Sun Ra

From Wikipedia, the free encyclopedia

Sun Ra
Remove ads

Herman Poole Blount, nado en Birmingham, Alabama, o 22 de maio de 1914, e finado o 30 de maio de 1993 na súa cidade natal foi un compositor e pianista de jazz (piano, órgano, teclado, sintetizador) estadounidense de sona internacional asociado á música erudita, ao tonalismo, modalismo, atonalismo, polimodalismo, ritmos africanos, música electrónica, música experimental e música concreta. Cambiou legalmente o seu nome a Le Sony’r Ra o 20 de outubro de 1952,[1] unha variación do seu alcume "Sonny" e o nome do deus exipcio do sol, Ra, máis coñecido pola forma simplificada Sun Ra. Liderou a Big Band de free jazz Arkestra coñecida pola súa innovadora instrumentación e a teatralidade das súas actuacións.[2]

Noutra faceta como autor literario escribiu unha gran cantidade de poesía e prosa, que culminou coa edición do libro The Immeasurable Equation, en 1972, publicado tardiamente en 2005. Hoxe considérase ademais unha figura clave do afrofuturismo.

Remove ads

Traxectoria

Sun Ra liderou bandas durante case 60 anos gravando 125 LP. Unha das primeiras composicións de Sonny (escrita entre 1929-1930) levaba por título "Chocolate Avenue". En 1933, enviouna por correo a Clarence Williams en Nova York. Williams utilizouna nun disco — sen acreditar a Sonny pola peza.[3] Antes de deixar o instituto (graduouse en xaneiro de 1932), xa estaba tocando o piano como substituto en bandas como a Society Troubadours.

No outono de 1934, Sonny Blount saíu de xira polo sueste cunha banda patrocinada por Fess Whatley e dirixida por Ethel Harper, unha profesora de bioloxía que tiña ambicións de triunfar como cantante. A xira comezou o 18 de setembro, pero en tres semanas, ela abandonouna por outro grupo vocal, deixando a Sonny ao cargo. O 13 de outubro, cando a banda tocou no Floral Casino en Kingsport, Tennessee, Sonny aparecía anunciado como o líder (Kingsport Times, 12 de outubro de 1934, p. 8). A banda recibiu críticas de especialistas publicadas no Pittsburgh Courier e no Chicago Defender.

Sonny asistiu á Universidade de Alabama A&M en Huntsville como estudante de agricultura e optativas en educación musical. Só puido asistir durante un ano (1935 - 1936); nas profundidades da Gran Depresión, a súa familia non podía pagar a matrícula, pero o Dr. S. F. Harris, que vivía no seu barrio, pagou bolsas para Sonny e varios outros músicos no Conservatorio local cando volveron do ano na Facultade. O departamento de música deulle un adestramento clásico. Rematou oitavo na súa clase do primeiro ano, cunha media de cualificacións de 3,18. Durante uns meses foi detido na prisión de Alabama por declararse obxector de consciencia fronte ao conflito armado da Segunda Guerra Mundial.

Durante os seguintes dez anos, liderou a Sonny Blount Orchestra. Os seus partidarios considerábana a mellor banda de Swing de Alabama. As bandas competidores de swing do Estado tocaban principalmente para público branco, a banda de Blount case exclusivamente para público negro (Supostamente, a súa única actuación fronte a un público branco tivo lugar en Cullman, Alabama. Cullman era un centro de actividade do Ku Klux Klan, e os biógrafos reportan que o grupo actuara ″aterrado durante toda a noite″).[4]

A Sun Ra Arkestra formouse a finais dos anos 50 arredor de Sun Ra, co saxofonista tenor John Gilmore, o trombonista Julian Priester (n. 1935), o saxofonista barítono Pat Patrick (1929-1991) e o saxofonista alto Marshall Allen (n. 1924), atualmente director da banda. Durante os anos nos que a Arkestra tivo a súa sede en Chicago, o seu repertorio incluía estándares e composicións propias nun estilo achegado ao hard bop, mais xa se intuían elementos clave do seu estilo: arranxos futuristas e a grande importancia concedida á percusión.

A música de Sun Ra tornouse cada vez máis exótica coa incorporación de instrumentos africanos e latinoamericanos. Despois de que a Arkestra se trasladase a Nova York arredor de 1960, involucrouse por completo no free jazz; prescindiu da composición por completo, creando obras dirixindo aos seus improvisadores. Entre as súas gravacións de free jazz, The Magic City (1965/66) é a máis significativa. A Arkestra, que incluía bailaríns, vestía con traxes fantásticos inspirados na indumentaria do Antigo Exipto e na era espacial, e Sun Ra dirixía mentres vestía túnicas fluídas e cascos futuristas. Foi moi valorado polos seus solos atonais no sintetizador, un instrumento que practicamente el pioneou no xénero do jazz.

Durante as décadas de 1970 e 1980, a Arkestra de Sun Ra fixo un uso crecente de composicións previas da súa autoría e de compositores como Fletcher Henderson, Duke Ellington e Thelonious Monk. El e a súa música aparecen nos filmes The Cry of Jazz (1959), Space Is the Place (1971) e Sun Ra: A Joyful Noise (1980).

Remove ads

Pensamento

No apartado filosófico Sun Ra foi un notorio investigador esotérico, reuníase en público con varios outros homes afroamericanos dos anos 50 interesados coma el na ciencia, a astroloxía, o ocultismo, o Rosacrucianismo, a cabala, a exiptoloxía e a Biblia. Este grupo, que posteriormente se coñeceu no 1951 tanto como Ihnfinity, Inc. como Thmei Research, formouse como un desprendemento do movemento nacionalista negro. Unha das crenzas centrais de Sun Ra publicadas nos manifestos deste grupo de estudo era a fe no ser eterno.[5] Unha das súas "ecuacións de similitude sonora" era B-I-R-T-H (nacemento) = B-E-R-T-H (tumba). Se nacías, iso significaba que ías encontrar o teu lugar de B-E-R-T-H — é dicir, o teu lugar de permanencia eterno — é dicir, a tumba. En fortes crenzas místicas asociadas á súa persoa Sony prefería dicir que "chegara ao planeta", e era bastante impreciso sobre cando sucedera iso — quizais en 1055, dicía, quizais uns cantos miles de anos antes diso. Tras unha experiencia espiritual que describiu como unha "abdución" ou viaxe a Saturno (probablemente arredor de 1936-37, segundo algunhas versións), o seu planeta de orixe, Blount comezou a desenvolver unha identidade filosófica baseada na mitoloxía exipcia, a cosmoloxía e a rexeitamento da súa identidade "terrestre".

Durante a súa etapa universitaria tivo un soño no que di foi convocado por figuras con túnicas. Aconsellárono que se mantivese dentro dun feixe estreito de luz, e todos viaxaron cara arriba ata chegar ao seu destino: neste caso o planeta Xúpiter. Sonny Blount confiou isto ao seu diario, tras gardar as notas un dos seus compañeiros de clase descubriu o pasaxe e leuna en voz alta aos outros mozos na residencia. Despois de converterse en Sun Ra, falou desta experiencia durantes diversos concertos.

Moitos dos folletos escritos por Sun Ra ofrecen explicacións etimolóxicas e numerolóxicas de textos bíblicos, permitindo ao lector "decodificar" os seus supostos significados verdadeiros, os cales Sun Ra cría que aínda estaban ocultos. A miúdo, os siloxismos etimolóxicos que el propón son estraños nas súas afirmacións, e a numeroloxía é difícil de seguir. John Corbett suxeriu que estes extensos discursos son o intento de Sun Ra de chegar a un público xa familiarizado coas escrituras bíblicas. Sun Ra podería entón potencialmente usar esa familiaridade como punto de partida para explorar algunhas das súas crenzas máis esotéricas.

Na súa estadía en Chicago, a mediados dos anos cincuenta, Ra comezou a experimentar coa extraterrestrealidade no seu espectáculo en directo, tocando ás veces en salóns de cóctel convencionais vestido con traxes espaciais e indumentaria do Antigo Exipto. Ao situar a súa banda e as súas actuacións no espazo e en ambientes extraterrestres, Sun Ra construíu un mundo que era a súa propia visión de como a diáspora africana se conectaba.

A poesía e prosa recollidas de Sun Ra están dispoñibles nun libro, publicado en maio de 2005, titulado Sun Ra, The Immeasurable Equation. Outro libro con máis de 260 poemas de Sun Ra, Sun Ra: Collected Works Vol. 1: Immeasurable Equation, foi publicado por Phaelos Books en novembro de 2005. The Wisdom of Sun Ra: Sun Ra's Polemical Broadsheets and Streetcorner Leaflets foi publicado en formato libro en 2005 por WhiteWalls. Unha colección da poesía de Sun Ra, This Planet Is Doomed, foi publicada por Kicks Books en 2011[6].

Os escritos de Sun Ra con todo o seu ton esotérico tamén son cualificados de pacifistas pois en todos se falan da consciencia universal e do obxectivo de paz mundial.

Remove ads

Discografía parcial

A discografía de Ra é unha das máis extensas da historia da música, xa que o teclista gravou máis de cen álbums de estudio. No século XXI, a maioría deles xa non están dispoñibles ou son moi difíciles de atopar. O selo Saturn Records, fundado por Sun Ra, normalmente publicaba só 75 copias en vinilo de cada álbum, que se vendían nos concertos. Os primeiros álbums foron gravados polo músico na súa propia casa.

Dentre o enorme material gravado, segundo a crítica [7] os álbums máis referenciados de Sun Ra son:

  • Atlantis (1969)
  • Jazz In Silhouette (1959)
  • Space Is the Place (1973)
  • The Magic City (1966)
  • Super-Sonic Jazz (1957)
  • Interstellar Low Ways (1960)
  • Lanquidity (1978)
  • The Nubians of Plutonia (1966)
  • Secrets of the Sun (1965)
  • The Heliocentric Worlds of Sun Ra, Volume One (1965)
  • Cosmic Tones for Mental Therapy (1967)
  • Mayan Temples (1990)

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads