recibe os parabéns da súa precedesora Michelle Bachelet o 11 de marzo de 2018 ante o Congreso Nacional.

Relacións exteriores

O Tribunal Internacional de Xustiza fixo público o veredicto sobre a disputa territorial de Bolivia con Chile o 1 de outubro de 2018.[90] A sentenza fallou a favor das posicións de Chile, o que supuxo un importante éxito. Piñera tras coñecer o resultado fixo un discurso dende o Palacio de La Moneda acompañado de diversas figuras do executivo e do lexislativo. Nel afirmou que se trataba dun "grande día para Chile" e, aínda que acusou a Evo Morales de crear "falsas expectativas" e "grandes frustracións", ofreceu diálogo a Bolivia.[91] Tamén en 2018, afirmou que en Venezuela non había democracia e fixo cambios na normativa migratoria para facilitar a regularización da inmigración venezolana.[92][93]

A súa diplomacia durante este novo mandato continuou o traballo para lograr acordos comerciais que xa seguira durante o primeiro exercicio. Así en 2019 asinouse un acordo de asociación entre Chile e o Reino Unido postBrexit, e outro con Nova Zelandia e Singapur sobre economía dixital en 2020.[94][95]

Estalido social de 2019

En outubro de 2019, un incremento nas tarifas do transporte público de Santiago de Chile derivou nas maiores protestas da Historia de Chile. Entre o 7 e o 17 de outubro comezaron as primeiras "evasións masivas", é dicir, un xeito de protestar consistente en evitar o pago do billete do transporte público, neste caso o metro da capital.[96] Durante varios días, os manifestantes, autoconvocados polas redes sociais, superaron a capacidade de control do metro que acabou rexistrando perdas por valor de 500 millóns de pesos.[97] O venres 18, malia a estaren as estacións protexidas polos carabineiros, o servizo do metro colapsou e a mobilidade da capital viuse seriamente afectada.[98] Ao longo desa tarde tamén se rexistraron cargas policiais e actos vandálicos deixando a unha estudante ferida.[99] No serán do venres 18 o goberno decretou a aplicación da Lei de Seguridade Interior, unha lexislación excepcional,[100] e pechou durante a fin de semana o servizo de metro.[101] Con todo durante esa noite sucedéronse episodios de protesta e violencia, mentres que se difundiu unha fotografía de Piñera canda a súa familia celebrando o aniversario dun dos seus netos nunha pizzería. A imaxe, difundida nas redes sociais, foi para moitos, tanto a nivel nacional como internacional, un símbolo da desconexión do presidente coa realidade do país.[102]

Thumb
Palacio de la Moneda protexido por carabineiros o 18 de outubro de 2019

Na madrugada do venres 18 ao sábado 19, Piñera ofreceu unha declaración na que anunciaba o establecemento do Estado de Emerxencia en Santiago e parte da Rexión Metropolitana.[103] Isto significadaba a militarización da orde pública e a limitación das liberdades de reunión e circulación e decretouse un toque de queda durante a noite. Ao longo dese día as medidas de Estado de Emerxencia e o toque de recollida foi ampliado á totalidade da Rexión Metropolitana e á de Valparaíso e á provincia de Concepción, afectando ás principais cidades do país. Foi a primeira vez que se empregaba esta medida para evitar protestas dende a ditadura de Pinochet, se ben fora usado por mor de catástrofes naturais na democracia.[104] Malia a estas medidas, as protestas continuaron afectando ás principais cidades chilenas, causando ás veces episodios violentos como saqueos e enfrontamentos coas forzas de seguridade. Sebastián Piñera declarou entón que ofrecía diálogo paralizando o incremento do prezo do metro, aínda que alertou contra as protestas. A retórica do presidente endureceuse chegando a falar de "grupos criminais organizados" como responsables dos disturbios e de que Chile estaba "en guerra contra un inimigo poderoso" e que os que participaban nas protestas violentas estaban "en guerra contra todos os chilenos de boa vontade que queremos vivir en democracia".[105] O domingo 20 Santiago de Chile e as principais cidades do país acolleron multitudinarias manifestacións de apoio ás protestas. A pesar do seu carácter pacífico, efectivos de carabineiros e do exército dispersaron algunhas mediante a forza habendo agresións a xornalistas.[106]

Durante os días posteriores, Piñeira anunciou un conxunto de medidas de tipo social que recollían aumentos salariais e das pensións, estabilidade nos prezos da enerxía ou a ampliación dos seguros médicos, máis non resultou suficiente.[107] O venres 25 tivo lugar a "marcha máis grande de Chile" que mobilizou a 1 200 000 persoas na capital e, estímase, a uns de 3 000 000 de chilenos.[108]

A resposta policial ante as protestas foi criticada pola súa dureza describíndose numerosos casos de brutalidade. Informes de institucións como Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos e da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos, así como de organizacións non gobernamentais como Amnistía Internacional e Human Rights Watch, testemuñaron numerosos usos excesivos da violencia por parte das forzas de seguridade incluíndo mortes, lesións, violencia sexual ou privacións arbitrarias de liberdade.[109][110][111][112]

Thumb
Fotografía da histórica "marcha máis grande de Chile" o 25 de outubro de 2019 en Santiago de Chile.

Ante estas acusacións, houbo momentos políticos encamiñados á censura da política de Piñera e o seu goberno. Deste xeito, o Congreso Nacional acabou por inhabilitar por 5 anos ao ministro do Interior, Andrés Chadwick.[113] Tras isto, Piñera nomeou como o seu substituto a Gonzalo Blumel, un estreito colaborador.[114]

Tamén, un grupo de deputados de esquerda propuxo a destitución do xefe do Estado en novembro de 2019.[115] A proposta non prosperou, sendo rexeitada na primeira votación da Cámara de Deputados por 79 votos en contra e 73 a favor.[116]

En abril de 2021, varios grupos de xuristas e defensores dos Dereitos Humanos (entre os que se atopaba Baltasar Garzón), denunciaron ante a Corte Penal Internacional a Sebastián Piñera e aos seus colaboradores por estes casos de violencia policial.[117] Foron acusados por delitos de "lesa humanidade" por considerar que as respostas das forzas de seguridade foron mostras dun "ataque organizado, masivo, extenso, e sistemático" contra os civís.[118] Mais en decembro de 2021, a fiscalía do tribunal internacional desestimou a denuncia.[119]

Proceso constituínte

Ante a magnitude do descontento social mostrado dende outubro de 2019, diferentes sectores comezaron a pronunciarse a favor dunha cambio profundo da Constitución de 1980, aprobada durante a ditadura de Augusto Pinochet. Deste xeito, ante a presión de organizacións sociais, sindicais,[120] políticas[121] e xurídicas,[122] Sebastián Piñera fixo anuncios pouco claros nos que non desbotaba dunha reforma estrutural do texto.[123] Finalmente, o 10 de novembro de 2019, o ministro do Interior, Gonzalo Blumel, confirmou que o goberno comezaría un proceso de redacción dunha nova Constitución mediante un "Congreso Constituínte" e un referendo para a ratificación da carta magna que se elaborara.[124] Malia a que a oposición valorou que o executivo se abrise a unha nova Constitución rexeitou a forma de redactala, propondo unha asemblea constituínte electa para tal fin, a chamada Convención Constitucional. O 15 de novembro, goberno e oposición acordaron celebrar un duplo plebiscito simultáneo no que se preguntase á cidadanía se querían unha nova Constitución e o xeito de facelo, optando entre a Convención Constitucional ou unha convención mixta na que se escollese a parte dos seus integrantes mentres que o resto serían designados polo Congreso.[125] Sebastián Piñera asinou a lei para convocar o referendo o 23 de decembro de 2019.[126]

Thumb
Carteis con recordatorios de seguridade contra o covid-19 no plebiscito de 2020

A consulta, fixada para o 26 de abril de 2020, tivo que ser adiada ata o 25 de outubro pola pandemia de covid-19 que afectou ao país dende marzo de 2020.[127] Os resultados deixaron un 78,28% a favor de redactar unha nova Constitución e case un 79% a favor de que a elaborase a Convención Constitucional.[128] Piñera reaccionou aos resultados cualificándoos como unha vitoria da democracia.[129]

Política social

Protección da infancia e "Axenda Muller"

O seu segundo goberno asumiu o compromiso de mellorar a protección da infancia, especialmente na loita contra os abusos,[130] e de garantir a igualdade entre home e muller mediante a chamada Axenda Muller, un paquete de medidas para lograr unha maior equidade, e unha reforma constitucional que compromete ao Estado a garantir a igualdade.[131][132]

Inmigración

Aínda que a política de inmigración de Chile estaba regulada por un decreto de 1975 que buscaba restrinxir este movemento, durante a década do ano 2010 aumentou a entrada de poboación procedente doutros países, concretamente de Venezuela.[133] Nun primeiro momento, levou a cabo unha regularización de 300 000 inmigrantes e Piñera anunciou certa flexibilización para venezolanos e haitianos alegando cuestións humanitarias.[134][135] Con todo, na segunda metade do seu mandato acabou virando cara posicións máis retrictivas: endurecendo as normativas e ordeando deportacións masivas.[136][137][138] Ademais, en febreiro de 2022 decretou o estado de excepción na zona norte de Chile coa finalidade de facultar que as Forzas Armadas colaborasen coas policiais no que denominou unha "crise migratoria".[139]

Matrimonio igualitario

O 1 de xuño de 2021 anunciou a súa intención de legalizar o matrimonio igualitario nun discurso ante o lexislativo onde tamén se comprometeu a unha investigación polas violacións de dereitos en mans das forzas policiais.[140] O 7 de decembro o Congreso Nacional aprobou a lei que permite o matrimonio entre persoas do mesmo sexo con amplo apoio tanto na Cámara de Deputados como no Senado.[141]

Pensión garantida universal

Arredor dun cuarto das persoas xubiladas chilenas perciben unha mensualidade insuficiente.[142] A cuestión é polémica pois Chile ten un sistema de pensións baseado por enteiro na capitalización individual. Contra esta situación formáronse varios movementos sociais e considérase que foi unha das causas do "Estalido Social" de 2019.[143] En decembro de 2021, logo de autorizar varias retiradas do aforro depositado nos fondos de pensións, Sebastián Piñera propuxo a creación dunha pensión garantida universal a conta dos orzamentos públicos.[144] Con ela preténdese outorgar 185 000 pesos mensuais a máis de 2 300 000 persoas maiores de 65 anos en situación de vulnerabilidade e que se sumaría ao importe que perciben do seu fondo de pensións.[145] Segundo as proxección do goberno, o custo da medida supoñerá máis do 0,9 % do PIB ata mediados do século XXI.[146] A Pensión Garantida Universal foi un dos derradeiros proxectos de lei que o goberno de Sebastián Piñera someteu á consideración do Congreso Nacional procurando gañar o apoio do grupo político do seu sucesor, Gabriel Boric.[147] Sebastián Piñera promulgou a lei de creación da pensión garantida universal o 28 de xaneiro de 2022.[148]

Pandemia de covid-19

O 3 de marzo de 2020, Chile confirmaba o primeiro caso de enfermidade pola COVID-19.[149] Sebastián Piñera ordenou o peche de fronteiras e decretou o Estado de Emerxencia en vigor a partir do 19 de marzo de 2020, durante un período inicial de 90 días.[150][151] O abeiro desta medida impúxose tamén un toque de recollida en todo o territorio nacional e o confinamento das comunas (concellos) con alta incidencia.[152][153]

Nos meses seguintes tomáronse medidas para mitigar os danos económicos producidos pola pandemia. O goberno de Piñera sancionou o Ingreso Familiar de Emerxencia, un subsidio para as familias que o precisaran cuxa contía varía función dos membros.[154] Tamén aprobou a posibilidade de retirar o 10% do depositado nos fondos de pensións, obrigatorios en Chile.[155] Posteriormente, en decembro de 2020 Piñera sancionou un segundo retiro do 10%,[156] pero en abril de 2021 rexeitou un terceiro. Malia a estar aprobada polo Congreso, Sebastián Piñera impugnou a lei ante o Tribunal Constitucional, que rexeitou a pretensión do presidente, véndose obrigado a promulgala.[157]

Thumb
Piñera co expresidente arxentino Macri, no palacio de La Moneda.

O goberno de Sebastián Piñera destacouse pola rapidez na que despregou a campaña de vacinación contra a covid-19: os analistas louvaron a axilidade na negociación cos laboratorios e a fortaleza do sistema de atención primaria.[158][159][160] Sebastián Piñera, en decembro de 2020, anunciou o plan do goberno de administrar 20 millóns de vacinas nos primeiros seis meses de 2021.[161] O 24 de decembro de 2020, o propio xefe do Estado recibiu a chegada do primeiro lote das mercadas a Pfizer que foron destinadas ao persoal sanitario, considerando ese momento como "de moita esperanza e emoción".[162] A inoculación chilena foi a un ritmo moi superior ao do resto de América Latina e da Unión Europea e para o 1 de marzo de 2021 xa contaba co 20% da poboación cunha dose.[163] Deste xeito chegou ao fito de vacinar a case o 2% da poboación por xornada en marzo de 2021.[164] O propio Sebastián Piñera foi vacinado o 12 de febreiro e o 12 de marzo de 2021, segundo lle correspondía por idade.[165] Chile foi tamén pioneiro na administración da terceira dose como reforzo en agosto de 2021,[166] e na inoculación dos menores de 12 anos, en outubro de 2021.[167] Por todo isto, en menos dun ano, o 89,13% da poboación chilena contaba con polo menos unha dose, tendo a pauta completa o 85,32%.[168]

A resposta gobernamental ante a pandemia contou coa aprobación da cidadanía, segundo os inquéritos realizados. Vencellado a isto, a valoración de Sebastián Piñera como presidente aumentou, pasando dun mínimo do 6% de aprobación en 2020, a un 20% en 2021.[169]

Do mesmo xeito, a Comisión Económica para América Latina da ONU destacou que Chile fora un dos Estados latinoamericanos que máis axudas sociais proporcionara para minguar os efectos económicos derivados da pandemia.[170]

Acusación de evasión de impostos

En 2021, o seu nome apareceu nos denominados "Papeis Pandora", a maior investigación feita ata entón sobre milleiros de personalidades que recorreron a paraísos fiscais para a evasión de impostos. Segundo eles, en 2010, a familia Délano, amiga da Piñera Morel, mercou a esta última a súa particiación na empresa Minera Dominga mediante unha operación nas Illas Virxes Británicas.[171] Esta sociedade desenvolvería un proxecto moi polémico para explotar ferro e cobre nas proximidades do Arquipélago de Humboldt, cunha reserva que concentra o 80% da poboación do ameazado pingüín de Humboldt. [172] O pago foi fraccionado, dependendo a última cota de que non houbese cambios regulatorios, unha decisión que dependía do goberno presidido polo propio Piñera.[173] A revelación provocou importantes consecuencias en Chile: a fiscalía comezou unha investigación de oficio por suborno e delitos tributarios, mentres que politicamente grupos da oposición impulsaron a súa destitución.[174] Deste xeito, en novembro de 2021, a Cámara de Deputados de Chile votou a favor dun xuízo político que, con todo, non logrou o apoio do Senado.[175][176]

Remove ads

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads