86ª edición dos Óscar
From Wikipedia, the free encyclopedia
A 86ª edición dos Óscar, presentada pola Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas (AMPAS), galardoou os mellores filmes de 2013 dos Estados Unidos de América e celebrouse o 2 de marzo de 2014 no Dolby Theatre en Hollywood, California. A cerimonia tívose que pospoñer unha semana por mor da confluencia cos Xogos Olímpicos de Inverno de 2014 de Sochi, Rusia.[1] Durante a cerimonia, a Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas presentou os Premios da Academia (comunmente coñecidos como Oscars) en 24 categorías. O evento foi televisado nos Estados Unidos pola canle ABC, e foi producido por Neil Meron e Craig Zadan. A actriz e humorista Ellen DeGeneres foi a presentadora da gala por segunda vez. DeGeneres xa presentara a 79ª cerimonia no 2007.[2][3]
Gravity gañou sete premios, a que máis durante a cerimonia, incluíndo o mellor director para Alfonso Cuarón. 12 anos de escravitude gañou tres premios, incluíndo o mellor filme e mellor actriz secundaria para Lupita Nyong'o. Dallas Buyers Club tamén gañou tres premios, converténdose no quinto filme na historia dos premios en gañar o mellor actor e o mellor actor secundario para Matthew McConaughey e Jared Leto respectivamente. Outros gañadores foron Frozen e The Great Gatsby, con cadanseus dous premios. Cate Blanchett gañou o de mellor actriz por Blue Jasmine, o único premio do filme. Outros filmes que gañaron un premios foron The Great Beauty, Helium, Her, The Lady in Number 6: Music Saved My Life, Mr Hublot e 20 Feet from Stardom. Cuarón e Catherine Martin foron as únicas persoas en recoller múltiples premios, con dous trofeos cada un.[4][5]