From Wikipedia, the free encyclopedia
A alabarda[1] é unha arma antiga formada por unha hasta de madeira flanqueada por unha folla de machado nun lado e unha punta polo outro lado. Foi inventada na Idade de Bronce[2] ao colocar a folla dun puñal perpendicularmente a un mango, e o seu uso estendeuse coa cultura do vaso campaniforme.
Prominente nos séculos XV e XVI, barata de producir, era moi versátil na batalla. Hoxe só se emprega para usos cerimoniais, como os da Garda Suíza do Vaticano, así como "fósil director" nas escavacións arqueolóxicas.
As primeiras alabardas datan da Idade de Bronce;[3] a súa orixe é discutida e repártense entre Irlanda[4] (o país onde apareceron máis follas desta arma) e a civilización de "Los Millares" (Almería), así como sospeitas dunha orixe centroeuropea. Teñen aparecido algunhas follas delas en contextos funerarios formando parte dun enxoval mortuorio, entre outras armas e vasos campaniformes. Na Península Ibérica os científicos destacan tres grupos: Argárico, norteportugués ou Carrapatas e Montejícar. As de tipo Carrapatas son da rexión de Tras-os-Montes (aínda que moi semellantes ás alabardas irlandesas do mesmo período[5]) feitas en cobre cunha gran folla triangular e forte nervio central, en Galicia aparecen representadas en seis grupos de petróglifos (Laxe da Chan, Cangas; Castriño de Conxo[6]; Primadorno en Breixa, Silleda; Conles, Laxe, Moraña; Poza da lagoa en Monte Penide) xunto a outras armas e combinacións circulares. Malia ser a arma máis representada nos petróglifos, só se atopou unha mostra física no chamado "depósito de Leiro", en Leiro, Rianxo.
Contra finais da Idade Media a alabarda rexorde con outro deseño e, a partir do machado de guerra, xorde para facer fronte ás cotas de mallas e aos arneses de placas, xa que nestes séculos é cando se fai máis necesario engadir máis armas secundarias (picos) a unha arma principal como as follas dos machados. A finais da Idade Media converteuse na arma de infantaría[7] máis eficaz contra a cabalaría pesada e para repeler ataques nas fortificacións. Iso fixo que se convertesen nas armas por excelencia dos gardas dos castelos e palacios, formando parte do canon estético militar das unidades militares históricas, mantidas para fins decorativos, coas súas fardas e armaduras de época.
Esta arma usouse logo na Idade Moderna nos exército europeos coa forma que coñecemos agora, dun lado un machado e do outro un pico, que se podía acompañar dunha pequena lanza en vertical ao corpo do mango. Serviu como protección aos arcabuceiros[8]; así, cando estes estaban indefensos cargando as armas de fogo, os alabardeiros cubríanos. O seu uso prolongouse con éxito nos séculos XVI a XVIII, aínda que era inservible no corpo a corpo; nestes casos o alabardeiro levaba unha daga ou espada curta.
Actualmente só se usa como arma decorativa en corpos especiais para rituais de gran boato das monarquías europeas, como a española, e no Vaticano.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.