Thomas Graham
químico británico e Master of the Mint From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Thomas Graham, nado en Glasgow (Escocia), o 20 de decembro de 1805 e finado en Londres (Inglaterra), o 16 de setembro de 1869, foi un químico escocés coñecido polo seu labor iniciador na diálise e na difusión dos gases. Está considerado como un dos fundadores da química dos coloides.[1][2]
Graham recibiu o título de Master of the Mint, equivalente ao de director da Casa da Moeda de Londres, cargo que exerceu entre 1855 e 1869.
Remove ads
Traxectoria
Primeiros anos e formación
Thomas Graham naceu en 1805 en Glasgow, cidade na que cursou a súa educación secundaria. O seu pai era un próspero fabricante téxtil e quería que o seu fillo ingresase na Igrexa de Escocia, mais no canto diso desafiou o desexo paterno e ingresou na Universidade de Glasgow en 1819 para estudar a carreira de Química, da que se graduou en 1824.[3]
Logo proseguiu a súa formación estudando Medicina na Universidade de Edimburgo e, concluídos os seus estudos, exerceu brevemente como profesor de Química na Facultade de Medicina da Universidade de Glasgow. En 1828 foi elixido membro da Royal Society de Edimburgo, por proposta de Edward Turner, e foi merecedor da medalla Keith desta sociedade no período 1831-1833.[3]
Carreira posterior
En 1830, Thomas Graham foi nomeado primeiro profesor de Química na Anderson's Medical School, da Universidade de Strathclyde, e posteriormente trasladouse á Universidade de Londres para ocupar alí unha cátedra.[4] Nese período fundou alí a Chemical Society en 1841. En 1866 foi elixido membro estranxeiro da Real Academia das Ciencias de Suecia.
O derradeiro cargo de Graham foi o de Master of the Mint, equivalente ao de director da Real Casa da Moeda de Londres, que exerceu desde 1855 ata o seu falecemento. Foi a derradeira persoa nomeada con este título,[5] xa que posteriormente, o posto foi refundido co de ministro de Facenda.[6]
Thomas Graham finou en Gordon Square, Londres, e os seus restos mortais foron trasladados a Glasgow para ser soterrados alí, nunha propiedade familiar na Catedral de Glasgow.[3]
Remove ads
Labor como científico
- Véxase tamén: Lei de Graham
Thomas Graham é coñecido polos seus estudos sobre o comportamento dos gases, que deron lugar á formulación dúas teorías, ambas coñecidas desde aquel momento como «leis de Graham»: a primeira relativa á difusión dos gases,[7][8][9] e a segunda relativa á efusión dos gases.[10][11]
Graham tamén fixo descubertas fundamentais relacionadas coa diálise, un proceso utilizado na investigación e en contornas industriais, así como na atención sanitaria moderna. O estudo de Graham sobre os coloides deu como resultado a súa capacidade para separar coloides e cristaloides mediante o chamado «dializador», utilizando unha tecnoloxía precursora da das modernas máquinas de diálise renal.[12] Estes estudos foron fundamentais no campo coñecido como "química de coloides", e Graham é considerado un dos seus fundadores.[5]
Publicacións
- Graham, T. (1833). "On the Law of Diffusion of Gases". En Philosophical Magazine, 2. Páxinas 175-190, 269-276, 351-358.
- Graham, T. (1833). "Researches on the Arseniates, Phosphates, and Modifications of Phosphoric Acid". En Philosophical Transactions. 123. Páxinas 253-284.
Remove ads
Honras e recoñecementos

- Membro honorario da Royal Society de Edimburgo (1828), e receptor da medalla Keith desta sociedade (1831-1833).
- Membro da Royal Society (1836), e receptor da Medalla Real desta sociedade (1837 e 1863).
- Primeiro presidente da Sociedade Química de Londres (1841).
- Doutor honoris causa da Universidade de Oxford (1853).
- Medalla Copley da Royal Society (1862).[13]
- Premio Jecker da Academia de Ciencias de París (1862).
- Estatua de Graham, por William Brodie, en George Square, Glasgow (1872).[14]
- O edificio de Química do Royal College of Science and Technology da Universidade de Strathclyde), chámase Thomas Graham Building desde 1962.[15]
- A sede da Royal Society of Chemistry en Cambridge, Inglaterra, chámase Thomas Graham House.[16]
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads