Sempre en Galiza
ensaio político de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Sempre en Galiza é un libro de ensaio político escrito por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, considerado a obra canónica do nacionalismo galego. A obra publicouse o 10 de marzo de 1944 en Buenos Aires e os primeiros exemplares que chegaron a Galicia fixérono de xeito clandestino.
Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Galicia (homónimos).
- Este artigo trata sobre o libro de Castelao, para o artigo sobre programa de radio véxase Sempre en Galicia.
Castelao concibiu o libro baixo o título "Co pensamento en Galiza", como pode verse no manuscrito conservado no Museo de Pontevedra, datado en 1943 e dedicado á memoria de Alexandro Bóveda. Baixo o nome de Bóveda escribira protomártir, pero terminou riscando esta palabra. Finalmente, foi publicado como Sempre en Galiza.
No libro axúntanse artigos, ensaios, conferencias, discursos xunto a material pensado especificamente para a obra. O limiar da obra, Adro, comprende os artigos que dende Badaxoz escribiu para A Nosa Terra en 1935. A primeira parte escribiuna entre Valencia e Barcelona en 1937, orixinariamente publicouse na forma de artigos no xornal que os galegos exiliados publicaban en Madrid, Nueva Galicia. A segunda parte escribiuna en Nova York e durante a viaxe que o levou a Buenos Aires en 1940. O resto escribiuno en Buenos Aires entre 1942 e 1943.
Remove ads
Contido
Adro
Constituído por 14 capítulos que apareceran como artigos co título xenérico de "Verbas de chumbo" n' A Nosa Terra, teñen como eixo o posicionamento de Castelao no seo do Partido Galeguista verbo da súa orientación ideolóxica e da súa alianza co centro esquerda español, o que chocaba coa orientación do ata entón principal ideólogo do galeguismo, Vicente Risco, e que conduciría á súa marcha do PG.
Castelao realizou algunhas modificacións ó texto dos artigos, na maior parte de tipo lingüístico ou de estilo.
Libro I
Escrito durante a Guerra civil española, o texto apareceu no xornal Nueva Galicia entre xullo de 1937 e setembro de 1938 co título de Verbas de chumbo, agás a primeira que apareceu co título Nós. De novo publicouse en Nova Galiza de Barcelona tamén entre os anos 1937 e 1938. Castelao pensou en publicar un libro con estes textos co título de Verbas de chumbo, pero o desenvolvemento da guerra impediu que se editase. Trala derrota da república, Castelao modificou o texto para axeitalo á nova situación política.
O libro xira arredor do problema político galego e da súa resolución, a consideración de Galicia como nación e o repaso do posicionamento dos diferentes grupos políticos ante o problema nacional e analiza as vantaxes dunha república federal, a historia do galeguismo e do Estatuto.
Libro II
Este libro comezouno a escribir Castelao en Nova York ó alborexar 1940. Consta de 26 capítulos que finalizou no paquebote que o levaba á Arxentina e estaba pensado como unha segunda parte do libro anterior (Verbas de chumbo) para reflectir o afastamento político de Castelao das forzas republicanas motivado pola actitude destas cara ao Estatuto de Autonomía de Galicia e a súa actitude política no exilio.
Libro III
Este libro, que consta de 35 capítulos, escribiuse durante o desenvolvemento da segunda guerra mundial, entre febreiro de 1942 e abril de 1943, no que se albiscaba un triunfo dos aliados que levase á desfeita do réxime franquista e reflicte unha posición política pragmática e posibilista, de colaboración cos republicanos españois. É o libro máis ideolóxico de todos os que compoñen o Sempre en Galiza.
Libro IV
Este libro non figuraba na primeira edición senón que foi engadido na segunda edición (1961) con textos escritos por Castelao entre 1947 e 1948, tralo seu paso polo goberno de José Giral e a súa volta á Arxentina desilusionado coa situación política. Os sete capítulos do libro céntranse no federalismo. No capítulo primeiro inclúe o comezo do discurso Alba de groria pronunciado no Teatro Argentino de Buenos Aires o 25 de xullo de 1948.[1]
Remove ads
Edicións
Algunhas das edicións máis coñecidas da obra son:

- 1944, primeira edición en Buenos Aires, de Editorial As Burgas.
- 1961, segunda edición en Buenos Aires, de Editorial As Burgas.
- 1971, edición en lingua castelá de Ediciones Galicia do Centro Gallego de Buenos Aires – Instituto Argentino de Cultura Gallega.
- 1974, cuarta edición, de Ediciones Galicia do Centro Gallego de Buenos Aires – Instituto Argentino de Cultura Gallega.
- 1976, tomo II das obras completas (Colección Arealonga, Akal, Madrid), con dirección de X. Alonso Montero. ISBN 8473339156X.[2]
- 1986, edición facsímile da Libraría Couceiro, Santiago
- 1991, edición do Diario 16 de Galicia, Vigo, na colección Biblioteca de Autores Galegos, nos 1 e 2.
- 1992, edición crítica do Parlamento de Galicia, Universidade de Santiago de Compostela,[3]
- 1999, editorial Galaxia ISBN 847154542X
- 2000, reedición crítica do Parlamento de Galicia, Universidade de Santiago de Compostela,[3][4] ISBN 8478360883
- 2001, edición en dous tomos (nos 24 e 25) na Biblioteca Galega 120 de La Voz de Galicia
- 2004, editorial Galaxia, ISBN 8482887297
- 2010, edición en lingua portuguesa de Através Editora,[5] ISBN 978-84-87305-35-1
- 2013, edición en galego no Internet Archive
- 2018, edición en lingua inglesa co título Forever in Galicia, trad. de Craig Patterson, editada por Francis Boutle Publishers.[6]
Remove ads
Recoñecemento
O Consello da Cultura Galega polo 70 aniversario da súa edición fixo accións de visibilización.[7]
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads