From Wikipedia, the free encyclopedia
Alain Robbe-Grillet, nado en Brest o 18 de agosto de 1922 e finado en Caen o 18 de febreiro de 2008, foi un escritor e cineasta francés. Foi o principal teórico e animador do movemento literario chamado nouveau roman.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2015.) |
Enxeñeiro agrónomo de profesión, viaxou por Marrocos, Guinea, A Martinica e Guadalupe de 1949 a 1951. Despois abandonou a profesión para dedicarse á literatura.
En 1953 publicou Les gommes, a súa primeira obra, que obtivo o Prix Fénéon. En 1954 apareceu Le Voyeur que foi premiado co Prix des critiques en 1955. Fixo amizade con Jérôme Lindon, director da editorial Les Éditions de Minuit, da que foi asesor literario de 1955 a 1985. En 1963 publicou Pour un Nouveau Roman, unha recompilación dos seus artigos editados principalmente no semanal L'Express, o que o converte no teórico dese movemento literario.
Tamén escribiu guións de cine, como L'Année dernière à Marienbad, dirixida por Alain Resnais en 1961, e foi el mesmo director de cine, destacando na súa filmografía as películas L'immortelle, Le jeu avec le feu e A bela cativa.
De 1966 a 1968, Alain Robbe-Grillet colaborou co Haut comité pour la défense et l´expansion de la langue française (Alto Comité para a Defensa e a Expansión da Lingua Francesa). De 1972 a 1997, foi profesor nos Estados Unidos, na Universidade de Nova York (NYU) e na Washington University de Saint-Louis (Missouri). Tamén dirixiu o Centro de Socioloxía da Literatura na Universidade de Bruxelas entre 1980 e 1988.
Alain Robbe-Grillet foi elixido membro da Academia Francesa da Lingua o 25 de marzo de 2004 pero renunciou a tomar posesión do cargo ao considerar a cerimonia obsoleta[1]. Morreu aos 85 anos, o 18 de febreiro de 2008, a causa dunha crise cardíaca.
Estaba casado desde 1957 coa escritora Catherine Robbe-Grillet, tamén coñecida co pseudónimo de Jeanne de Berg.
O nouveau roman caracterízase por un grao de obxectividade levado ao punto no que o autor non intervén coas situacións ou os personaxes e moitas veces os personaxes son só espectadores dun mundo de obxectos que parecen cobrar o principal valor (en canto actantes) das obras. Este movemento, no que se inclúe a Nathalie Sarraute, Claude Simon, Michel Butor, Robert Pinget, Marguerite Duras e Samuel Beckett, entre outros, foi apoiado por grandes críticos, como Roland Barthes, sobre quen escribiu páxinas agudas Robbe-Grillet.
A escritura de Alain Robe-Grillet foi descrita como "realista", "fenomenolóxica" (no sentido que lle dá Heidegger) ou como "unha teoría da superficie pura". As descricións metódicas, xeométricas e moitas veces repetitivas dos obxectos e dos lugares revelan a psicoloxía e a personalidade dos personaxes. O lector ten que recompoñer a trama e as experiencias emocionais a partir da repetición das descricións, da atención prestada a detalles en aparencia insignificantes, e das rupturas na continuación lóxica, como se se tratase dun crebacabezas. Este proceso recorda o método da psicanálise no que o significado profundo se revela por medio da descontinuidade ou da asociación de ideas. Tanto a trama como o desenvolvemento cronolóxico están fragmentados, polo que a novela resultante podería ser o equivalente literario da pintura cubista.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.