Silo (rei)
rei de Galiza From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Silo (Silo Silonis), finado en Pravia (Asturias) no 783, cítase como rei de Galicia nas fontes documentais árabes[1][2] e cristiáns[3]. Gobernou gran parte da Galicia altomedieval desde 774 a 783. Accedeu ao trono polo seu casamento con Adosinda, filla do rei Afonso I e mudou a corte de Cangas de Onís a Pravia (Asturias). O seu reinado está marcado pola paz con Al-Andalus, sendo coetáneo do rei franco Carlomagno e do emir Omeia de Córdoba Abderramán I.
Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Silo.
Remove ads
Traxectoria
Orixe
A orixe de Silo é totalmente descoñecida, datos básicos como o seu nacemento, o seu lugar de procedencia ou incluso os nomes dos seus pais son un enigma. Os escasos datos históricos do seu curto reinado -de apenas 9 anos- están baseados case unicamente en tres crónicas escritas máis de cen anos despois do reinado de Silo, nas chamadas Crónicas de Afonso III, redactadas pouco antes do ano 900 por orde do rei Afonso III o Magno.
Á xa diferenza temporal entre os supostos feitos de Silo (774-783) e a descrición destas Crónicas (ano 888-900), hai que sumar o feito de que estas foron redactadas co obxectivo político de presentar a Afonso III como lexítimo e indiscutible monarca dunha suposta liñaxe real que pretendía facelo herdeiro dos visigodos. Debido a isto, a veracidade destas crónicas é seriamente discutida entre os académicos, e os datos deben ser interpretados en clave histórica.
Acceso ao trono
A documentación ao respecto non só é escasa senón incluso contraditoria. Para a versión Rotense da Crónica de Afonso III, tras a morte de Aurelio, Silo tomou en matrimonio á filla de Afonso I, -de nome Adosinda- o que lle tería propiciado o acceso ao trono. Porén, a Crónica Albeldense fai fincapé no feito de que "no tempo de Aurelio, Silo tomou por esposa a Adosinda, irmá do rei Froila, coa que máis tarde alcanzaría o trono". Se ben as crónicas difiren se o casamento con Adosinda foi previo ou posterior á morte de Aurelio, o certo é que ambas coinciden en sinalar que Silo accedeu ao trono grazas a Adosinda.
Con todo, numerosos autores apuntan que a verdadeira razón do acceso de Silo ao poder fose debido ao apoio da mesma facción nobiliaria que apoiou o goberno de Aurelio, e posteriormente de Mauregato e Vermudo I, sendo posiblemente.
Traslado da Corte a Pravia
Ao acceder Silo ao trono trasladou a capital de Cangas de Onís a Pravia, xa que formaba parte da aristocracia local e posuía terras neses territorios. Ademais, o traslado da corte obedecía a motivos estratéxicos, xa que Pravia, antigo asentamento romano, estaba no fondo do Val do Nalón e preto dunha vía romana terminal de Asturica Augusta. Por último, ao terse ampliado o reino até Galicia, Cangas de Onís quedaba nun lugar demasiado excéntrico.
A súa tumba, e a da súa esposa Adosinda, encóntranse na igrexa de San Xoán (Santianes de Pravia) de estilo prerrománico na localidade de Santianes (Pravia, Asturias).
- Estatua do rei Silo en Pravia
- Igrexa de Santianes de Pravia
- Lugar onde se supón repousan os restos de Silo e Adosinda
Política
Segundo as redaccións Rotense e Sebastianense da Crónica de Afonso III, tamén o monarca Silo tivo que enfrontarse no seu reinado a unha revolta daqueles que se opoñían ao seu poder na Galicia altomedieval, continuación sen dúbida das habidas contra os reis Froila I e Aurelio, con todo a Crónica Albeldense non fai mención algunha a este suposto feito. A confrontación das tropas de Silo contra os rebeldes foi a batalla de Montecubeiro, con todo é moi posible que a natureza desta revolta fose, como as anteriores, a oposición á integración forzosa nunha estrutura estatal superior.[4].
Ao no ter descendencia, todo parecía indicar que Afonso, fillo de Froila I e polo tanto sobriño de Adosinda (o futuro Afonso II), sería o seu inmediato sucesor, pero unha revolta deu o trono ao seu tío Mauregato, fillo natural de Afonso I cunha serva de orixe musulmán. Esta relación que dificultou o ascenso ao trono de Afonso II levou a unha posterior difamación sobre el e o seu reinado:
debería interpretarse como parte da damnatio memoriae emprendida contra Silo, Mauregato e Vermudo I, cuxa causa non estriba en absoluto nas boas relacións cos musulmáns, pois estas foron se cadra aínda máis intensas en épocas posteriores e por parte de monarcas supostamente reconquistadores, senón no simple feito de ditos "reis" obstaculizaren o ascenso ao trono de Afonso II, personaxe claramente favorito da construción historiográfica do ciclo de Afonso III e os seus continuadores[5]
O diploma do rei Silo
- Artigo principal: Celeiro (documento).
O máis antigo pergameo do estado trata dunha doazón privada do rei a uns monxes de Trabada para construír un templo, do ano 775, chamado Diploma do rei Silo ou Celeiro.

Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads